Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Centro Gallego de Caracas

  • AE-VEN-CGCar
  • Entidade colectiva
  • 1948 ata 1960

O Centro Gallego de Caracas foi fundado en 1948 por mor da escisión dun grupo de socios do Lar Galego, liderado por Silvio Santiago, en desacordo coa liña política seguida pola sociedade.

Entre os obxectivos do Centro Galego estaban a beneficencia, o socorro mutuo e a asistencia ao inmigrante acabado de chegar, normalmente sen familia nin recursos económicos. Este mutualismo constituía unha maneira efectiva de suplir a insuficiencia da asistencia pública. Así, o Centro subvencionaba aos seus socios servizos médicos e odontolóxicos.

No plano cultural editaron a revista "Galicia", na que colaboraron intelectuais galegos da emigración en América e de Galicia. Publicaron dez números entre xulo de 1952 e xullo de 1954, prestando especial atención a cuestións de tipo cultural, social e deportivo. Emitían un programa de radio chamado "Ecos de Galicia" na emisora Radio Caracas Radio e organizaban conferencias, charlas, concertos, etc. Contaban cunha agrupación cultural chamada "Coro Castelao".

No plano deportivo, contaron con equipos de fútbol, baloncesto e voleibol, así como cunha peña de xadrez chamada "José Raúl Capablanca", en honor do campeón cubano.

No aspecto recreativo, realizaban bailes as fins de semana amenizados por orquestas e romerías de maneira periódica.

Aínda que o 25 de marzo de 1956 aprobaron os Estatutos e a acta constitutiva da sociedade "Lar y Centro Gallego" a unidade non se fixo efectiva ata o ano 1960.

Centro Gallego de Campana

  • AE-AR-CGCamp
  • Entidade colectiva
  • 1912-07-05 ata a actualidade

Este centro foi creado o 25 de xullo de 1912 por membros da colectividade galega residente en Campana coa finalidade de ter un lugar propio no que reunirse e axudarse mutuamente.
A súa directiva fundacional estivo integrada por: Edelmiro Madernas, como presidente; vicepresidente, Rosendo González; secretario José Losada; tesoureiro, Manuel Rumbo; e como vogais: Nicasio Alvarez, Baldomero Boquete, Ernesto Fernández, Manuel Seoane, Enrique Calvo, José Riveira, Fidel Nogueiras, Cándido Urisi, Andrés Rumbo, José Vázquez, Manuel Figueiras, Francisco Calvo.
Nos primeiros anos da sociedade predominaron as actividades recreativas: bailes, paseos, romarías, obras teatrais, etc. para recadar fondos e conseguir a propiedade da súa sede social.
Actualmente domina a súa faceta mutual: atención á saúde dos asociados, á que adican o 99% dos fondos, contando dende 1917 coa cobertura sanitaria do Hospital Español da cidade.

Centro Gallego de Buenos Aires

  • AE-AR-CGBA
  • Entidade colectiva
  • 1907-05-02 ata a actualidade

Esta institución foi creada por un grupo de emigrantes galegos co fin primordial de brindar protección médica e social aos seus coterráneos. Tras unha homenaxe feita en honor ao finado compositor Pascual Veiga na cidade de Bos Aires o 31 de outubro de 1906, a prensa da colectividade lanza a idea de fundar un centro similar ao da Habana ou Madrid, para que axudase a todos os galegos necesitados da Arxentina. Uns días despois o "Centro Vigués" lidera esa proposta e coa axuda do "Orfeón Coruñés", "Orfeón Mindoniense" e "Orfeón Gallego Primitivo", apróbase a creación dun "Centro Gallego". Encabezada por Antonio Varela Gómez e Julio de la Cuesta, créase unha comisión que o 21 de xullo aproba os primeiros estatutos da nova entidade, con sede nun pequeno local alugado, sito na rúa Estados Unidos, no que se instala un consultorio médico e onde se impartían clases nocturnas de alfabetización.
No ano 1911 acometeu a reforma dos estatutos, quedando dende entonces implantada a mutualidade; con este cambio nos fins sociais aumenta de maneira considerable o número de socios. Conxuntamente estabelece os servizos fúnebres, de asesoramento xurídico e a farmacia social. O crecemento da entidade levou a buscar un edificio maior e en 1917 mercan por subscrición popular dos socios, un edificio na avenida Belgrano, un palacete que aínda hoxe é a súa sede social.
O 9 de decembro de 1933 manifesta publicamente o seu apoio á autonomía galega, apoio que reitera en xuño de 1936: "... teniendo en cuenta que la Autonomía de Galicia no es un asunto político, sino eminentemente patriótico; consecuente con la posición fijada al respecto y fiel al precepto estatutario que dispone: "secundar eficazmente toda acción progresista que se inicie en bien de Galicia".
No ano 1969, crea o "Instituto Argentino de Cultura Gallega", a través do cal se realiza unha intensa actividade coa publicación de libros que en Galicia estaban prohibidos, organización de conferencias e diversos actos a prol da lingua e da cultura galegas.
Na actualidade esta institución con máis de 30.000 asociados pasa por unha grave crise económica, debido tanto a precariedade da economía arxentina como a mala xestión dos fondos da entidade. A grande maioría dos seus socios son xente de avanzada idade, que precisan atención médica constante e que coas súas cotas (moitas das cales non poden pagar) non poden manter as actividades sanitarias, primordiais na actualidade. As axudas das institucións galegas como a Xunta só serven para paliar o grave déficit do centro e parecen non poder salvar a institución da endémica situación de crise que vive dende os anos 90 do pasado século.

Centro Gallego de Bruselas

  • AE-BE-CG
  • Entidade colectiva
  • 1979-01 ata a actualidade

En xaneiro de 1979 un grupo de emigrantes galegos residentes en Bélxica decidiron fundar esta entidade co propósito de promover e defender a cultura e o folclore galegos e desenvolver o contacto entre os galegos que alí traballaban. Tamén manifestan a súa intención de loitar polo intercambio e a solidaridade entre os galegos e fomentar os lazos entre Galicia e os outros centros galegos no estranxeiro, ademais de desenvolver lazos de amistade coa poboación belga.

Xa nese ano, en outubro, fundan un grupo folclórico, integrado por vinte gaiteiros e un corpo de danza de sesenta e cinco compoñentes, que se convertiría no motor principal da entidade, participando en diversos festivais en Alemaña, Francia, Benelux e Galicia.

No ano 1981, o centro contaba con douscentos socios, pero problemas internos provocaron unha escisión; o grupo que marchou funda a "Casa de Galicia de Bruselas". No ano seguinte crearon unha coral e en 1985 contaban xa con mil socios e unha sede social cedida polas autoridades belgas. No ano 1986 comezan a publicar a revista "A Nosa Voz", voceiro da entidade.

Os seus obxectivos societarios son a promoción e a defensa da cultura e o folclore galegos en Bélxica, así como fomentar a solidariedade entre os galegos, ademais de buscar a cooperación cos outros centros galegos no extranxeiro.

Centro Gallego de Berna

  • AE-SU-CGBer
  • Entidade colectiva
  • 1969-05 ata a actualidade

No ano 1969, un grupo de galegos residentes en Berna, xuntouse para xogar o fútbol e crearon o Club Galicia de Berna. Con este nome participaron en diversos torneos e campionatos suízos de fútbol. Montaron un local social para consolidar os equipos e foise creando unha sociedade deportiva e, o mesmo tempo, social.

Os seus primeiros Estatutos, redactados en castelán, datan de maio de 1969. Nunha Asemblea Extraordinaria celebrada o 31 de maio de 1973 aprobaron uns novos Estatutos e acordaron pasar a denominarse Centro Gallego de Berna.

A asociación creouse cos seguintes obxectivos:

  • Xuntar a colectividade galega do cantón de Berna e arredores, para non perder a propia imaxe, lingua, cultura, e achegarse máis a Galicia.
  • Realizar actividades culturais, deportivas e recreativas.
  • Axudar aos socios necesitados.
  • Fomentar a amizade entre españois.

Imparten cursos de lingua galega, emiten o programa de radio "Rollo semanal" e, no ano 1985, fundan o grupo folclórico "Brétemas e Raiolas", que dende 1993 pasará a chamarse "Raíces". Mensualmente publican "Follas informativas". Contan con dous equipos de fútbol e un equipo de esquí.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS), participando nos seus actos culturais.

Centro Gallego de Barquisimeto

  • AE-VEN-CGBar
  • Entidade colectiva
  • 1963-11-26 ata a actualidade

Esta sociedade recreativa e benéfica foi creada por un grupo de emigrantes galegos residentes na cidade venezolana de Barquisimeto para defender e divulgar os valores autóctonos, espirituais e históricos de Galicia; a irmandade e protección de todos os seus fillos, ademais de estabelecer relacións cordiais e intercambios culturais coas demais asociacións galegas.
O centro celebra anualmente a "Feira do Pulpo", o Día de Santiago Apóstolo, o Día da Raza, Fin de ano e Reis. Organizan actividades deportivas e asistenciais, coa recollida de fondos para axudar aos anciáns galegos que queran retornar a Galicia.
Teñen sede propia e contan cun grupo de danzas e gaitas chamado "Carballeira" formado por 6 gaiteiros e un corpo de baile, "Semente da Terra", integrado por 15 membros.

Centro Gallego de Barcelona

  • AE-ES-CGB
  • Entidade colectiva
  • 1892 ata a actualidade

As orixes do Centro Galego de Barcelona remóntanse a 1892, pero no es hasta el 1923 que un grupo de emigrantes galegos deciden darlle forma legal á entidade. Foi inaugurado o ano 1923, como unha entidade de carácter recreativo, producíndose pronto problemas internos como a escisión no ano 31 dun grupo de socios que fundarían o "Centro Cultural Galego". Ambas entidades desapareceron a causa da guerra civil.
O 30 de xullo de 1946, como continuación da Peña Galega "A Casa da Troia" constituíuse a "Casa de Galicia", sendo o seu primeiro presidente Santiago Guisán Pardo. En maio de 1947 aproban os estatutos da sociedade artística "Cantigas e Aturuxos" e o 25 de xaneiro de 1948, en asembleia extraordinaria apróbase a fusión de ambalas dúas entidades creando o actual "Centro Gallego de Barcelona".
Ese mesmo ano aproban os estatutos donde aparecen os fins da nova entidade: crear e manter Centros e Seccións especiais de ensino e capacitación técnica en beneficio dos asociados; fomentar a divulgación das Artes entre todos os socios e simpatizantes, promovendo e protexendo a celebración de exposicións, conferencias, visitas, museos e coleccións, así como a formación de tertulias e demais actividades análogas; socorrer, dentro das súas posibilidades, a cantos galegos, transeúntes ou residentes en Barcelona o solicitasen; ofrecer previsión e mutua protección entre os socios, para o que se crean seccións de Montepío, Bolsa de Traballo; abrir un consultorio médico para dar asistencia clínica aos socios e crear un economato e outros similares.
En 1934 crean a Coral "Lonxe da Terra" baixo a batuta do mestre Castells e que sería refundada en 1989. O 4 de marzo de 1948 sae a luz o primeiro número de "Alborada", órgano oficial da entidade e que se segue a publicar hoxe en día.
Fundan baixo a dirección de Xosé Luís Foxo Rivas o ano 1977, unha escola de gaitas e danzas chamada "Toxos e Xestas" de gran repercusión cultural e artística en toda Cataluña e contan cun grupo de teatro "Lonxe da Terra".
O centro ten a súa sede nas Ramblas, Caputxins 35-37, que pasa a ser da súa propiedade no ano 1992. Alí está a biblioteca "Otero Pedrayo", inaugurada en 1979, cuns importantes fondos en literatura galega.
Actualmente organizan actividades recreativas e culturais como bailes, conferencias, exposicións; ofertan cursos de lingua galega e convocan un Premio de narrativa "Manuel Casado Nieto". Ademais, colabora na posta en marcha de emisoras de radio como "Radio Amistad", clausurada en xuño de 1985 e "Radio Celta", inaugurada en abril de 1985.

Centro Gallego de Azul

  • AE-AR-CGAz
  • Entidade colectiva
  • 1992-09-19 ata a actualidade

A idea da creación dun centro galego na cidade de Azul xorde tras unha reunión no local da Cruz Roja desta localidade. Na reunión participaou un grupo de galegos que decidiron constituír un centro onde se puidesen reunir os emigrantes galegos e tamén arxentinos, interesados en organizar actividades culturais e sociais. A súa fundación oficial efectuouse o 19 de setembro de 1992 sendo o seu primeiro presidente Manuela Carmen Alonso Méndez.
Xa dende os seus inicios deciden crear un grupo de baile e un programa de radio.
O centro carece de sede social propia, realizando os actos sociais en lugares ofrecidos por outras institucións; ten alugada un despacho/sala onde está instalada a súa biblioteca denominada "Dr. Leopoldo Laperta" e un salón onde ensaia o grupo folclórico.
Segundo os seus estatutos as súas finalidades son: realizar labor cultural, social, recreativo, deportivo e de apoio recíproco entre os seus asociados; exaltación de Galicia polos seus valores humanos, materiais e morais; promover, difundir e subvencionar a cultura galega e arxentina polos medios ao seu alcance; organizar conferencias, cursos e actos para o maior desenvolvemento cultural e educativo dos socios.

Centro Gallego de Avellaneda

  • AE-AR-CGAv
  • Entidade colectiva
  • 1899-10-22 ata a actualidade

O Centro Gallego de Avellaneda foi fundado o 22 de outubro de 1899 a instancias entre outros de Antonio Paredes Rey, Manuel Golán, Lino Pérez, Cándido Vallejo, Isidoro Alonso, Ramón Salgado, Modesto Pérez, Modesto Beyro, Isidro Alonso, Andrés de Paylos, Manuel Meaños, José Farina, Pastor González, Generoso Dávila, José Santos Boo, José Figueira, Manuel Dorrego "dando así una prueba más de muestra cultura y para conservar en nuestro corazón el cariñoso recuerdo de nuestra amada Galicia". En 1916 aproban ademais a mutualidade para axudar economicamente aos socios necesitados ou enfermos ou ás familias en caso de falecimento.
Xa nestas datas contan cunha prestixiosa orquestra, un coro, un conxunto teatral e un conservatorio de música, cunha actividade cultural moi destacada.
En 1919 contan cun Instituto Cultural para os socios e os seus fillos, donde imparten clases de solfeo, piano e violín; corte e confección; labores; aritmética razonada; instrucción primaria; caligrafía; debuxo natural, lineal e ornamental; francés; teneduría de libros.
Esta sociedade recreativa e cultural recolle nos seus estutos de 1939 os seus fins sociais: "o recreo, a instrucción civil e moral, a beneficencia e a protección mutua entre os seus asociados baixo o precepto "uno para todos, todos para uno".
Entre os anos 1919 e 1927 fan varias doazóns para subvencionar a Biblioteca América, a Real Academia Galega e para erixir unha estatua a Rosalía de Castro; tamén contribúen economicamente na campaña da edición do Libro Escolar Gallego (en 1929) e para o sanatorio antituberculoso da Lanzada.
Dende 1975 ata 1985 pasaron por graves problemas administrativos e económicos, que fixeron temer a súa desaparición. En 1999 cumpriron cen anos, convertíndose na entidade galega máis antiga existente en Arxentina.
Actualmente desenvolven actividades socioculturais e recreativas, cursos de capacitación profesional para os socios. Celebran as festas galegas como o Día do Apóstolo Santiago, cun tradicional xantar entre todos os socios; o Día das Letras Galegas, etc. Tamén realizan actividades deportivas e en 1991 inauguraron unha Escola de Psicoloxía Social, con asesoramento gratuíto para todos os galegos; tamén teñen un consultorio de asesoramento notarial e xurídico.
Contan cunha biblioteca con 1734 volumes que está aberta polas tardes ó público.

Centro Gallego de Alicante

  • AE-ES-CGAli
  • Entidade colectiva
  • 1977-05-27 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes galegos residentes en Alacante foi constituida e recoñecida legalmente o 22 de maio 1977, pero comezou a funcionar de maneira continuada, organizando actividades e cunha sede social propia no ano 1986. Son presidentes de honra desta entidade Enrique Penedo Domínguez e José Luís Iglesias Sequeiros.
Entre os fins da sociedade destacan: "Fomentar entre todos os asociados de Galicia en Alacante, o amor á Patria a través do amor a Galicia; procurar o nivel cultural de todos os socios, e facilitarlles no posíbel os medios educativos e de recreo, prestando asistencia moral e material aos máis necesitados, sexan ou non socios".
Organizan e celebran o Día de Santiago e o Día das Letras Galegas. En 1991 crearon un grupo folclórico de baile galego e coro. En 1990 editan por vez primeira unha revista social como voceiro das actividades que organiza a entidade.

Centro Galicia en Ponferrada

  • AE-ES-CGaPon
  • Entidade colectiva
  • 1992-08-03 ata a actualidade

O centro foi fundado en 1992 ao disolverse o antigo Centro Gallego de Ponferrada. Dende ese momento a institución mantén o compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os seus socios, novas xeracións e público en xeral.

Concedéuselle a condición de Galeguidade no Decreto 20/1995, do 20 de xaneiro.

Segundo os seus estatutos os seus fins son:

  • A difusión da cultura galega en todas as suas manifestacións e o estreitamento dos vínculos entre Galicia e Ponferrada.
  • Ser o cobixo de todos os galegos residentes na Comarca do Bierzo e vehículo de proxección da cultura galega cara os leoneses e nativos de outras provincias que pertezan á Sociedade.
  • Ofrecer toda clase de servizos e actividades conducentes ao público coñecemento do Camiño de Santiago ou Ruta Xacobea pola xeografía hipana.

Realizan diferentes actividades, destacando as conferencias en torno ao Camiño de Santiago e a Romería Santiago Apóstol Cruz de Ferro, que celebran na Ermita na cruz de Ferro (Monte Irago), así como cenas de Fin de Ano e baile infantil de Reis. Contan coa banda de gaitas "Centro Galicia" e publican bianualmente a revista "Galicia Terra Única".

Centro Galicia de Olten

  • AE-SU-CGalOl
  • Entidade colectiva
  • 1969-05 ata a actualidade

A Sociedade foi creada en maio do 1969 na cidade de Olten, situada na zona noroeste de Suíza, co desexo de acoller tódolos emigrantes galegos da zona.

Os seus primeiros Estatutos, redactados en castelán, foron aprobados en 1969.

Os seus obxectivos son:

  • Realizar toda clase de actividades: deportivas, recreativas e culturais.
  • Conservar e espallar a cultura, as costumes e as tradicións galegas.

Dende 1974 contaron cun local, alugado, onde poder xuntarse. O edificio conta con: oficina, salón de actos, biblioteca e bar. Nel realizan a maioría das actividades recreativas, culturais,
sociais..., ademais de ser o punto de encontro para os galegos de Olten e aredores. Publican o boletín "Centro Galicia Olten" para informar aos socios sobre as súas actividades e proxectos.

No 1988 crearon o grupo folclórico "Aires e Follas da terra", onde a participación dos nenos é moi importante. Celebran o Día das letras Galegas, o Día de Galicia e o Entroido e contan cun equipo de fútbol, "Centro Galicia".

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Centro Galicia de Buenos Aires

  • AE-AR-CGal
  • Entidade colectiva
  • 1979-07-25 ata a actualidade.

Este centro xurde tras a fusión do "Centro Lucense", "Centro Orensano", "Centro Coruñés" e "Centro Pontevedrés". No mes de decembro de 1978, reuníronse na sede do "Centro Lucense" representantes do "Centro Orensano" e da "Asociación Gallega de Buenos Aires", para eleborar un proxecto de creación dunha nova institución con basamento nas catro entidades provinciais galegas de maior arraigo na cidade. O seu obxectivo principal que os unía era preservar para o futuro da comunidade galega os patrimonios físicos, humanos e culturais que posuía cada entidade. Cabe dicir que "Asociación Gallega" era unha nacente entidade, formada polos "Centro Coruñés" e "Pontevedrés", aínda que sempre aparecen estas entidades como co-fundadoras do Centro Galicia de Buenos Aires.
Despois de varios meses de deliberacións aproban oficialmente a fusión o 25 de xullo de 1979, sendo Darío Lamazares, primeiro presidente e impulsor da fusión dos diversos centros.
A Comisión plenaria pro-fusión estaba integrada polos seguintes directivos: presidente, Darío Lamazares (Centro Lucense); vicepresidente, Antonio Gómez (Centro Orensano); secretario, Luis A. Fontoira (Asociación Gallega); prosecretario, Vicente Velasco (Asociación Gallega); secretario de Actas, Benito Fernández Cid (Centro Orensano); prosecretario de actas, Arturo Naval (Centro Orensano); vogais: Alvaro Campos Alonso (Asociación Gallega), José Caneda (Asociación Gallega), Gabriel López Penelo (Centro Lucense), José López Pin (Centro Lucense), Manuel Martínez Lamela (Centro Lucense), José Mª Vila Alen (Centro Lucense), Reinaldo Pelayo Soto (Centro Orensano), Rafael Gil Malvido (Centro Orensano) e Antonio Rodiño (Asociación Gallega).
A cuestión do nome da nova entidade foi un novo problema; nun primeiro momento se decidira chamala "Club Gallego de Buenos Aires, cultural, social e deportivo", pero finalmente a comisión plenaria aprobou por unanimidade a denominación de Centro Galicia.
Nos seus primeiros Estatutos (1980) aparecen especificados os seus fins: "a) propiciar e facilitar o coñecemento da historia, costumes e cultura da República, difundir os principios da súa constitución, manter e acrecentar o seu sano patriotismo e amor á nacionalidade e o respecto polas institucións que a rexen; b) contribuír ao estudo, coñecemento e difusión da historia, da cultura e dos costumes de Galicia e dos demais elementos esenciais que fan a vida do seu pobo, espiritual e etnicamente diferenciado; c) crear e soster un centro de estudos que na súa amplitude abrangue a maior cantidade de disciplinas e actividades desde a etapa infantil ata alcanzar o nivel universitario, impulsando o estudio de todo o que teña que ver co mellor coñecemento de Galicia, en todos os seus aspectos dentro do contexto do acervo cultural e espiritual dos pobos ibéricos; d) realizar actos culturais, artísticos, recreativos e de calquera outra índole para o logros dos fins mencionados; e) crear unha biblioteca, editar unha publicación periódica informativa e de divulgación cultural; f) manter permanentemente vivo o recordo dos costumes e tradicións que forman parte do acervo cultural da Arxentina e de Galicia, cultivandoas e facéndoas coñecer a traves de conxuntos folclóricos e costumbristas; g) fomentar o turismo ao interior e exterior do país, organizando todo tipo de excursións; h) crear e manter un departamento deportivo, para que contribuíse ao melloramento físico e espiritual, realizar concursos e torneos, dende xogos de salón ata os da actividade ao aire libre, sen carácter profesional; i) outorgar premios, acordar bolsas nos diferentes aspectos que contempla o seu facer xeral; k) dispoñer a súa axuda, orientación ou consello aos galegos emigrantes, propender a que se integren dentro do seo da nosa colectividade e procurar que se adapten ao medio social arxentino no que deberán actuar e convivir; l) xestionar e facilitar o ingreso a este centro das entidades galegas que sexan solidarias cos seus principios e persigan os mesmos fins".
Esta asociación celebra habitualmente as festividades tradicionais galegas ademais de numerosos actos culturais como ciclos de conferencias, representacións teatrais, exposicións, concertos, seminarios e cursos. Conta ademais cunha escola de baile folclórico gallego e español, e de música, gaita e guitarra. Ten un coro integrado polos seus socios denominado "Rosalía de Castro".
Teñen tamén grande importancia as actividades deportivo-recreativas pois defenden "o uso do deporte como vehículo de integración e unión de todos os galegos" cun destacado labor educativo con escolas de tenis, patin-show, bowling, natación, baloncesto, balonbolea, futbol, bolo celta, ioga, etc. Organiza colonias de vacacións durante o verán para os nenos de 4 a 14 anos no seu campo deportivo "Los Olivos".
A comisión de cultura da entidade colabora coa emisión de diversos programas de radio para promocionar Galicia e a súa cultura: "Recorrendo España" en Radio Splendid; "Galicia Hoxe" en Radio Colonia; "La Oreja" en Radio Ribadavia; "La Voz Española" en Radio Argentina. Radio interna "Pentagrama informativo".
Edita a revista "Mundo Gallego" como órgano de información da sociedade, cunha tirada de 25.000 exemplares de distribución gratuíta cada dous meses; e unha guía de actividades do centro, mensual, con información xeral para todos os socios.

Centro Galego Val do Rhin

  • AE-SU-CGVal
  • Entidade colectiva
  • 1979-04 ata a actualidade

O Centro foi inaugurado en abril do ano 1979 por 36 personas de orixe galega, que sentían a necesidade de ter un lugar de reunión, onde poder falar e entenderse na súa lingua, “así como para conocernos más entre nosotros mismos. Para que nuestros hijos puedan conocerse entre ellos, para que todos juntos podamos hacer más fuerte el gallego en la Suiza”, segundo as súas propias palabras.

Sociedade cultural e recreativa, nos seus Estatutos, redactados en galego, reflicte os seus obxectivos:

  • Fomenta-lo acercamento de tódolos galegos.
  • Defende-la lingua galega.
  • Desenrolo de actividades encamiñadas a difusión da cultura galega.
  • Desenrolo de actividades recreativas.
  • Intentar inculcar as novas xeracións que non deben esquecerse de que son galegos.
  • Prestar axuda a tódolos españois, sexan ou non socios.

Contan con un local social, alugado, con sala de reunións, oficina, bar, terraza, cociña e biblioteca.

En 1983 fundan o grupo folclórico Aires da Terra. Celebran o Día das Letras Galegas e o Día de Galicia en Suíza, organizan conferencias, mesas redondas, concursos de poesía e pintura e cursos de baile galego.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Centro Galego de Zug “A Nosa Terra”

  • AE-SU-CGZug
  • Entidade colectiva
  • 1991 ata a actualidade

O Centro galego de Zug “ A Nosa Terra” foi fundado no ano 1991. Naceu da necesidade de ter un espazo que os achegara á nosa terra a pesar da distancia física, un lugar común onde poder desenvolver as súas actividades sociais e culturais.

Ata o ano 1995 non dispuxeron dun local propio, mais isto non supuxo impedimento para crear o grupo folclórico “A Nosa Terra”, así como tamén un equipo de fútbol, co mesmo nome.

O 15 de Xuño do ano 1996 inaugúrase o local de Sumpfstrasse, Steinhausen, grazas a xenerosa participación económica e os traballos realizados polos socios. No ano 2000 cambiaron a un local en Cham, onde estiveron ata o 2007. E foi nese mesmo ano no que tornamos a Steinhausen, nun local novo, amplo e axeitado para as súas necesidades.

Impartiron cursos de galego, alemán, informática, cociña… e conferencias de diversos temas, aínda que sempre relacionado co mundo da emigración, o retorno, a vellez, etc. Celebran o Día Das Letras Galegas, o Magosto e romarías.

O Centro ten como finalidades primordiais:

- Desenvolver todos os medios posibles, no sentido da afirmación da lingua, da arte e da cultura do pobo galego, así como dos seus valores nacionais.
- Fomentar, promocionar e divulgar as actividades culturais e deportivas entre os membros da entidade.
- Apoiar e prestar axuda, moral e social, ós galegos da zona de Zug, nos problemas con que se poidan atopar dada a súa condición de emigrantes, contando sempre coa axuda da Xunta de Galicia.
- Fomentar a práctica do deporte, como elemento integrador da xuventude.
- Ser un punto de encontro para os galegos falantes e demais linguas cooficiales españolas.

Dende 1992 publican o Boletín Informativo "A Nosa Terra”.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Centro Galego de La Rioja

  • AE-ES-Rio
  • Entidade colectiva
  • 1927 ata a actualidade

A comisión provisoria constituiuse o 21 de agosto de 1927, e a primeira Asamblea Xeral Extraordinaria celebrouse o 27 de novembro dese mesmo ano. Nela acordaron realizar actividades de asistencia e obra social para aqueles socios con menos recursos.

No rexistro histórico de actas das reunións da Comisión directiva, consta que unha considerable porcentaxe do recadado en bailes, festas e festivais fora destinado ás asociacións intermedias: Sociedad de Beneficencia e Bomberos Voluntarios del Boxing Club.

A súa sede social, en propiedade, dispón de dous salóns para festas (o histórico de 400 m2) e un salón auxiliar para facer por separado as actividades que teñen lugar no centro, ademais dunha biblioteca e oficinas.

Esta entidade é centro colaborador da Xunta de Galicia desde o 1 de setembro de 2003.

Esta institución mantén o firme e decidido compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os seus socios, novas xeracións e público en xeral.

Centro Galaico Venezolano

  • AE-ES-CGVen
  • Entidade colectiva
  • 1990-12-20 ata a actualidade

A acta fundacional desta asociación de emigrantes galegos retornados e dos seus fillos e descendentes data do 8 de decembro de 1990, data na que se reuniron varios vecinos de A Coruña coa intención de constituir unha asociación co obxectivo de desenvolver e propagar a cultura galega e venezolana en todas as súas formas.

A sociedade constituíuse formalmente o 20 de decembro de 1990 coa finalidade de reunirse e sociabilizarse, lembrando os costumes venezolanos. Tamén informan aos seus socios das políticas de axudas para a súa integración, cursillos organizados dende o concello e outras institucións galegas.

Como consta no artigo nº 2 dos seus Estatutos, os seus fins son a difusión da cultura e a arte galaico venezolano.

Centro Friolense

  • AE-AR-CFri
  • Entidade colectiva
  • 1932-04-00 ata 1943-01-09, ano no que se fusionou con outras entidades de emigrantes lucenses para crear o Centro Lucense de Buenos Aires

Este Centro foi creado como un medio de unión, expansión, instrución, e de axuda moral e material para os seus asociados, todos eles emigrantes naturais do concello lucense de Friol e residentes na Arxentina.
Entre os seus fundadores pódese citar a: Jesús Vigo (primeiro presidente da entidade), José Morandeira, Maximino López, José Varela, Ramiro Sanjurjo, Cipriano Vigo, Domingo Losada, Enrique Vigo, Antonio Boca, Antonio Arias, Celestino Vigo, Lino Ares, Angel Pereira, Manuel Duro e Rudecindo González
En 1936 esta sociedade aprobou por unanimidade en asemblea de socios conceder a cantidade de $500 a total beneficio da Cruz Roja Española para contribuír así "a mitigar el dolor de los miles de compatriotas que actualmente sufren las consecuencias del momento trágico por el que atraviesa la afligida patria".
Esta sociedade desparece tras a súa fusión co "Centro Lucense".

Resultados 1361 a 1380 de 1750