Amosando 182 resultados

Rexistro de autoridade
Persoa

Saco López, Cesáreo (1905-1994)

  • Persoa
  • (1901-1994)

Cesáreo Saco López, nado en Ousende (O Saviñao) o 9 de decembro de 1905 e finado en 1994, foi un avogado e político galego.
Ingresou canda o seu irmán Camilo no Seminario Menor de Monterroso. En 1919 pasaron ao Seminario Maior de Lugo onde fixeron catro anos de estudos eclesiásticos. Cara a 1923 deixan o Seminario e pasan a estudar o Bacharelato no Instituto de Lugo. En 1928 trasladouse a Ourense para traballar como profesor ao tempo que estudaba na Escola Normal, onde obtivo o título de mestre en 1933. Ingresou no Partido Galeguista en 1931. Aprobou as oposicións ao Maxisterio en 1934 e despois duns meses destinado en Palas de Rei, obtivo destino na escola de Ousende. Foi presidente das Mocedades Galeguistas e do PG de Monforte de Lemos. Durante a Guerra Civil foi encarcerado, xunto ao seu irmán Camilo, e desenvolveron un intenso labor pedagóxico entre os presos. En 1940 dedicouse ao ensino privado en Monforte de Lemos. En 1944 foi detido e confinado en Bóveda por un ano e en 1946 tivo que fuxir de Monforte debido a unha nova orde de detención, pero foi apresado en Madrid, xunto con Ramón Piñeiro, e encerrado no cárcere de Alcalá de Henares, no que permaneceu ata 1948. As clases de galego que deu aos presos en 1947, no cárcere de Yeserías, son as primeiras das que se ten constancia en toda a historia da lingua[1]. Despois da súa posta en liberdade, rematou a carreira de Dereito na Universidade de Oviedo e asentouse en Monforte como avogado. Participou na fundación do Partido Socialista Galego (1963) e na sociedade cultural Escola Aberta (1978). Nas municipais de 1979 encabezou a candidatura de Unidade Galega á alcaldía de Monforte e resultou elixido concelleiro. Recibiu o Pedrón de Ouro en 1986. REVISAR (Enciclopedia galega)

Rey Rodríguez, Salvador

  • FSR
  • Persoa
  • 1927.Ourense/01-04-1995.Ourense

Salvador Rey Rodríguez, nado en Ourense no 1927 e finado na mesma cidade o 1 de abril de 1995, foi un médico e político galego. Era fillo de Salvador Rey Larramendi, popular médico ourensán. Salvador casaría no ano 1955 con María Mercedes Suárez Mallón, filla do médico Ramón Suárez Vence. Con Mercedes tería dous fillos: Salvador, que tamén seguiu a profesión de médico, e Pedro, economista.
No tocante á súa ocupación como médico, licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1951, e posteriormente especializouse en Pulmón e Corazón en Madrid no ano 1953. Comezou practicando a medicina no barrio da Ponte, no que xa exercera o seu pai, colaborando tamén como cirurxián co doutor Juan Raposo no sanatorio Santa Cristina. Participou activamente nas campañas antituberculosas dos anos 60, obtendo praza no sanatorio de Piñor. A principios dos anos 70, e compaxinando o seu traballo no Servizo de Urxencias, obtivo praza de inspector médico. Consecuentemente, foi designado director da Residencia Sanitaria e xefe provincial de Institucións Sanitarias. Tamén asumiu a delegación do INSALUD na provincia de Ourense. Os seus derradeiros anos en activo pasounos dirixindo a Unidade Médica de Valoración de Incapacidades (UMVI).
Como galeguista e home comprometido con Galicia, tomou conciencia de Galicia ao seu paso pola Universidade, principalmente a través do contacto con algún dos herdeiros do republicano Partido Galeguista. En 1950, con 23 anos, formou parte do grupo fundacional da Editorial Galaxia, vehículo escollido polos vellos galeguistas para facer compatible a defensa da idea de Galicia, e a súa cultura, coa represión e censura franquistas. Nese mesmo ámbito cultural podemos encadrar o seu relevante papel nas conversas coa Igrexa para regularizar o oficio das misas en galego. Así mesmo, foi tamén un dos fundadores en 1967 da Agrupación Cultural Auriense, foco de difusión da cultura galega en Ourense. Por outra parte foi un dos fundadores, en 1976, do Museo do Pobo Galego, ademais de artífice de iniciativas como Escola Aberta, Premio da Crítica Galicia no ano 1980.
Por último, aínda que nunca se sentiu un político, o certo é que os contactos cos vellos galeguistas, moitos deles represaliados, a súa idea de Galicia e a represión sobre a lingua e a cultura galegas, así como o seu papel de médico “humanista” nun barrio humilde, levárono a participar na fundación, no ano 1963, do Partido Socialista Galego (PSG). En 1977 encabezou a lista ourensá do PSG ás primeiras eleccións democráticas. Posteriormente, foi deixando a política activa para dedicarse en exclusiva ás súas responsabilidades profesionais.

Resultados 21 a 40 de 182