Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Sociedad de instrucción y apoyo Sada y sus contornos

  • AE-USA-Sada
  • Entidade colectiva
  • 1913-05-19 ata os anos 80 do pasado século

Esta sociedade foi fundada polos emigrantes naturais do concello de Sada residentes na cidade de Nova York, coa finalidade principal de «crear escolas neutras e laicas en Sada».
Como fundadores desta nova entidade podemos citar a Ramón Mosteiro –que foi o seu primeiro presidente–, José M. Carregal, Juan A. López, José A. Roel, Juan Barreiro, Vicente Sánchez, Antonio Fernández Pita e Dionisio Vecino. Todos eles conseguiron implicar no proxecto ao pequeno colectivo de sadenses que alí vivían.
No seu primeiro regulamento social, con data de 1914, aparecían especificados os seus fins xerais: «Difundir y mejorar la enseñanza elemental en el referido término municipal así como también propagar y dar a conocer los fines y principios del raciocinio natural por medio de un sistema educativo y neutro, el cual estará basado en un plan de enseñanza moderno, verdadero y natural, libre de errores y prejuicios dogmáticos y sectaristas [...]. La Sociedad admitirá en sus planteles de enseñanza a todos los niños de ambos sexos que se justifique carecen de recursos pecuniarios, así como también a los que residan en los Ayuntamientos colindantes de Bergondo y Oleiros. Dotará de casa-escuela a la capital, parroquias y aldeas del Ayuntamiento de Sada».
En 1920, comezaron as xestións para a construción do edificio escolar, das cales se ocupou unha delegación da sociedade en Sada. Ese mesmo ano mercouse un soar na vila coas 1500 pesetas enviadas dende Estados Unidos.
Ao longo dos anos, a sociedade organizou numerosas actividades e festas co fin de recadar fondos para a construción do colexio e para a dotación deste de mobiliario e material educativo. Por exemplo, en 1925, aparece na prensa da colectividade a noticia de que as sociedades Sada y sus contornos e Club Coruña organizaran unha Fiesta de la Flor, coa que recadaron 1120 dólares, destinados a partes iguais ao Sanatorio Marítimo de Oza e ás obras do edificio escolar que se estaba a facer na vila de Sada. Ademais, fixeron outras doazóns de carácter solidario e benéfico coa súa localidade de orixe: en 1924 enviaron máis de 3000 pesetas para mercarlles víveres de primeira necesidade para os damnificados por un temporal e para os pobres do concello, e tamén deron axudas puntuais para casos de extrema necesidade.
En 1927, despois de numerosas trabas burocráticas, inaugurouse a escola, que dispoñía de catro aulas e dunha biblioteca doada pola sociedade arxentina Pro-Escuelas Unidos de Sada. Esta biblioteca denominouse República Argentina e contaba con abundantes fondos bibliográficos de literatura, teatro, historia e xeografía arxentinas. Ademais, a sociedade pagáballes aos alumnos máis pobres a roupa, o calzado e a comida; tamén custeaba o soldo dos mestres.
Coa Guerra Civil, o edificio escolar foi incautado e pechado.
Os poucos socios que tiña a entidade nos anos 40 e a imposibilidade de continuar co seu labor en Sada levaron a que se integrase nunha entidade maior que acollía a maioría dos galegos que vivían na cidade de Nova York: a Casa Galicia de Unidad Gallega, que tiña como finalidade principal darlles apoio mutuo e recreativo a todos os galegos residentes na cidade.
Os últimos socios reuníanse habitualmente no bar Castilla, propiedade de Ramón Castilla, quen foi o depositario dos fondos sociais.
Na década dos 80, xa practicamente sen socios, foi disolta como entidade e os seus fondos doados á Universidade de Columbia, onde se colocou unha placa de recoñecemento, lembrando este acto de xenerosidade.

Sociedad de Instrucción Unión de Rubín

  • AE-CU-URub
  • Entidade colectiva
  • 1906-12-09. Non existe na actualidade

Esta sociedade foi fundada polos emigrantes naturais da parroquia estradense de Rubín residentes na Habana e seguía o exemplo de sociedades de instrución como a Alianza Aresana. A noticia da súa fundación aparece rexistrada na revista habaneira Galicia, na que se pode ler: «El pasado domingo se reunió en el local de la sociedad regional “Orfeón Ecos de Galicia”, gran número de entusiastas hijos de la colonia de Rubín, iniciadores del proyecto de construcción de un edificio destinado a escuela en donde se dará instrucción gratuitamente a los niños de ambos sexos de aquella circunscripción [...]». Pola súa finalidade instrutiva tamén foi coñecida como Unión Escolar de Rubín.
Como socios fundadores, dun total de 86, citaremos a Francisco Paz Andión (primeiro presidente da entidade e un dos seus principais promotores), José Rodríguez Vila (tesoureiro), Pedro Fragoso Martínez (primeiro secretario), Ramón Taboada, Maximino Baltar, Manuel Paz, Maximino Balseiros, Eduardo Brea, José Besteiro, Felipe Iglesias, Antonio Sedes, Antonio Rodríguez, Manuel Pena e Francisco Pereiras Maceira, entre outros.
Poucos meses despois, nomean ao Sr. Manuel Matos Sanmartín como delegado da sociedade na Estrada, quen se ocuparía de xestionar os cartos enviados dende a Habana para a construción do edificio escolar. Neste crearíanse dúas aulas, unha de nenos e outra de nenas, que debían cumprir as máis modernas condicións hixiénicas e pedagóxicas do momento.
Xa en 1908, na súa memoria social, destacan o labor dos emigrados de Rubín noutros lugares do mundo, como Cádiz, onde se creou unha delegación o 1 de novembro de 1907 presidida por Manuel Balseiros e que, ao pouco tempo de abrir unha subscrición, manda á súa parroquia natal a cantidade de 615 pesetas para este proxecto escolar. Tamén en México inician unha colecta liderada por Manuel Agrelo. En Bos Aires, Marcelino Canabal envía, no nome dos seus veciños residentes na Arxentina, a cantidade de 125 pesetas para este fin.
En 1910, a sociedade habaneira pasa a formar parte do Comité Federativo de las Sociedades Gallegas de Instrucción.
Aínda que a escola se rematou en 1913, non será ata 1915 cando poida ser inaugurada cunha grande festa. Ata 1923, dende A Habana se ocupaban do seu mantemento e incluso pagaban o soldo do mestre; nese ano fúndase en Rubín unha escola nacional que pasaría a ocupar este edificio.

Sociedad de Instrucción Puente de Mera

  • AE-CU-Mera
  • Entidade colectiva
  • 1911-01-11

Esta sociedade foi fundada polos naturais da parroquia ortigueiresa de Santiago de Mera residentes na illa de Cuba, coa finalidade de «fomentar y propagar la enseñanza gratuita» na súa parroquia natal.
A creación da nova entidade foi promovida por Andrés Castro Rodríguez, que convocou os seus conveciños no seu domicilio. A esta reunión asistiron José Peña López, que será nomeado primeiro presidente, José M.ª Vilela Covelo, Andrés Bouzamayor Fernández, Antonio Alonso Salas, Manuel Villar, Daniel Prada Losada, José María Muíño Vilela, Manuel Prada Losada, Manuel Muíño Vilela, Secundino Alonso Salas, Francisco Rey Rego, todos eles socios fundadores.
O 26 de outubro de 1913, inauguran un centro escolar na súa parroquia, nun edificio alugado con ese fin. A escola contaba con biblioteca e un mestre para uns 40 alumnos. O seu mantemento e o pagamento do soldo do mestre eran sostidos pola entidade cubana.
Non será ata os anos 20 cando consigan os cartos necesarios para a construción dun edificio propio, que foi inaugurado en 1927. Este edificio foi feito nun terreo doado polo presidente da entidade, Andrés Castro Rodríguez.

Sociedad de instrucción hijos de Vicedo

  • AE-AR-SocVic
  • Entidade colectiva
  • 1930-10-20 ata 1943, ano no que se fusiona con outras entidades lucenses para crear o "Centro Lucense" de Buenos Aires.

Esta entidade foi fundada por un grupo de emigrantes naturais do concello lucense do Vicedo. Aínda que tiña finalidades instrutivas, non consta que lograra acadar o seu obxectivo de construír unha escola no seu concello natal.
En 1942 comeza a xestionar con outras sociedades lucenses a creación dunha macrosociedade de carácter provincial, o Centro Lucense de Buenos Aires, fundado en 1943.

Sociedad de fomento y educación hijos de Entienza

  • AE-AR-SocEnt
  • Entidade colectiva
  • 1920-02-01. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi creada por un grupo de emigrantes naturais da parroquia Santos Xusto e Pastor de Entenza, do concello pontevedrés de Salceda de Caselas, residentes na República Arxentina.
Manuel Pérez Gándara e Salvador Estévez foron os promotores da fundación desta entidade e tiñan o propósito de que o pequeno colectivo dos seus veciños alí residentes estreitasen os seus vínculos baixo o lema «fomento, educación e axuda mutua». Ambos os dous foron presidentes sociais e ocuparon diversos cargos directivos.
Dende os seus inicios, unha das súas tarefas prioritarias foi conseguir fondos para a construción dun cemiterio na súa vila natal. Tras este logro, centrouse na defensa da instrución coa construción dun edificio escolar moderno para os nenos e as nenas da parroquia, que debía contar con vivendas para os mestres e un amplo salón onde instalar unha biblioteca para todos os veciños. A casa-escola foi inaugurada en 1932 e tivo un custo de 38.000 pesetas.
Unha das fórmulas para recadar fondos por parte da entidade foi a organización de festivais, que servían ademais para potenciar a sociabilidade dos socios. Non esqueceu tampouco a axuda mutua entre os socios con empréstitos e axudas económicas en caso de enfermidade, de repatriación ou para conseguir atención médica.
No ano 1935, organizou unha subscrición entre todos os socios para facer unha estrada «que llegue hasta la ermita y puedan ir los automóviles y toda clase de vehículos que pasan por la carretera cercana, pues creen éstos que de esta manera se beneficiaría más la parroquia...».
A partir dos anos 40, primou a axuda mutua e a organización de actividades recreativas para os socios.

Sociedad de Campo Lameiro, cultural y recreativa

  • AE-AR-SocCamp
  • Entidade colectiva
  • 1935-06-01 ata a actualidade.

A entidade actual denominada "Sociedad de Campo Lameiro" recoñece como precedente da súa creación o ano 1911, cando por primeira vez un grupo de emigrantes deste concello se reuníu para formar unha asociación. Segundo a documentación existente no AEG, o ano fundacional da sociedade é 1935 a raíz dunha importante chegada de parroquianos deste concello a Bos Aires que decidiron unirse para axudarse mutuamente e realizar diversas actividades lúdicas e recreativas.
Nos seus Estatutos, renovados en 1975, recoñecen como os seus obxectivos:

  • reunir no seu seo a todos os naturais do concello de Campo Lameiro residentes na Arxentina e aos seus descendentes.
  • contribuír coa súa acción ao enaltecemento do bo nome de Galicia
  • orientar aos recén chegados de Campo Lameiro sobre as posibilidades e condicións de traballo nas diferentes localidades da República Arxentina.
  • fomentar o espíritu de asociación, de cooperación espiritual e económica entre os nativos de Campo Lameiro e os seus descendentes.
  • crear e soster unha biblioteca para a capacitación e desenvolvemento dos seus asociados e promover por todos os medios a divulgación de valores históricos, artísticos, culturais e tradicións de Galicia.
  • promover viaxes turísticas a diferentes sitios da República Arxentina e España, sen fins de lucro e co único obxecto de beneficiar aos asociados e familiares.
    Actualmente realiza diversas actividades culturais como a celebración do Día das Letras Galegas con conferencias, exposicións e ateneos. Continúa participando nas homenaxes anuais a Castelao. Organizar tamén cursos de galego e literatura.

Sociedad de beneficencia y recreativa hijos de Golada y afines

  • AE-AR-SocGol
  • Entidade colectiva
  • 1930-07-20 ata 1982, ano no que se fusiona con outras entidades da comarca do Deza, dando lugar ao "Centro Lalín de Buenos Aires".

O 20 de xullo de 1930 un grupo de emigrantes naturais do concello pontevedrés da Golada e da súa bisbarra, residentes na Arxentina, crea unha sociedade con fins de mutualidad, cultura e recreo para os seus socios.
No ano 1982 en asemblea xeral apróbase a fusión das sociedades dezanas existentes na capital arxentina, "Hijos del Partido de Lalín", "Hijos de Silleda", "Unión del Partido de Lalín" e "Hijos del Ayuntamiento de Golada y sus contornos", desaparecendo como tales e creando unha unha nova entidade denominada "Centro Lalín de Buenos Aires", co propósito de facer unha entidade máis forte que permitise entre todos a extender a axuda mutua para os socios maiores e máis necesitados, e a organización de actividades recreativas e culturais.

Sociedad de Beneficencia y Protección Mutua Naturales de Ortigueira

  • AE-CU-NatOrt
  • Entidade colectiva
  • 1928-06-24 ata a actualidade

Esta sociedade de beneficencia foi fundada na Habana o 24 de xuño de 1928, por un grupo de emigrantes da parroquia de San Adrián de Veiga do concello de Ortigueira. Un dos fundadores e promotor da súa fundación foi Antonio Couzo García, primeiro presidente da sociedade, quen tamén fundaría tras a súa marcha a Miami en 1971, a sociedade "Casa de Santa Marta de Ortigueira" como réplica da casa matriz da Habana. Outros socios fundadores foron: Daniel Rebollar Martínez, Manuel Casal Piñeiro, Manuel Díaz Ramil, Enrique Prieto Valcárcel, Manuel Piñón Rodríguez, Abelardo Piñón Rodríguez, Pedro López Salgueiro, e José Antonio Prieto Valcárcel.
Esta asociación foi creada co fin de realizar actividades mutualistas e asistenciais en pro dos seus asociados. No seu primer regulamento, de 1928, establecíase que a asociación tería por obxectivo prioritario prestar auxilio aos asociados necesitados de amparo cando por enfermidade, falta de traballo ou imposibilidade física para o mesmo, se viran precisados de axuda, así como naqueles casos de enfermidade ou indixencia que lles fixera necesario voltar á súa terra.
No ano 1929 organizan en Ortigueira unha campaña de propaganda para captar socios, dándolles a coñecer as vantaxes que lle reportaría inscribirse na sociedade e así cando emigrasen, podían dirixirse ao delegado social que lles facilitaría todos os requisitos que esixía a lei de Inmigración cubana, ademais de contar coa axuda da entidade a súa chegada.
En 1933 aproban a inclusión das mulleres como asociadas de pleno dereito e forman un comité de damas, para axudar a preservar a moral das fillas do concello de Ortigueira, procurando que estas non se atopen abandonadas nun país estrano. En outubro de 1934 aproban a construción do primeiro panteón que se inaugura o 8 de novembro de 1936; tras varias ampliacións, o 20 de xaneiro de 1952 constrúen o actual panteón, no Cemiterio de Colón da Habana, e no que teñen dereito a ser inhumados todos os socios con máis de 2 anos de inscrición e sen custos.
En febreiro de 1941 editan o primeiro número de "El Heraldo Ortigueirés" que se publicou ata 1959.
Esta sociedade conta cun edificio social da súa propiedade inaugurado o 28 de marzo de 1943, cunnha biblioteca que leva o nome de Ramón Armada Teijeiro e que contaba con máis de 1.200 volumes.
Dende os seus comezos contou con numerosos socios, chegando a ter en 1960 uns 21.000. Nos Estatutos renovados de 1978, os fins continuaban sendo benéficos e de axuda mutua entre os socios, ademais de organizar conferencias, veladas e calquera outra actividade recreativa en beneficio dos asociados.
Actualmente a súa actividade máis destacada é visitar aos socios enfermos e axudarlles con socorros en efectivo segundo o tempo que pertenceron á sociedade. Tamén organizan na súa sede cursos de terapia ocupacional e outras actividades recreativas e deportivas como festas, xogos de salón, campionatos de axedrez, billar e dominó etc.; celebran anualmente o aniversario da institución, o Día de Defuntos, e a festividade de Santa Marta de Ortigueira. Contan cunha escola de baile e conseguen financiación polas cotas sociais (contan con preto de 12.000 socios) e polos ingresos dun pequeño restaurante "Mesón Ortigueirés".
Dende o ano 2000 é presidente social, Rodolfo Valentino Blanco Estévez.

Sociedad de Beneficencia Española de México. Junta española de Covadonga

  • AE-MEX-AEBen
  • Entidade colectiva
  • 1842-10-09 ata a actualidade

A Sociedad de Beneficencia Española de México, foi creada o 9 de outubro de 1842, como unha institución benéfica para axudar aos membros da colectividade española asentada no país. Fundada por Don Francisco Preto y Neto (primeiro Cónsul General de España en México) para, segundo os estatutos, socorrer aos españois "verdaderamente necesitados", viuse axiña na necesidade de asistir e atender tamén aos enfermos.
Nos primeiros anos non tiña hospital propio, polo que tivo que recurrir aos existentes na capital, como Hospital de San Juan de Dios. En 1860, a directiva da entidade alugou unha sala con seis camas no Hospital de San Pablo, á que chamaron "Sala Española". Uns anos despois consegue unha sala maior, no mesmo hospital, na que instalan 15 camas, ata que en 1873 se trasladan ao Hospital de San Cosme, atendido pola orde relixiosa francesa, Hermanas de la Caridad. Foi este o xerme do sanatorio da Beneficencia Española.
En 1877 teñen que abandonar o hospital por falta de espazo e atopan unha vella casona na rúa Niño onde instalan o seu primeiro hospital propio ao que chaman "Casa de Salud Asilo Español". A necesidade de ter máis espazo para crear salas de especialidades, servizos e demais dependencias, levounos a mercar solares e casas veciñas para expandirse. En 1932 inaugura o Sanatorio Español, construído na Colonia del Bosque.
Este sanatorio, actual Hospital Español, converteuse nun dos hospitais máis modernos do país, e conta cun "Centro de Enseñanza e Investigación Dr. Ángel Matute Vidal", con 6 aulas, dotadas coa máis alta tecnoloxía. Pero ademais do que un hospital debe ter, equipo, aparatos, médicos, enfermeras, practicantes, residentes (o Español ten 174), conta tamén con 8 residencias para anciáns xubilados, cuxa poboación está formada por un 85% de mexicanos, esposa e fillos de españois; unha axencia de viaxes, outra de seguros, farmacia, un banco, dúas florarías, unha tenda de roupa para bebé, pastalería con venda de libros e revistas, caixeiros automáticos, unha capela, oficina do Rexistro Civil no pavillón Pabellón Mundet de Maternidad, facilitando así aos pais os trámites administrativos; zonas verdes, xardíns, etc.
A política da directiva da Beneficencia continúa a ser a expansión, e así en 2004 inaugura "El Hospitalito", un centro sanitario pedriático de primeiro nivel. E en 2006, contrúe un “Centro Médico” no que se fusiona un centro de congresos e asembleas, un auditorio, locais comerciais, amplos estacionamentos, un salón de multifuncional, etc. e o "Complejo Médico Antonino Fernández Rodríguez", con dez pisos de consultorios médicos e o "Centro de Convenciones Cinia González Diez" cun auditorio para 508 personas, cafetería e parking.
A Junta Española de Covandonga, é un apéndice da Sociedad de Beneficencia Española, encargada de recadar fondos, con visitas aos benfeitores e a través da organización de actos sociais e artísticos para soster o labor dos asilos da Institución. Entre as súas actividades destacan:

  1. Emisión de recibos de doazóns, deducibles de impostos.
  2. Durante todo o ano, os directivos realizan visitas aos posibles benfeitores para recadar fondos.
  3. Organiza e coordina o Festival de Música, Coros y Danzas Españolas coa participación dos cadros artísticos dos Centros hispanos da capital, que se celebra no Palacio de Bellas Artes, dende hai maís de medio século.
  4. Dende fai anos organiza e coordina o Festival Infantil de Música, Coros y Danzas Españolas cos cadros artísticos infantís das sociedades de emigrantes.
  5. Organiza anualmente a Romaría de Covadonga, no mes de setembro.
  6. Selecciona a Madriña, que se encarga de representar á Sociedade nos diferentes eventos culturais e sociais cos demais Centros Españoles.
  7. Organiza actividades sociais nos asilos da terceira idade, encamiñados a dar entretemento aos asilados nas diferentes festividades como o Día de Reis, Día da Candelaria, Día da nai e do pai, Día da Virxe de Covadonga etc. e mensualmente festexan os aniversarios e santos dos asilados
  8. Organiza diferentes eventos, para lograr fondos destinados á Sociedad de Beneficencia Española, como desfiles de moda, concertos, etc.

Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia

  • AE-CU-BNatG
  • Entidade colectiva
  • 1871-12-31 ata a actualidade

Esta sociedade tivo dous precedentes: o "Centre Catalá" (fundado na década dos 40) e unha sociedade galega que baixo a advocación do Apóstolo Santiago se creara na Habana en 1804. Foi fundada o 31 de decembro de 1871 na cidade da Habana. O 28 de xaneiro de 1872 tivo lugar a primeira reunión dos socios no Teatro Tacón, onde se elexíu a primeira directiva integrada por: presidente, Ambrosio Tomati; secretario, Pedro de Lago; tesoureiro, José García Barbón; consiliarios: Juan Baldonedo, José Pla Monge, José Carreras, Manuel Misa, Juan Mendizábal, Hipólito Varela, Francisco Lamigueiro, Adolfo Gasset, Fernando Blanco, Juan A. Paz, Nicolás Vázquez de la Torre, Camilo Feijoo Sotomayor. No 1872 foron nomeados socios de honra: Virginia F. Auber e Rosalía de Castro.
Nos seus primeiros estatutos de 1872 esta asociación ten como obxecto principal protexer aos seus asociados e ás súas familias e socorrer aos que non sendo socios sexan oriundos de Galicia e precisen auxilio, sempre que residan na Habana e se comprobe a súa necesidade.
A Institución, dende a fundación do Centro Gallego da Habana, a principios de século, estivo totalmente ligada a dito centro, instalándose nunha das súas oficiñas a partires de 1922.
No ano 1949 reforma os seus estatutos nos que destaca ademáis do labor de auxilio e socorro aos asociados, a axuda para a repatriación dos socios que teñen que retornar a Galicia e que non que teñen medios para pagar a pasaxe. Recollen tamén a idea de publicar periodicamente unha revista titulada "La vida gallega en Cuba", que sería o órgano oficial da sociedade e que será de distribución gratuíta.
Tras a revolución castrista, a institución viuse moi limitada, debido tanto a crise do país como a expropiación de moitas das súas propiedades. Seguen a prestar servizos aos socios sobre todo polo magnífico Panteón Social que posúen no Cemiterio Colón.
Actualmente o seu presidente é Alfredo Gómez Gómez.

Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira

  • AE-AR-SocBal
  • Entidade colectiva
  • 1931-02-12 ata 1939/10/08, data da súa fusión con "Unidos de Fonsagrada y sus distritos", dando lugar a unha nova entidade chamada "Unidos de Fonsagrada y Baleira"

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello de Baleira residentes na capital arxentina. Dende os seus inicios ten como finalidades prioritarias a axuda mutua e apoio entre os socios e a realización de actividades recreativas para fomentar a unión entre os mesmos. Defende tamén postulados agraristas.
En 1938 aproba en asemblea a súa fusión coa sociedade "Unidos de Fonsagrada", pasando a constituírse nunha nova entidade co nome dos dous concellos lucenses. Finalmente esta entidade participará na creación do Centro Lucense de Buenos Aires en 1943.

Sociedad Cultural y Artística Rosalía de Castro

  • AE-CU-Rosa
  • Entidade colectiva
  • 1945-06-19 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada o 19 de xuño de 1945 como unha entidade para realizar actividades de tipo cultural e recreativo: escola de baile, grupos folclóricos, etc.
No ano 1990 fundaron o grupo folclórico "Aires Galegos da Habana e Escola de bailes" que con motivo do aniversario da súa fundación actúan en diversos lugares e participan en festivais por América. Tamén é deste ano a creación do grupo de baile e música "Aires Galegos da Habana".
Teñen a súa propia sede social nun antigo edificio que data de 1877. Ademais do salón de baile que funciona como teatro, conta cun salón para actividades recreativas (billar, tenis de mesa, dominó e axedrez) e un restaurante con comida tradicional galega e criolla e unha cafetería.
Pertence á "Comisión Coordinadora de las Sociedades Gallegas de Cuba" (29/05/1992) e forma parte da "Federación de Sociedades Españolas en Cuba" (7/04/1992).
Na actualidade, e dende o ano 2000, o seu presidente é Sergio Manuel Toledo Bueno.

Sociedad cultural y agraria del distrito de Mugía

  • AE-AR-SocMug
  • Entidade colectiva
  • 1923-01-30 ata 1940, no que se fusiona coa "ABC del partido judicial de Corcubión".

Esta sociedade foi creada por un grupo de emigrantes, naturais do concello de Muxía e residentes en Bos Aires, para crear escolas na súa terra natal e axudar ao desenvolvemento do seu distrito; tamén tiña fins mutualistas coa creación dun fondo de socorro para a repatriación dos socios enfermos ou necesitados.
Pódese destacar entre os seus proxectos:
a) axudar nas necesidades máis urxentes do concello, en tres aspectos fundamentais: a instrución elemental (neutra e racional) e a ensinanza agrícola ( en canto se refire á divulgación dos modernos coñecementos e prácticas sobre agricultura, gandería, industria leiteira e derivadas, e especialmente o desenvolvemento de granxas), e o fomento dos sindicatos agrícola-gandeiros (como factores do progreso económico da comarca e do benestar individual do labrador, dende a imposición dun seguro, implantar as cooperativas para a adquisición de semillas e abonos químicos e sobre todo á creación de caixas rurais de depósito e empréstimo que liberen ao labrador das garras da usura).
b) dotar ao partido xudicial dunha sala de primeiros auxilios médicos.
Esta entidade foi fundada por iniciativa de Leopoldo M. Balboa, Eduardo Leis, Ramón Lestón, Antonio Paz, Joaquín Campos, Manuel Oreiro e C. Balboa López.
No ano 1925 merca un solar na parroquia de Morpeguite para construír unha escola e unha granxa experimental, onde os alumnos terían clases de gandería e de agricultura científica, pagadas dende Arxentina. A finca estaba situada entre Morpeguite e Pasantes, punto estratéxico circundado de varios camiños veciñais para así facilitar o acceso á escola aos numerosos nenos das parroquias de Muxía. Envía 2.600 pesetas para efectuar a compra do solar.
En 1928, xira 250 pesetas para a subscrición organizada entre os veciños de Moraime, para conseguir fondos con que dotar á súa escola de material de lectura, e mobiliario dos que se atopa moi necesitada. Acordouse que os mestres das escolas do concello recabasen informes sobre as necesidades máis urxentes das súas respectivas escolas e llos enviaran á esta sociedade. Tamén lles envian 280 pesetas ao mestre de Merexo. Tamén envían libros e mapas de Arxentina e Bos Aires para as escolas. Institúe un premio anual para o mellor alumno das escolas.
En decembro sae na prensa a noticia de que o concello de Muxía ofrécese para construír un edificio escolar seguindo as normas aconselladas pola pedagoxía moderna, que vai funcionar como escola agrícola, na que ademáis da ensinanza primaria. Esta sociedade ofrécelle o seu apoio e fondos para realizar esta importante obra.
En 1931 fai unha doazón de 500 pesetas para a Residencia de estudiantes da USC.
Dende 1928 publica un boletín social co nome da entidade.
Xa a finais dos anos 30 comeza as conversas coa "A.B.C. del partido judicial de Corcubión" para a fusión de ambas as dúas entidades. Esta fusión levouse a cabo en 1940.

Sociedad cultural recreativa Carballeira

  • AE-ES-SCarb
  • Entidade colectiva
  • 1979-01-06 ata a actualidade

A iniciativa de crear un centro galego en Zarautz xorde dun grupo de galegos que quedaban os venres para cenar.

Segundo o artigo nº 2 dos seus Estatutos de 27 de novembro de 1980 o seu único obxectivo é proporcionar aos socios un lugar de reunión e contar con medios de instrucción adecuados, como lectura de prensa, obras literarias, etc. No artigo nº 3 especifican o resto de actividades que se permitirán: toda clase de xogos que sexan lícitos, así como todo xénero de distraccións que non atenten contra a urbanidade, o decoro, educación e respecto ás propias persoas.

No seu local social contan con dous comedores, cociña, bodega, oficina, etc. Contan cun grupo folclórico, celebran o Día das Letras Galegas e unha festa societaria o día do Apóstolo Santiago e colaboran con outros centros ou sociedades para recadar fondos con carácter benéfico.

Sociedad cultural Nogueira de Ramuín (unificada con Carballeira)

  • AE-AR-SocNog
  • Entidade colectiva
  • 1932 ata 1941, ano no que se fusiona con outras entidades da provincia de Ourense e crean o Centro Orensano de Buenos Aires

Esta sociedade foi creada a comezos de 1932, tras a fusión da "Sociedad cultural de la Carballeira", creada no ano 1917, e a "Sociedad de Nogueira de Ramuín", creada o 4 de xullo de 1931. Esta última fora fundada pola separación dun grupo de socios do Centro Nogueira de Ramuín, que xa existía en Bos Aires dende 1918; estes socios, comandados por Antonio Alonso, Enrique Soto Fernández, Claudio Fernández, Luis Guede, Angel R. Barbato, Antonio Devito, José Soto Fernández, entre outros, eran contrarios á política da entidade con respecto á Federación de Sociedades Gallegas.
Unha das condicións da fusión de ambas as entidades, creadas polos emigrantes do concello ourensán de Nogueira de Ramuín residentes en Arxentina, foi que se mantivese como unha das súas finalidades a construción da casa-escola na Carballeira. Ademais tiñan obxectivos mutualistas e culturais.
En 1934 organizan unha velada musical a total beneficio desta edificación escolar e en 1935 un dos membros da directiva, Claudio Fernández, foi enviado a Galicia para axilizar as obras.
Esta sociedade manifestouse totalmente favorable ao bando republicano. Creou o Comité de Nogueira de Ramuín de Ayuda al Frente Popular Español e enviou varias doazóns económicas para a República.
Tras o triunfo franquista, a idea imperante na Federación e na colectividade galega residente en Arxentina era a unión entre as sociedades afíns, para conseguir maiores logros sociais e superar o microasociacionismo existente. Tras numerosas reunións, o 25 de xaneiro de 1941 prodúcese a fusión das sociedades ourensás de Bos Aires, Centro Nogueira de Ramuín, Sociedad Cultural Nogueira de Ramuín (unificada con Carballeira), Hijos del Ayuntamiento de Pereiro de Aguiar e Sociedad Cultural y Recreativa del Ayuntamiento de Esgos. Constituirase unha nova entidade baixo o nome de Centro Orensano de Buenos Aires.

Sociedad cultural hijos de las tres parroquias de Dodro

  • AE-AR-ParDod
  • Entidade colectiva
  • 1913-05-18 ata 1940.

Os naturais de Dodro, emigrantes en Bos Aires, crearon esta sociedade agraria e mutualista, no país de acollida para axudar no funcionamento da Sociedade Agraria de San Julián de Laíño (parroquia do seu concello natal).
Entre os seus fundadores podemos citar a Tomás Viturro (primeiro presidente da entidade), Ramón Torrado, Perfecto Blanco, Manuel Reboiras ou Manuel Viturro, entre outros.
Con finalidades agraristas e instrutivas, os seus estatutos sociais recollen que entre as súas prioridades están apoiar a loita do sindicato agrario da súa parroquia contra o caciquismo local e axudar no desenvolvemento da instrución da xuventude da súa terra natal.
Ao pouco tempo da súa fundación, fan un envío de 6000 pesetas á sociedade de agricultores, para a construción en Tallós dun edificio, que debía funcionar como a súa sede e no que debían habilitar unhas aulas para escola dos nenos e nenas da parroquia.
En decembro de 1916, hai noticias do remate das obras e da inauguración do edificio social. Ademais do financiamento das obras, mandan cartos periodicamente destinados ao seu mantemento e ao pagamento do soldo do mestre, ata o ano 1956.
Esta entidade formou parte da Federación Agraria del Distrito de Padrón en Buenos Aires, entidade que tiña como voceiro a revista El Eco de Teo.
O nome fundacional desta sociedade fai referencia á orixe parroquial dos socios fundadores. En 1940, debido ao cambio de finalidades, prodúcense disensións que provocan a súa disolución.

Sociedad cultural de El Pino

  • AE-AR-SocPin
  • Entidade colectiva
  • 1925 ata 1941, ano no que se fusiona con outras entidades del partido xudicial de Arzúa e pasan a chamarse "Asociación partido judicial de Arzúa y cultural de El Pino".

En maio de 1925 un grupo de emigrantes naturais do concello do Pino decide fundar unha nova sociedade da que formarán parte todos os veciños das parroquias do partido xudicial de Arzúa (Arca, Budiño, Castrofeito, Cebreiro, Cerceda, Ferreiros, Gonzar, Lardeiros, Meda, Pereira, Pino e Pastor), residentes na Arxentina. A súa creación foi patrocinada pola sociedade "Unión Galaico-Americana". Meses despois publica a súa intención de apoiar e organizar outra sociedade dos veciños do Pino residentes en Cuba, acordando imprimir e enviarlles notas impresas explicando a maneira máis convinte para realizar tal propósito.
Entre os socios fundadores podemos citar qa Bonifacio Botana, Manuel Gil, Luis Carreira, Manuel Fandiño, José Muiña, José Gómez Muiña, Andrés Fandiño, Manuel Suárez Seijo, Antonio Otero, José Pereiro, Ramón Cotón, José Blanco e Antonio Calvo, entre outros.
En 1925 organiza un festival artístico-literario e baile familiar a beneficio da escola civil "Cristóbal Colón", que funciona na parroquia de Gonzar (O Pino). Para a construción e mantemento da escola contaron tamén coa axuda dos seus veciños en Galicia. Está ademáis creando unha biblioteca ambulante, con máis de 200 volumes, que percorrerá todas as localidades do partido xudicial de Arzúa.
En 1926 inicia o proxecto de crear unha cooperativa de consumos e unha pequena granxa agrícola, sempre colaborando cos seus paisano sda illa de Cuba.
En 1941 sabemos da súa fusión coas sociedades do partido xudicial de Arzúa en Bos Aires, pasando a denominarse "Asociación partido judicial de Arzúa y cultural de El Pino".

Sociedad cultural de Cervantes

  • AE-AR-SocCer
  • Entidade colectiva
  • 1928-04-08 ata 1943, cando se fusiona con outras entidades da provincia de Lugo para crear o Centro Lucense de Bos Aires

Esta sociedade foi creada en 1928 polos emigrantes naturais do concello lucense de Cervantes, residentes na capital arxentina. Tiña unha finalidade claramente cultural e recreativa.
En 1943 fusiónase con outras entidades de emigrantes da provincia de Lugo para crear o Centro Lucense.

Sociedad ayuntamiento de Rianjo y Taragoña (unificadas)

  • AE-AR-SocRiaTa
  • Entidade colectiva
  • 1946 ata 1986, ano no que se fusionan coa "Asociación del partido judicial de Noya", dando lugar a unha nova entidade "Centro Noya Rianxo, asociación civil"

O 24 de setembro de 1922 un grupo de emigrantes naturais da parroquia de Taragoña (concello de Rianxo) fundan na capital arxentina unha sociedade de instrución denominada "Residentes de Taragoña", que tras un breve período de crise, será refundada como "Hijos de Taragoña en la República Argentina" o 20 de xuño de 1923.
En 1924 leva a cabo unha campaña para conseguir máis recursos económicos para construír unha casa-escola nun terreo xa mercado por esta sociedade. O edificio se inaugura en 1929 e será dedicado a escola de nenos e nenas da parroquia.
No ano 1947 desaparece tras a súa fusión coas outras sociedades de emigrantes naturais do concello de Rianxo, convertíndose nunha sociedade recreativa e mutualista.
En 1948 a nova entidade edita a revista "Rianxo", voceiro social moi interesante, con notas gráficas, referencias históricas e interesantes colaboracións.

Sociedad artística y recreativa orfeón de Fonsagrada

  • AE-AR-OrfFon
  • Entidade colectiva
  • 1925-05-13 ata 1936-04-19, data na que se fusionou coa sociedade "Residentes del partido de Fonsagrada en Buenos Aires", dando lugar a unha nova entidade co nome de "Unidos de Fonsagrada y sus distritos"

Entidade artística e recreativa creada por un grupo de emigrantes naturais da Fonsagrada para realizar actuacións e actividades recreativas e culturais no seo da colectividade galega residente na Arxentina.
En 1936 aproba a súa fusión coa sociedade "Residentes del partido de Fonsagrada en Buenos Aires", dando lugar a unha nova entidade co nome de "Unidos de Fonsagrada y sus distritos".
En 1943 pasarán a formar parte do recén creado "Centro Lucense" de Bos Aires.

Resultados 221 a 240 de 1750