Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Sociedad Gallega Sementeira

  • AE-SU-SGSem
  • Entidade colectiva
  • 1981-01-18 ata a actualidade

Esta asociación de emigrantes galegos na cidade suíza de Basilea foi creada en xaneiro de 1981 para "A defensa da identidade galega e o espallamento de todos os seus valores, así como a afirmación da súa arte, lingoa, cultura e costumes propias; a sociedade interesará aos membros por todos os problemas político-sociales, económicos e deportivos de Galicia e tentará estreitar os lazos de unión da Comunidade Galega establecida na demarcación consular de Basilea, arredores e en toda Helvecia".

En febreiro aprobaron os seus Estatutos, redactados en galego, e no mes de marzo iniciaron as súas actividades culturais cunha conferencia sobre Castelao.

A sé social contén bar, biblioteca, sala de ensaios e oficinas.

Entre as súas actividades máis destacadas está a celebración do Día das Letras Galegas, o Entroido, o Día da Muller Traballadora, entre outros, onde actúan o seu grupo de teatro, o grupo folclórico "Semente" e o grupo de gaitas "Sementeira". Organizan cursos de lingua, literatura, historia, xeografía e economía galegas.

Dende 1982 publican o boletín "Semente" como voceiro da sociedade.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Sociedad Gallega de Sindelfingen

  • AE-AL-SGa
  • Entidade colectiva
  • 1983 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada o ano 1983 polos emigrantes galegos residentes en Sindelfingen (Alemaña) cunha finalidade basicamente recreativa e de reunión e apoio dos seus socios tal e como recollen nos seus Estatutos: "El objeto de la sociedad es promover el entendimiento entre los pueblos, en especial entre españoles y alemanes. Sobre todo por medio de conocimientos personales, culturales, de idioma y de historia. De modo especial se preocupará del mantenimiento de lazos culturales y sociales con Galicia, sus gentes y su historia, así como su lengua y cultura. La finalidad de los estatutos se realizará sobre todo por contactos alemanes-españoles, culturales, actos históricos, los cuales puede presenciar cualquiera que apoye las metas de esta sociedad".

Organizan reunións para celebrar festas tradicionais como o Nadal, comidas, excursións recreativas; imparten ademais clases de galego, charlas, sesións de video e música, etc.

Sociedad fomento de Porriño y su distrito

  • AE-AR-SocPor
  • Entidade colectiva
  • 1916 ata 1938, ano no que as sociedades de emigrantes de Porriño se fusionaron para crear unha nova entidade denominada "Sociedad residentes del municipio de Porriño"

Esta entidade foi creada en 1916 polos emigrantes porriñeses residentes en Bos Aires.
A súa primeira Comisión Directiva estivo integrada por Marcelino Sequeiros, como presidente; vicepresidente, Pedro F. García; secretario, Carlos Fornos; prosecretario, Ignacio Paz; tesoureiro, Ricardo Saavedra; protesoureiro, Emilio Coto; contador, Emilio Rodríguez Leirós; bibliotecario, David Pereiro; vocais: Maximino Pereiro, Jesús Pérez, Verisimo Pérez, Juan Carrera Valverde, Manuel R. Fernández, Eleazar Pereiro, José Leiras, Evaristo I. Catalán, J. Domínguez, M. Afaro, E. Rodríguez, J. Saavedra, Antonio Casalmorto, J. González, F. Oya.
Os fins recollidos nos Estatutos son: "a unión dos naturais de Porriño e aportar desde América alentos e apoios morais e materiais en pro da cultura e da redención do caciquismo ó que está sometido o pobo galego". Entre outros obxectivos está a fundación e lograr o sostén económico de escolas gratuítas para nenos e nenas no seu concello natal, e salientan a importancia da educación física no programa escolar e as clases nocturnas. Tamén desexa fundar bibliotecas en todo o distrito para o público en xeral e axudar no desenvolvemento comercial da súa terra natal, cooperando na construción e conservación dos camiños comunais e veciñais. Outro aspecto sería a loita pola derogación de determinados impostos municipais que pesan sobre os artigos e produtos de primeira necesidade. Pide ás autoridades a creación dun corpo de bombeiros para toda a comarca".
En decembro de 1923 un grupo de socios descontentos da actuación da xunta directiva decide separarse e crear outra sociedade que se denominará "Unión Agraria Parroquias Unidas del Distrito de Porriño"; esta sociedade quince anos despois, en 1938 apoiará a idea de fusión das sociedades de porriñeses existentes en Bos Aires e crean a actual "Sociedad residentes del municipio de Porriño".

Sociedad Finisterre en América

  • AE-AR-SFis
  • Entidade colectiva
  • 1926-10-12 ata a actualidade

Esta asociación foi fundada por un grupo de emigrantes naturais do concello de Fisterra, residentes en Bos Aires, e que se separaron da sociedade ABC del Partido Judicial de Corcubión, disconformes con algunhas das decisións tomadas. Foron os seus fundadores Angel Lires, José Traba Calvo, Ramón López Castro, Ricardo Santamaría, Jesús M. Traba, Casto M. Insua e Valentín Castreje.
Dende a súa creación os fins da sociedade foron: ser nexo de información aos naturais de Fisterra radicados na Arxentina co seu pobo de orixe; socorrer a esas persoas en casos de verdadeira necesidade como enfermidades, invalidez, ou orfandade; lograr o melloramento intelectual e cultural dos seus asociados; soster unha revista como órgano oficial da sociedade e fundar unha biblioteca e un salón de lectura. Tamén contemplan a realización de festas, reunións, conferencias, etc. para fomentar a unión entre todos os fisterráns que viven na Arxentina.
Dende moi pronto contan con sede social propia, sita na rúa 12 de octubre, de Avellaneda. Consta de dúas plantas: na baixa hai un salón, oficiñas, cociña e depósitos; na planta alta, salón, bar, ximnasio e sala do caseiro. As festas e reunións sociais celébranse nun campo recreativo e cultural chamado "Ara Solis", situado en Florencio Varela, con quincho para 300 persoas, pista de baile, recreo arbolado, piscinas, cancha de tenis e volei, zona de estacionamento e cantina. Tamén contan con instalacións deportivas na Colonia "La Capilla".
En 1937 hai unha reorganización da sociedade que estivo a punto de desaparecer.
En 1928 comezan a publican unha revista mensual coa cabeceira de "Finisterre", que funciona como órgano oficial da entidade. En 1995, editan un boletín, "Mareaxe" que distribúen cunha periodicidade trimestral entre os asociados e tamén a revista "Faro de Finisterre".
Crean un grupo de danzas e música "Aires de Fisterra", con 12 bailaríns e músicos, que actúan nas súas festas.
No ano 1988, houbo disensións entre os socios, o que levou a creación de dúas sociedades cunha denominación similar.

Sociedad Estudiantil Concepción Arenal

  • AE-CU-SECA
  • Entidade colectiva
  • 1917-01-1

Esta sociedade cultural foi fundada o 1 de xaneiro de 1917 por antigos ex-alumnos do Plantel escolar do Centro Gallego "Concepción Arenal" co obxecto de cultivar a cultura galega e cubana entre os seus socios. Entre as súas actividades destacaron a organización de veladas artísticas, concertos musicais, conferencias, xogos deportivos e todo canto favorezese á cultura física, moral e esparcemento dos seus socios.
A directiva fundacional estivo constituida por: José Lens Gómez, como presidente; vicepresidente, José Ramudo; secretario, José Abraira Jartin;vicesecretario, Ceferino Neyra; tesoureiro, Jesús Lamazares; vicetesoureiro, Rosendo Bernardo; vocais: Benito Rodríguez, José Bermudez Nieto, Rogelio de la Serna, Perfecto López Vidal, Manuel Blanco Sueiro, Benigno López, José Sa Martín, Miguel Pierres, Marcelino Alcubilla, Manuel Vázquez, José Rañó, Ángel Rivera, Ángel Barreiro, Ignacio Piñeiro,Saturnina González, Carmen Otero, Herminia Vázquez, Elisa Ajo, Elena Mata, Elena Cacheiras.
Na actualidade o seu presidente é Francisco Avena.

Sociedad española de socorros mutuos La Nacional

  • AE-USA-SMNac
  • Entidade colectiva
  • 1868 ata a actualidade

No outono de 1868, un pequeno grupo de españois xuntáronse nun pequeno local do 151 Bowery Street en Manhattan, para crear la Sociedad Española de Socorros Mutuos (Centro Español-Spanish Benevolent Society). Os fundadores, que procedían de diferentes partes de España, quixeron formar unha sociedade onde os emigrantes recén chegados puideran atopar o apoio da colonia española xa asentada na cidade.
Este centro foi creado co obxectivo principal de “promover, fomentar y difundir el espíritu de fraternidad y solidaridad entre españoles e hispano-americanos residentes en el país”. Nos primeiros anos axuda aos emigrantes españois necesitados dándolles manutención, aloxamiento, servizo médico e funerario, funcionando ademais como un centro de reunión para os socios. Aínda hoxe, cunha circunstancias moi diferentes, a entidade segue mantendo o seu compromiso de axudar a todos aqueles españois que chegan a Nova York.
O Centro segue mantendo o legado dos seus fundadores e organiza exposicións de arte, bailes folclóricos, concertos de música, presentacións de libros e películas, conferencias, mostras gastronómicas, e outros eventos que conservan e difunden a cultura e historia de España en Nueva York. Colabora en moitas destas actividades con outras entidades hispanas na cidade como o "Círculo Español" ou con institucións como o Consulado ou o Instituto Cervantes. Participa en destacados eventos como o Desfile de la Hispanidad en outubro, e recuperou a celebración da festa do apóstolo Santiago.
Situada na Calle 14, entre a séptima e octava avenidas, a sede da asociación converteuse na última pegada dun dos enclaves españois máis paradigmáticos da cidade, coñecido popularmente como a “Litle Spain”.

Sociedad española de Cochabamba

  • AE-Bo-SECoch
  • Entidade colectiva
  • Descoñecida. Existe en 2000

Esta entidade foi creada por membros da pequena colectividade española residente na cidade de Cochabamba en Bolivia. Nela está integrada un pequeno grupo de galegos que formaron a denominada "Peña Gallega".
No ano 2000 recibiron a visita do presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga.

Sociedad española de beneficencia y mutualidad, Hospital español de Mendoza

  • AE-AR-HEMen
  • Entidade colectiva
  • [1923] ata a actualidade.

En 1918 a "Sociedad española de socorros mutuos de Mendoza" defendeu a idea, ante a colectividade española residente na cidade, da necesidade de crear un hospital para atender a todos os emigrantes españois enfermos que residiran na zona.
Creouse entonces unha "Comisión pro-hospital" integrada polos presidentes y secretarios de todas as asociación españolas de Mendoza, e presidida por Rito Baquero, presidente da sociedade de socorros mutuos. Esta comisión foi o xerme da creación en 1923 da "Sociedad española de beneficencia y mutualidad" que tiña como finalidade prioritaria a construción do sanatorio.
Uns meses despois, Balbino Arizu, rico bodeguero español instalado alí, consegue, coa axuda doutros comerciantes españois a cantidade de 125.000 pesos destinados á construción do hospital. O Sr. Escorihuela, tamén bodegueiro español, doou o terreno onde se erixiu o centro médico.
A colectividade participou activamente na consecución dos fondos precisos e en 1939 foi inaugurado o Hospital español, que aínda hoxe segue funcionando como centro hospitalario e médico.

Sociedad española de beneficencia Hospital español

  • AE-AR-SocHos
  • Entidade colectiva
  • 1852-09-05 ata a actualidade.

Esta entidade fundouse en Bos Aires baixo a denominación de "Sala Española de Comercio y Asilo de Beneficencia" promovida por D. Vicente Rosa y Carin, coa intención de crear unha casa de beneficencia para os españois indixentes.
Esta iniciativa recibiu o apoio de destacas personalidades da colectividade como Francisco Gómez Díez, Benito Hortelano, José Miguel Bravo e Vicente Casares, entre outros.
Tras unha época de crise foi refundada o 20 de novembro de 1857 como "Sociedad Española de Beneficencia" e baixo os seus auspicios o 8 de decembro de 1877 foi inaugurado o centro hospitalario que é coñecido como "Hospital Español". Dende ese momento e ata a actualidade ofrece asistencia sanitaria gratuíta aos seus socios e aos emigrantes españois máis necesitados. Conta ademais cunha farmacia social.

Sociedad española de beneficencia de Panamá

  • AE-PAN-SEB
  • Entidade colectiva
  • 1885 ata a actualidade

A Sociedad Española de Beneficencia de Panamá foi creada en 1885, nunha reunión doa colectividade española residente na cidade, e baixo a presidentcia José Mª Fernández. Foi a sociedade de emigrantes máis antiga no país, aínda cando Panamá formaba parte de Colombia e tivo unha grande influencia e foi referente para todas as entidades de emigrantes creadas despois.
O seu obxectivo principal foi sempre a beneficencia, o socorro e auxilio a todos os seus socios. Naceu como unha institución sen ánimo de lucro que tiña como fin último fomentar a unión entre os españois e os seus descendentes. Isto foi o que conseguíu en todos os anos de existencia: converteuse nun aglutinador que favorecía o proceso de integración dos emigrantes no novo país de acollida.
Nos primeiros anos de existencia houbo un debate entre os socios sobre si primar o aspecto benéfico e mutualista e outros que querían destacar os fins recreativos. Produto destas disensión foi a primeira escisión de socios que crearon o Centro Español de Panamá. Anos máis tarde, coa guerra civil, tamén houbo enfrontamentos enre partidarios da República e os franquistas, que derivarían na fundación doutro centro ao marxe da sociedae que se pasaría a chamar, “Club Deportivo Unión Española” (1962).
A sociedade durante os seus primeiros 27 anos de vida foi eminentemente benéfica, actividade ao que co tempo se foron unindo actividades culturais e recreativas. Así aparece no seu primeiro regulamento, no artigo 2: “ El objero de la sociedad es:

  1. Socorrer a todo individuo que forme parte de ella y que hallándose enfermo, sin recursos, reclame sus auxilios para curarse, atendiendo a los gastos de su entierro, si falleciera, sin dejar con qué hacerlo.
  2. Favorecer en cuanto sea posible a todo español que habiendo pertenecido a la sociedad, mientras se lo permitieron sus recursos, se hallase sin medios de subsistencia e imposibilitado de procurársela por el mal estado de salud.
  3. Socorrer a las viudad y huérfanos de los españoles que hayan pertenecido a la sociedad, siempre que carezcan de recursos para su sustento diario
  4. Auxiliar a los españoles, no socios, residentes o transeúntes, siempre que comprueben estar necesitados.
    De 1885 ata 1912 a SEB estivo situada en locais alugados do barrio de Santa Ana, da capital panameña pero nese ano se instala na Avenida Central, nun edificio da súa propiedade. En 1960 trasládase á Vía España onde estaría ata 1975, ano no que se ubican na urbanización La Loma, na zona de Hato Pintado.
    A partir de 1965, tras anos convulsos por disensións entre varias faccións dos socios, a institución se estabiliza e deriva as súas actividades máis ao recreo que á beneficencia, perdendo a súa identidade inicial. O cambio social e económico tanto do país como da colectividade emigrante, provoca que a beneficencia sexa un aspecto residual, destinada ás doazóns ao Asilo de anciáns e á Escuela España de Natá de los Caballeros. En febreiro de 1975 aproba uns novos estatutos nos que aparecen as finalidades principais:
  5. Fomentar a unión entre os españois e os seus descendentes residentes no territorio da república
  6. Estreitar os vínculos de amizade entre panameños e españois
  7. Impulsar a cultura en xeral ampliando e extendendo as súas actividades e enaltecendo os seus valores fundamentais
  8. O recreo, estimulando toda clase de diversións e entretementos
  9. A beneficencia, que se exercerá nos seus aspectos pertinentes

Sociedad del partido judicial de Arzúa, mutualidad, cultura y beneficencia

  • AE-AR-SocArz
  • Entidade colectiva
  • 1923-06-01. Non existe na actualidade.

Esta sociedade agraria foi creada baixo o patrocinio da sociedade "Unión Galaico-Americana" e dun grupo de emigrantes galegos naturais da Terra de Melide, entre os que se atopaban Manuel Villar, Silvestre Villar, Luis Carreira, Luis Paliño, José Muíña, Andrés Gómez, Andrés García, Luis Agra, Francisco Lata, Manuel Suárez e Bonifacio Botana.
Xa nos seus comezos organiza unha colecta para axudar economicamente aos labradores dos concellos do distrito de Arzúa para realizar un mitin de protesta contra o reparto de consumos.
Nos primeiros anos pasan por diversas crises, chegando incluso en 1927 a separarse un grupo de socios que crean unha nova entidade cunha finalidade máis recreativa.
No ano 1931 os socios aproban en asemblea a fusión con "Hijos del partido judicial de Arzúa", pasando a denominarse "Centro del partido de Arzúa". Continúan cos fins agraristas pero tamén priman o apoio mutuo entre os socios: envían apoio moral, solidario e económico aos que no seu distrito natal loitan para a capacitación dos agricultores galegos; ademais sostén economicamente á sociedade de agricultores de Arzúa, a "Liga de Defensa para los derechos del pueblo y su progreso".
Xa nos anos 40 centran as súas actividades na axuda mutua dos asociados máis necesitados e en organizar diversas actividades recreativas para os socios.
Non temos constancia da data da súa desaparición pero na actualidade os emigrantes das comarcas de Arzúa e Terra de Melide, son socios do Centro Arzuano Mellidense, creado en 1935.

Sociedad de Socorros Mutuos Hijos del Partido de Villalba

  • AE-AR-HVil
  • Entidade colectiva
  • 1914-06-06 ata 1918

Fúndase en 1914 co nome de SOCIEDAD DE SOCORROS MUTUOS HIJOS DEL PARTIDO DE VILLALBA. Muda de nome en asamblea xeral o ano 1918 por CENTRO VILLALBÉS.

Esta asociación de emigrantes galegos naturais do partido xudicial de Vilalba, residentes en Bos Aires foi fundada o 6 de xuño de 1914 coa finalidade de socorrer aos seus socios en caso de enfermidade ou por falta de traballo, axudando na súa repatriación. É tamén unha sociedade recreativa donde os seus socios se reunían para recordar a súa terra e as súas romarías.
Coa chegada da República en España se declaran partidarios do novo sistema político e en 1937 tras o estoupido da guerra civil organizan unha agrupación de axuda ao goberno
español, cos seguintes fins: "propender al apoyo moral y material del gobierno legítimo de España, que defiende la libertad y soberanía del pueblo contra la invasión de las hordas fascistas, que pretenden convertirlo en una colonia italo-germana" ("Galicia", nº 523).

Sociedad de Saviñao y sus contornos

  • AE-AR-SSav
  • Entidade colectiva
  • 1928. Non existe na actualidade.

Esta entidade foi fundada polos emigrantes naturais do concello de Saviñao residentes na Arxentina, cunha finalidade cultural e recrativa. Xa dende os seus inicios crean unha comisión para construír unha torre cun reloxo na vila de Escairón.
No ano 1944, axudan aos seus veciños residentes na cidade de Rosario para que eles tamén crearan unha sociedade co mesmo nome e coa que estiveron moi vinculados nas súas diversas actividades.

Sociedad de Recreo y Beneficencia Meira y Pol

  • AE-CU-MeiPol
  • Entidade colectiva
  • 1951-02-26 ata a actualidade

Esta entidade é o resultado da fusión das sociedades "Meira y sus comarcas" e "Hijos del Ayuntamiento de Pol y sus Comarcas", realizada o 1 de marzo de 1951.
A sociedade "Meira y sus comarcas" foi creada o ano 1909 na cidade da Habana polos emigrantes do concello de Meira, residentes alí cunha finalidade recreativa, para organizar celebracións de actividades lúdicas e recreativas para os seus socios. En 1917 a súa xunta directiva estivo formada por: presidente, Gabriel Yáñez Rancaño; Vicepresidente, Manuel Fernández; secretario, Antonio Gallego Valiña; vicesecretario, Ángel Díaz, tesoureiro, José Soto Méndez; vicetesoureiro, Ricardo Rivas; vogais, José María Soto, Justo Díaz, José Bouso, Jesús Cubas, Eduardo Rodriguez, José Fernández, Andrés Bargueiras, Manuel Saavedra, Abelardo Villaamil, Manuel Pedre Moré.
"Hijos del Ayuntamiento de Pol y sus comarcas" foi fundada na capital cubana polos naturais do concello de Pol en 1928.
Tras a súa fusión no Regulamento de abril de 1951 aparecen especificados os seus fins: proporcionar actos de recreo e esparcimento para os asociados, cando os recursos sociais o permitan, practicar a beneficencia mutual na meirande amplitude, e contribuír ao engrandecemento de Meira e Pol, coma homenaxe e recoñecemento aos fundadores da sociedade, oriundos de ambos concellos. Un exemplo do seu labor asistencial na illa foi o de visitar a socios enfermos que solicitaban socorro, dentro do perímetro da cidade da Habana, en Marianao, Regla e Guanabacoa.
Na actualidade o seu presidente social é Víctor A. González Pérez.

Sociedad de mutualidad y cultura muradana

  • AE-AR-SocMur
  • Entidade colectiva
  • 1913-12-01

Esta sociedade mutualista e instrutiva foi fundada en Bos Aires por un grupo de emigrantes naturais do concello de Muros, residentes na capital. Os seus fins, declarados nos estatutos sociais, son a protección dos asociados e a construción de escolas nos distritos do seu partido xudicial, así como atender as diversas necesidades que se poidesen presentar no seu pobo natal.
Entre os seus fundadores pódese citar a José Lamela, , Amado Louro ou Manuel Dou.
O ano 1922 esta sociedade realizou un xiro por valor de 560 pesetas para que fosen distribuídas entre os pobres do asilo, o día do patrón do pobo, San Pedro; igualmente envíou 250 pesetas á parroquia de San Juan de Serres, para seren repartidas entre os pobres o día da súa festa patronal.
En 1928 os socios aprobaron en asemblea xeral o anteproxecto de construción dunha Casa de Socorros ou Hospitalillo en Muros, co fin de dotar á localidade dun fogar onde puidesen recibir hospedaxe e asistencia médica gratuíta os enfermos menesterosos de todo o distrito. Este proxecto nembargantes nunca chegou a ser realizado.

Sociedad de Mondoñedo y sus distritos

  • AE-AR-SocMond
  • Entidade colectiva
  • 1920-11-01. Non existe na actualidade

Tras a desaparición das dúas sociedades representativas de Mondoñedo na capital arxentina "Los Mindonienses en la Argentina" e "Orfeón Mindoniense", un grupo de naturais deste concello fundan no ano 1920 a sociedade "Mondoñedo y Distritos" para o fomento da cultura, protección, arte e recreo dos seus asociados. Entre os seus fundadores pódese citar a Alfredo Parga, Ricardo Veiga, Valentín González, Nicanor Flores, Manuel López, Victor Domenech, Ladislao Coldeira, Juan García, Lisardo García e José Fraga.
Esta entidade realizou tras a súa creación numerosos actos culturais e benéficos, desenvolvendo un labor intenso e solidario a prol da súa vila natal e da numerosa colectividade mindoniense residente no país. Ademáis tiña por obxecto a repatriación por enfermidade e procurar traballo para os socios.
En 1922 esta sociedade decide instalar unha cruz na memoria do cura de Mourense na súa vila natal, no lugar coñecido como Pimpín, onde fóra fusilado en 1808. Sabemos tamén do envío de numerosas doazóns para a xente necesitada ou para os orfos dalgúns dos seus socios máis necesitados.
En Bos Aires ese mesmo ano organiza un festival artístico en honor do seu distinguido compatriota Fernando Lorenzo Rico e a beneficio exclusivo da publicación das obras poéticas do malogrado vate mindoniense, Manuel Leiras Pulpeiro. En 1923 publican un album artístico-literario baixo o título "Do Noso Lar" para difundir as belezas da súa terra.
En 1925 comeza a construír un edificio que será empregado como escola, para o que iniciaron unha subscrición por todos os países onde houbese emigrantes naturais desta zona luguesa. Envían en agosto dese ano 1.500 pesetas ao seu representante en Mondoñedo, José Polo Folgueira, como axuda na construción das "Escuelas Graduadas de Mondoñedo".
En 1927 doa 500 pesetas para o hospital de San Pablo de Mondoñedo, e fixa unha cuota anual de 300 pesetas para a conservación e mellora da vitrina e instrumental de cirurxía, doada anos atrás polos mindonienses residentes en Buenos Aires.

Sociedad de Meira y sus contornos

  • AE-AR-SocMei
  • Entidade colectiva
  • 1924-12-14 ata 1943, no que entra a formar parte do Centro Lucense de Buenos Aires

Esta sociedade foi fundada por un grupo de emigrantes naturais do concello de Meira, residentes na capital arxentina. Entre os seus fundadores podemos destacar a José Mª Abraira Fartín, Manuel Rico e Avelino Díaz.
Como lema social tiñan o seguinte obxectivo: "Todo por la escuela laica y por el mejoramiento de la clase trabajadora".Tal e como se recolle no "Correo de Galicia", nº 984, desexan: "Ayudarnos y protegernos unos a otros, prestar nuestra ayuda moral y material a las sociedades agrarias y al pueblo trabajador de dichas comarcas así como fundar y sostener escuelas, que son útiles y tan necesarias en aquellas regiones y por último laborar por el bien y la grandeza de aquel pedazo de tierra que nos vio nacer".
O principal obxectivo ao que aspiran é "es la fundación de escuelas laicas donde la juventud de aquellos pueblos apartados y faltos de escuelas tan necesarias como el pan de cada día, para combatir el analfabetismo, se eduque y prepare para la lucha de la vida". Non só aspiraban a crear escolas en Meira sinon tamén en Bos Aires, para formar aos seus socios para que tivesen máis posibilidades de traballo e de ascensión laboral e social.
En 1926, publica en "El Despertar Gallego", nº 72, o seu proxecto de acción agraria y cultural:
"1º - a) entablar relaciones con aquellas personas y agrupaciones con sede en Meira o sus comarcas, cuyos fines sean en pro de la instrucción pública; b) nombrar un corresponsal en cada parroquia del radio de acción de esta asociación; c) solicitar la cooperación de la Sociedad "Meira y sus comarcas" de la Habana
2º - Según el título VII prestará auxilio a las sociedades agrarias y propagará la fundación de las mismas en todas las parroquias que sean necesarias y para ello deberá:
a) procurar por todos los medios de la fundación de un periódico órgano de las sociedades agrarias
3º - procurar por todos los medios al alcance de la asociación, la redención de los foros pudiendo prestar apoyo moral y material a los que en defensa de su suspensión fuesen a los tribunales
4º - cualquier establecimiento cultural a cuyo sostenimiento contribuya la asociación, ésta deberá ser neutral e independiente de todo credo religioso (...)".
Esta entidade foi creada coa idea de crear e soster escolas na comarca de Meira, pero en 1929 declara que aspecto que este labor xa non é necesario e céntrase nas actividades sociais e divulgativas, iniciando unha campaña agrarista en Galicia e de loita para que descenda a emigración.
En 1935 crea un "Comité pro-libro galego" para recadar fondos e mercar material escolar e libros en galego para as escolas do seu concello natal.
En 1943 fusiónase con outras sociedades de emigrantes da provincia de Lugo en Bos Aires, creando o Centro Lucense.

Sociedad de instrucción y recreo La Juventud de Cecebre

  • AE-USA-JCec
  • Entidade colectiva
  • 1919-01-01. Non existe na actualidade.

En 1918, un grupo de mozos da parroquia de Cecebre, liderados por José García Gómez e José Barral Méndez, fundaron unha sociedade recreativa na parroquia co nome de La Juventud de Cecebre. A súa finalidade era construír un edificio social para que as e os veciños se reunisen e organizasen bailes e outras actividades recreativas, pero tamén para cubrir algunhas necesidades da parroquia, como ter unha biblioteca e unha caixa de primeiros auxilios.
Aos poucos meses, fixéronlles unha chamada de axuda aos veciños que estaban emigrados en Nova York. Estes responden a esta petición e tras varias reunións fundan unha sociedade para conseguir fondos e construír un edificio social. Impoñen a idea de que no edificio tiña que funcionar unha escola onde recibisen ensino primario todos os nenos da parroquia.
O 8 de outubro de 1922 inauguran o edificio social, pero non será ata 1929 cando se constitúa oficialmente a escola de carácter mixto, situada nas dependencias do primeiro andar.
Ademais da construción do edificio, a entidade mandará cartos e material bibliográfico para a biblioteca, así como materiais educativos para a escola, sobre todo aparellos de calidade, moi caros e difíciles de conseguir en Galicia, como unhas máquinas de escribir, que enviaron en 1931, ou un amplificador e micrófono para o salón de baile.

Sociedad de Instrucción y Beneficencia Naturales del Ayuntamiento de Puentes de García Rodríguez

  • AE-CU-Puent
  • Entidade colectiva
  • 1912-01-28 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada polos emigrantes naturais do concello coruñés das Pontes de García Rodríguez residentes na illa de Cuba. Atilano Mouriño, un dos membros máis destacados da colectividade, convocou unha reunión na súa casa, á que asistiron, entre outros, Plácido López, Manuel Baamonde, Jesús Cabarcos, César Cal, Guillermo Baamonde, Antonio Castro, Amador Seoane, Vicente Seoane, José María Picos, Jesús Picos, David González e Jesús Teijeiro, socios fundadores da nova entidade.
O fin desta era axudar no desenvolvemento da «instrucción primaria y gratuita en cada una de las parroquias de Freijo, Deveso, Aparral, Vilabella y San Mamed y de segunda enseñanza en la villa de Puentes de García Rodríguez para cuyo fin se construirá en cada localidad un edificio adecuado, con capacidad suficiente para dos aulas, una de niños y otra de niñas».
Xa dende un primeiro momento, realiza unha activa campaña de propaganda para conseguir o maior número de socios. Creou varias delegacións por toda a illa de Cuba, en zonas onde residían pontenses: Batabanó (fundada en 1913, con Miguel Fontao Pita como delegado), Pinar del Río (1913, delegado Domingo Seco), en Cienfuegos (delegado Adriano Fernández), en Colón (con Francisco Formoso), en Morón (con Ramón Pita López) e en Santa Clara (delegado, Narciso López Ferro). Tamén, en 1917, comezou a funcionar unha delegación en México, na cidade de Progreso, con José M.ª Pajón como delegado; e, en 1921, fundou unha delegación nas Pontes, con Jesús Cabarcos Cal como presidente. Esta delegación foi a encargada de xestionar as remesas de cartos enviadas pola sociedade habaneira para a construción dos edificios escolares e de todos os aspectos relacionados con este fin (estudo e elección dos lugares onde debían ser construídos os centros, encargo dos planos e memorias de obras e da súa supervisión, contratar ou despedir os mestres, compra de mobiliario e material educativo, etc.).
Nos primeiros anos dedicouse a incrementar os fondos sociais coa organización de festas, cobro de cotas, etc. Para incentivar a instrución e frear o absentismo escolar no seu concello, enviaban xiros periódicos para dotar os premios que se lles concedían aos alumnos máis destacados das escolas pontensas.
En 1922, colaborou co Concello das Pontes na construción dun novo cemiterio na vila.
En 1923, mercou un terreo na vila das Pontes, duns 2800 m2, para construír o seu primeiro edificio escolar, situado de maneira estratéxica fronte á sede do concello e que tivo un custo de 500 pesetas. Entre os anos 1927 e 1928, comprou varios soares nas parroquias do Freixo, Vilavella, O Deveso e Somede, co fin de construír varias escolas nestes lugares.
Unha vez construídos os edificios, a sociedade cedíallos ou alugáballos ao Concello, que era o encargado de acondicionar as escolas, aínda que a sociedade se ocupaba da compra de mobiliario e material educativo.
En 1938, fixo un panteón social no cemiterio Colón.
No regulamento de 1941 aprobou o cambio de finalidades da entidade, que pasa a denominarse Sociedad de Beneficencia y Recreo Naturales del Ayuntamiento de Puentes de García Rodríguez. A partir dese momento era prioritaria a axuda mutua entre os socios (visitas aos enfermos, axudas económicas aos máis necesitados, etc.) e a organización de actividades recreativas para incentivar a unión dos pontenses residentes en Cuba e o seu lecer.
Un acontecemento destacado foi a súa fusión o 29 de agosto de 1987 coa sociedade "Hijos del Ayuntamiento de Golada" creada o 10 de setembro de 1922. Dende entón as sociedades irmandadas integran a directiva ata a actualidade, reformando o regulamento social para o seu mellor funcionamento.

Resultados 201 a 220 de 1750