Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Real Academia Galega

  • RAG
  • Entidade colectiva
  • 30/09/1906-

O 30 de setembro de 1906 inaugurase oficialmente, no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, a Real Academia Galega, que xa fora constituída o 4 de setembro de 1905. No acto conflúen os dous vieiros principais do galeguismo naquela altura. O primeiro deles, agrupado arredor de Manuel Murguía, representa a continuidade do programa do Rexurdimento e do Rexionalismo, mentres que o segundo proviña da vizosa comunidade de emigrantes galegos en Cuba onde naceu, en 1905, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega. A Asociación Iniciadora foi a principal fornecedora das remesas precisas para acometer os gastos da fundación e sostemento da Academia e tivo por obxecto, segundo o seu propio regulamento: "darlle unidade ao idioma galego mediante a publicación dunha gramática e un dicionario". A figura senlleira do litógrafo de orixe ferrolá, Xosé Fontenla Leal, apadriñado polo prestixio intelectual de Curros Enríquez, foi fundamental na organización e bo resultado deste proxecto.
Os anos de Murguía, 1906-1923:
Baixo o gran prestixio persoal e intelectual de Manuel Murguía, a Academia vive a súa idade de ouro. Dá comezo unha intensa actividade organizando numerosos actos culturais e celebrando frecuentes plenarios por todo o País. É agora tamén cando se acordan as bases para a elaboración do dicionario que empeza a ser publicado por entregas entre 1912 e 1928, ou se conseguen ampliar as dependencias da Academia grazas ao seu traslado ata o edificio do Concello en María Pita. Pero, sobre todo, neste período encétase a publicación do Boletín da Real Academia Galega, do que se chegaron a editar 149 números en vida de Murguía. Coa súa morte o 1 de febreiro de 1923, aos noventa anos, o primeiro Presidente deixa como legado unha Academia forte, ben organizada e cun camiño ante si rigorosamente trazado.
Entre Murguía e a República, 1923-1936
Nesta segunda etapa, ocupan sucesivamente a presidencia Andrés Martínez Salazar (1923), Francisco Ponte Blanco (1923-1926), Eladio Rodríguez González (1926-1934) e Manuel Lugrís Freire (1934-1935). A inesperada e precoz morte do prestixioso investigador e editor Martínez Salazar, considerado o herdeiro natural de Murguía, supón un importante revés para a Academia, agravado pola suspensión das remesas procedentes de Cuba e a instauración da ditadura de Primo de Rivera. Aínda así, a incorporación de importantes persoeiros da nova xeración galeguista, como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao e Antón Villar Ponte, xunto coa axuda económica chegada da recentemente constituída Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega de Bos Aires, semellaba augurar un espléndido porvir para a nosa institución tronzado, traxicamente, polos sucesos de 1936.
Os anos escuros, 1942-1977:
Tras a Guerra Civil, a Academia entra nun estado de semiclandestinidade, moi próximo ao da súa desaparición definitiva. Sometendo a silencio, exilio ou morte á parte máis consciente do galeguismo republicano, o réxime franquista só tolera unha continuidade simbólica e testemuñal da Academia, que non volve constituírse formalmente ata o ano 1943, so a presidencia de Manuel Casás. Malia todo, a entrada na Academia de intelectuais procedentes do chamado "Grupo Galaxia" daralle un novo pulo á institución. Así, por iniciativa de Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo dá comezo en 1963, durante a presidencia de Sebastián Martínez-Risco, a celebración do Día das Letras Galegas. Desta maneira, e coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, inaugúrase a conmemoración máis importante da nosa cultura e de maior repercusión social.
Na democracia, 1977-1997:
Da longa presidencia de Domingo García-Sabell podemos destacar diversos feitos de importancia histórica, como o Acordo Ortográfico de 1982, o recoñecemento á RAG na Lei de Normalización Lingüística, a creación do Seminario de Lexicografía -no seo do cal se elaboraría o primeiro dicionario monolingüe da RAG- ou, máis tarde, do Seminario de Sociolingüística, que se encargaría da realización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, entre outras achegas. É tamén neste tempo, en 1978, cando se completa o traslado da Academia desde as dependencias municipais ata a súa actual sede no número 11 da rúa Tabernas.
Cara á actualidade:
Os catro anos de presidencia de Francisco Fernández del Riego, entre 1997 e o 2001, supuxeron unha apertura sen precedentes na historia da Academia. Durante este período, ingresaron na institución intelectuais de prestixio procedentes dos diversos ámbitos culturais ou científicos, mais, sobre todo, renovouse a vontade de servizo ao País e de participación nos debates do seu tempo. Xa na presidencia de Xosé Ramón Barreiro, proseguiuse a liña de diálogo e asunción de responsabilidades marcada polo seu predecesor. O resultado deste compromiso concretouse en feitos como o Acordo Ortográfico de 2003. Unha vontade de compromiso e implicación na defensa da lingua e cultura de Galicia que pretende ser o constante propósito da Real Academia Galega para o século que comeza.

Real sociedade espanhola de beneficência , Hospital Espanhol de Bahia

  • AE-BR-HESal
  • Entidade colectiva
  • 1885-01-01 ata a actualidade. No 2014 o Hospital Espanhol foi pechado.

Esta entidade naceu coa finalidade de dar asistencia sanitaria aos españois enfermos de tuberculose que residían na cidade de Bahia. Foi fundada por un grupo de 124 galegos, membros destacados da colectividade residente na Bahia, moitos deles naturais da provincia de Pontevedra. Esta entidade ao longo da súa historia converteuse nun dos mellos centros hospitalarios e asistenciais do norte de Brasil.
O 1 de xaneiro de 1885, tras varias reunións, foi fundada a “Sociedade Espanhola de Beneficência” de Bahia, con sede no Campo dos Mártires, onde se atopaba o "Centro de Saúde Ramiro de Azevedo".
A súa primeira directiva estaba integrada polos seguintes socios: como presidente, Luis Velasco; vicepresidente, Manuel Martínez Vidal; secretario, José Cavadas Amoedo; tesoureiro, Joaquín Garrido Avila; procurador, José Piñeiro Rubianes e como vogais/directores: Domingo Antonio Alvarez, Joaquin Corujeira Domínguez, Manuel Soto Fernández, José Pérez López, José Freaza Garrido e Domingo Piñeiro Garrido.
Nos primeiros tempos a sociedade prestaba soamente asistencia médica a domicilio, ata que no ano 1897, mercou un solar no que se construíría o primeiro centro sanitario da sociedade. Conforme aos documentos existentes no seu arquivo, o censo da época acusaba a existencia de mil españois (cun 90% de galegos) na Bahia, moitos dos cales recurrían ao hospital para tratar doenzas físicas de todo tipo, pero principalmente tuberculose.
Ademais a institución prestaba aos seus asociados axuda financieira, pensións en casos de necesidade, pagaba funerais e pasaxes de retorno para Galicia etc.
O historiador Jeferson Bacelar sinala na súa obra sobre a entidade: “Ademais dos servizos prestados, que ía dende a atención hospitalaria ao auxilio financieiro, a Beneficencia se constituíu, dende a súa creación, nun grupo de poder e no órgano de maior representación da colonia galega na vida da cidade”. O seu desenvolvemento e as súas variadas formas de actuación social dan testemuña da crecente influencia do crecemento material e económico da colectividade. Socios como Manuel Martínez Vázquez, Manuel Falcón Mariño, Francisco Hermida Oubiña, Juan Manuel Albán Garrido e tantos outros, formaban parte da elite da sociedade bahiana.
En 1910 comezou a tomar máis importancia construíndo a súa primeira enfermería con capacidade para noventa camas.
En 1911, Alfonso XIII concedeulle o título de "Real Sociedade", autorizando o uso do escudo de armas reais en todos os seus documentos.
A partir deste ano son sucesivas as ampliacións nos seus diversos sectores, tanto en construción como en servizos médicos dentro das súas posibilidades económicas. De 1920 a 1925 amplían o hospital e neste ano é recoñecido o seu sanatorio como "Entidade Pública Estadual" polo goberno do estado.
Neste ano efectuáronse as 3 primeiras cirurxias polo Dr. Antonio Borja, inaugurándose así unha nova época para hospital, cun réxime de pensionado para pacientes de clínica privada.
En 1956 constrúen o pavimento do centro cirúrxico, co equipamento correspondente. Entre 1961 e 1964 levouse a cabo unha das obras máis destacadas: a construción do pavillón "C". En 1967 dispón dun novo pavillón onde se sitúa o centro radiolóxico, laboratorio de análises clínicas, e a capela.
O Hospital ata 2012 continuou medrando e facendo obras varias para a súa modernización, sempre atendendo a ese carácter benéfico e mutual que o caracteriza dende a súa fundación. En 2014, un forte endebedamento, obriga a sociedade de beneficencia a pechar as súas instalacións. A día de hoxe continúa pechado e sen visos de solucionarse.

Resultados 1361 a 1380 de 1750