Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Lembranza d'Ultreya

  • AE-AR-Lem
  • Entidade colectiva
  • 1932-06-30. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi creada en Bos Aires por un grupo de entusiastas galeguistas entre os que podemos citar a: Aurora Pallares (presidenta fundacional), Xoaquina Villar Fernández, Celina e Teresa Berlandi, Piedad Souto, Xuana Prat, Claudino Pita, Manuel Prieto, Xuan Vila, Xuan Viqueiras, Antón Pallares, Antón Jeremías, Lois, Victoriano e Félix Martínez, Xosé Souto, Manoel Lorenzo, Xosé Rodríguez, Xesús Moreira, Esteban Iglesias, Alfonso Costela, Xerardo Mera, Manoel Castro, Ulpiano Bernárdez, Anxel Rodríguez, Antón Comesaña, Xesús Barral, Enrique González, Lois López, Máximo Docampo, Amadeo Pérez e Marcelino Mariño.
A súa finalidade primordial foi o espallamento da arte e da cultura galegas en Arxentina, sendo o lema da entidade "Galiza hai unha soa".
Participaron activamente na campaña a favor do Estatuto Galego e da autonomía durante a IIª república.

Lar Gallego de Sevilla

  • AE-ES-LGSev
  • Entidade colectiva
  • 1956-09-21 ata a actualidade

A mediados do século XX un grupo de paisanos galegos reuníronse e aunaron forzas para crear "El Lar Gallego de Sevilla", un centro onde rememorar a súa terra nai, deleitarse ca súa arte e cultura, na súa propia lingua, e degustar os pratos típicos. Un rincón onde combatir a morriña.

O día 21 de setembro de 1956, este grupo de galegos residentes en Sevilla, reuníronse no Bar Puerto, sito na rúa Betis, e acordaron dar por concluidas unha serie de conversacións encaminadas a fundar a Casa de Galicia. Desta reunión saíu a primeira Xunta fundacional, nacendo neste momento Lar Gallego de Sevilla.

Nos anos 1995 e 1998 adquiríronse parte dos locais sociais actuais.

Na actualidade dispón de axuda por parte da Secretaría Xeral para as Relacións Coas Comunidades Galegas.

Esta sociedade ofrece un amplo abano de actividades dirixidas á preservación da súa cultura e tradición, tales como visitas culturais, exposicións, un Certame anual de relatos cortos, o Día das Letras Galegas, contacontos en galego e en castelán, concertos da súa Coral e do seu grupo de gaitas, unha Romería Galega, etc. Entre semana imparten clases de pandeireta, gaitas e sevillanas.

Trátase dunha fusión galaico – andaluza que potencia a convivencia e a interculturalidade.

Lar Gallego de Pamplona

  • AE-ES-LGPam
  • Entidade colectiva
  • 1951-01-18 ata a actualidade

Na década dos anos 1940-50 residía en Pamplona un pequeno grupo de galegos que, vendo que non existía ningunha organización oficial establecida na cidade, propuxéronse constituir a Casa de Galicia en Navarra que, máis tarde, denominaríase Lar Gallego.

Pronto comezaron a organizar festas en honor a Santiago e outro tipo de actividades (conferencias, charlas-coloquio, etc.). O día 18 de xaneiro de 1951 formalizouse o primeiro escrito no libro de Actas da sociedade no bar Olimpia. Aprobaron así o regulamento de Lar Gallego que, máis tarde, traduciríase nos seus Estatutos.

A sede societaria, coñecida como Lar Viejo, inaugurouse o 6 de xuño de 1976, e posuía bar-cafetaría, comedor, cociña, salón, biblioteca, sala de xogos, oficina e almacén. Máis adiante comprarían 212 metros cuadrados lindantes á sede para dispoñer de máis espacio para desenvolver actividades.

Lar Gallego de Costa Rica

  • AE-CR-LG
  • Entidade colectiva
  • 1999-09-21 ata a actualidade

En 1999, como parte do traballo de Investigación que realizaba a historiadora Giselle Marín, desenvolveu un programa chamado “Galicia en Costa Rica”, que comezou coa elaboración dunha serie de entrevistas a inmigrantes galegos e os seus descendentes; esta profesora impartiu un ciclo de conferencias, xunto con outros profesores como Pilar Cagiao Vila, que deu a coñecer o papel dos galegos no país.
A gran maioría dos galegos que residían en Costa Rica estaban asociados á Beneficencia e a Casa de España, pero é nese momento cando xurde a necesidade de crear un espazo propio, no que predominara a cultura e os costumes galegos. Un grupo de 52 galegos de orixe deciden pois crear unha nova asociación.
Reunidos na Casa de España celebran en novembro dese ano a primeira asemblea xeral da que sae elexida a primeira xunta directiva, integrada por: presidente, José Mª Penabad López; secretaria, Mª Teresa Pereira García; tesoureira, Gloria pazos Rey e como vogais: Carmen Márquez y Ruibal e Elisa Caramés Vidal.
A entidade ten como prioridade manter a unión entre a colectividade galega de Costa Rica, organizando diversas festas e actividades e a difusión da nosa cultura no país.

Lar Gallego de Chile

  • AE-CH-LG
  • Entidade colectiva
  • 1967-04-01 ata a actualidade.

Os precedentes da existencia desta entidade están situados arredor de 1915, ano no que un grupo de galegos residentes en Santiago de Chile comezan a reunirse para celebrar as súas festas. Polo seu escaso número non se deciden a crear unha asociación. A sociedade “Unión Española” permítelles xuntarse nas súas instalacións. Non será ata o ano 1967 cando finalmente se constitúan en asociación cultural sen fins de lucro, que tería como principal obxectivo fomentar a galeguidade e hispanidade en todos os aspectos que fose posible.
Ata 2006 seguirán usando as instalacións da “Unión Española”, pero debido ao peche desta por motivos económicos, pasan a funcionar de maneira activa no “Estadio Español de Las Condes”, lugar de reunión de moitas das corporacións españolas que existen no país.
Como fundadores desta sociedade galega podemos citar a: José Domínguez Diéguez, Demetrio Álvarez Nieto, Antonio Pérez González, Manuel González Fernández, Antonio Dávila, Francisco Bouzo Pavón, Arturo González Novoa, César Cifuentes Sánchez, Manuel Losada Diéguez e Leopoldo Fernández Vilches. Destacado foi o papel de José Bouzo Pavón, socio e directivo en varias ocasións, que douou un solar en San Bernardo para que a sociedade crease un campo recreativo.
Como valores da entidade, ésta destaca o seu amor á terra, o respecto polas tradicións, o concepto de familia como núcleo insustituible na formación do ser humano, a ensinanza dos costumes e modos de vida herdados e a difusión entre os descendentes do idioma galego como unha das nosas maiores ríquezas histórico-culturais.
Nos seus primeiros estatutos sociais aparecen os principais fins da entidade: “estreitar na mellor forma os vínculos de amistade entre os españois residentes en Chile; asociarse a toda iniciativa que tende a prestixiar o nome de España e dos seus homes máis eminentes; difundir en Chile, polos medios que se consideren máis eficaces, o coñecemento de Galicia; propender ao benestar da colectividade galega; secundar eficazmente toda acción que se inicie en ben de Galicia e a tal efecto se procurará manter relacións directas coas sociedades rexionais establecidas ou por establecerse en Galicia ou fóra dela; crear unha sección pro-cultura galega que sosterán os galegos residentes en Chile e os seus fondos serán destiñados ao fomento da institución; manter un centro social que sirva de solaz e entretenimento aos seus asociados a cuio efecto se deberá instalar unha sala para biblioteca, cos libros, diarios, e revistas, dando preferencia aos da rexión galega; instalar unha sala de billares e de mesas para xogos diversos, quedando estrictamente prohibido todo xogo de azar; fomentar o deporte, creando as ramas que sexan necesarias”.
Ao longo destes anos destaca o labor social que realiza a sociedade colaborando co “Hogar Español” de Santiago de Chile. Tamén é coñecida polas numerosas actividades culturais: organización de charlas e exposicións, mostras culturais, etc., dirixíu un programa de radio bisemanal en Radio Universal de Chile, para difundir a música galega e outras expresións da cultura galega. Organizou un grupo de danza e música galegas, integrado por 80 socios. Edita tamén un voceiro social denominado “Revista de la Juventud”, de carácter anual e gratuíta para os socios e a revista “Lonxe da Terriña”. Tamén teñen actividades deportivas.

Lar Gallego de Caracas

  • AE-VEN-LG
  • Entidade colectiva
  • 1945-04-15 ata o 1960-10-12

O Lar Gallego de Caracas foi unha asociación galega na emigración en Venezuela. Foi constituído en Caracas o 15 de abril de 1945, logo de que se autorizase a súa creación o 9 de febreiro dese mesmo ano. A idea de fundación deste centro xurdiu por mor da visita do secretario xeral do Centro Gallego de Bos Aires, Rodolfo Prado, a Caracas. Este, propuxo a idea a un grupo de galegos residentes na cidade, os cales tras diversas reunións acordaron a creación do mesmo. Na constitución do Lar Gallego participaron vinte e oito persoas, que decidiron quen ocuparían os cargos da primeira directiva, finalmente formada por José Mosqueira Manso (presidente), Silvio Santiago (vicepresidente), Díaz Villamil (secretario), Isolino López (vicesecretario) e Francisco Calviño (tesoureiro).

Foi unha das principais asociacións de galegos na emigración durante a etapa do franquismo. Lonxe dos seus fogares, os inmigrantes tentaron organizarse en diferentes grupos e asociacións, mais debido ao carácter político da maior parte delas, as autoridades puxéronlles trabas para que lograsen facelo legalmente debido á prohibición polas leis venezolanas de asociacións políticas de estranxeiros con carácter político, aínda que posteriormente foron autorizando a creación de varias asociacións.

Desde o primeiro momento e durante case toda a existencia do Lar, foron os exiliados políticos os que tiveron un papel máis destacando destro da asociación. Por iso, o Lar Gallego tivo un carácter marcadamente político, con predominio de persoas de ideoloxía de esquerdas, republicano-progresistas, que defendían principios galeguistas e antifranquistas.

Durante a súa existencia, o Lar desenvolveu importantes actividades sociais, culturais, recreativas, deportivas e, por suposto, políticas. Un dos seus obxectivos principais foi a asistencia social e a beneficencia, orientadas cara a colonia galega cunha situación económica aínda precaria e que non contaba cunha seguridade médico-asistencial.

O Lar contaba coa peña de xadrez "Alexandre Bóveda" e polos seus salóns pasaron os mellores xadrecistas mundiais da época. No aspecto cultural, organizaban periódicamente ciclos de conferencias e charlas culturais e publicaban un boletín mensual no que non só recollían noticias concernientes á sociedade e á comunidade galega en Venezuela senón que tamén informaban sobre temas de actualidade e de cultura galega a través da colaboración de escritores residentes en Galicia, Bos Aires, Cuba ou México. Tamén emitían un programa de radio dominical na emisora Radio Rumbos.

Dende 1951 celebraron todos os anos unha homenaxe a Daniel R. Castelao no aniversario da súa morte, algún deles organizado conxuntamente co Centro Gallego.

Produto do Lar foi a creación de diversos premios culturais que recoñecían a produción en galego ou de temática galega. Entre eles destacaron os premios Industrialización e Economía de Galiza Alexandre Bóveda, o premio Maside de pintura e o premio literario Ramón Otero Pedrayo.

Ao longo da historia desta organización podemos observar varios momento de crise que derivaron na separación desta, dividíndose en novas asociacións, algunhas das cales volveron a acordar a súa unión tempo despois. A escisión do Lar Galego nomeouse Centro Galego de Caracas (1948), do cal á súa vez xurdiu unha nova escisión: a Casa de Galicia (1956), que tivo unha vida moi curta.

Tras a caída da ditadura no ano 1959, a embaixada española perde influencia sobre o goberno e non logran impedir a creación da Junta de Acercamiento para estabelecer de novo negociacións entre os diversos grupos.

Debido á necesidade de crear unha asociación forte para aglutinar a todos os galegos emigrados, os dirixentes do Lar Gallego, do Centro Gallego e da Casa de Galicia lograron comezar a negociar ata formalizar a súa unión nunha reunión. Nela participaron representantes dos grupos anteriormente mencionados, que tamén invitaron á Asociación Civil de Amigos de Santiago, mais declinaron a oferta e continuaron a funcionar de forma independente.

O 10 de maio de 1960 os directivos das tres asociacións reuníronse nun cine da Candelaria e decidiron formalizar a unión, estabelecendo como data de inauguración da nova sociedade o día 12 de outubro do mesmo ano. Ese día celebrouse unha Asemblea Xeral na sede do Centro Gallego, no Paraíso, onde se aprobaron os novos estatutos ante a presenza duns 150 socios. A nova asociación nomeouse como Hermandad Gallega de Venezuela, cuxa dirección queda constituída pola directiva das tres entidades ata o 25 de xullo de 1961, data na que se convocan eleccións. Ángel Feijoo Fernández foi elixido como o primeiro presidente da entidade, que contaba con 800 socios nominais ou fundadores.

Resultados 721 a 740 de 1750