Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Casa Cultural de Galicia en Elgoibar

  • AE-ES-CaElg
  • Entidade colectiva
  • 1978-07-31 ata a actualidade

A fundación da Casa Cultural comezou cunha xuntanza dun pequeno grupo de galegos no Bar Estación. En 1977 alugan un local e en 1978 consiguen adquirilo e constituir a sociedade. No local lévanse a cabo as actividades e conta con biblioteca, cociña e oficina.

Os seus obxectivos son:

  • Promover a cultura Galega en Euskadi.
  • Conservar e promover a cultura galega a tódolos niveis (lingüístico, literario, deportivos...).
  • Axudar aos asociados ante calquera problema (social, cultural, xurídico, económico, etc.).
  • Promover a unión de tódolos galegos e simpatizantes mediante distintas actividades.

Durante máis de dez anos contaron co grupo folclórico "Airiños Galegos" e a Tuna "Anduriñas" e dende 1986 editaron a publicación societaria "Letras Galegas", de periodicidade anual.

Organizan conferencias, celebran o Día das Letras Galegas e diversos campionatos, fan excursións e celebran o entroido e o magosto.

Casa de España en Santo Domingo

  • AE-RD-CaEs
  • Entidade colectiva
  • 1917-07-01 ata a actualidade

Co obxectivo de reunir á comunidade española residente no país e incentivar a cultura e as tradicións hispana, un grupo de españois residentes en Santo Domingo, entre os cales podemos destacar a Américo Lugo, Santiago Bustamante e Joaquín Fernández de Gamboa, entre outros, deciden reunirse para facer unha entidade que lles servira de referencia coa súa patria.
Con este ideal, reúnense por primeira vez o 12 de xuño de 1917, na casa de Luis Baquero Alonso. Unha semana despois, volven xuntarse no colexio “Divina Pastora” dos Padres Capuchinos e quedou designada unha comisión xestora para a creación dos estatutos da Casa de España.
O 1 de xullo de 1917 celebran unha terceira sesión, na que se constitúe oficialmente a nova entidade, que terá como obxectivos:
difundir o espíritu español; estreitar os lazos entre españois, dominicanos e outras colectividades estranxeiras no país; desenvolver os intereses materiais da colonia; fomentar a cultura en todos os aspectos; beneficencia, e auxilio para os socios; e organizar actividades recreativas.
A primeira directiva estivo presidida por Domingo Hernández, como vicepresidente, Jesús Cobián, Bnejamín Portela Álvarez como secretario e luis Baquero Alonso como tesoureiro; como vogais: José Lebrón Álvrez, Francisco González Flores, Perfecto Quintillá, Santiago Bustamante e Antonio Fernández.
Crea unha biblioteca “Cervantes” a través da que organiza numerosos actos de divulgación cultural como conferencias, certámenes literarios, exposicións de artes plásticas, representacións de bailes folclóricos, así como a celebración de festas rexionais e o fomento de actividades deportivas, coas que a Casa de España logrou na súa historia manter vivos os lazos de unión con España. Tamén patrocinou diversoso programas de saúde e de beneficencia, brindando asistencia a toda a sociedade dominicana.
Esta entidade é na actualidade un club social privado dedicado a promover a gastronomía e costumes españois na República Dominicana. O seu obxectivo principal é acoller e ser centro das reunións para españois e os seus descendentes, así como dominicanos identificados coa cultura de España.
Contan con modernas instalacións deportivas, áreas de esparcimento, un restaurante e unha taberna onde se pode degustar aas delicias da mellor cociña española.

Casa de Espanha de Porto Alegre

  • AE-BR-CaEPor
  • Entidade colectiva
  • 1953/05/24 ata 1994, ano da súa fusión coa "Sociedad Espanhola de socorros mutuos de Porto Alegre", dando lugar ao actual "Centro Espanhol de Porto Alegre"

Esta entidade foi fundada por un grupo de españois, ex-socios da "Sociedade Espanhola de socorros mutuos de Porto Alegre", que decidiron constituír un grupo ao que chamaron "Grupo de amizade 12 de outubro". Eran contrarios á marcha desta entidade, con profundas disensións políticas e mesmo da actuación da entidade que segundo eles perdera "o seu carácter mutualista e hispanista". Este grupo nunca tivo carácter asociativo nin xurídico pero foi o xérmolo dunha nova entidade.
Tras realizar varias festas e banquetes foi cundindo a idea de crear unha nova sociedade que defendera aos emigrantes españois e espallase a cultura española na sociedade brasileira. Esta idea foi apoiada activamente dende o consulado español en Porto Alegre (que tiña moi mala relación coa Sociedade española de socorros mutuos) quen desexaba manter a vinculación dos emigrantes españois co estado español, e a nova sociedade lles serviría de canle para informar dos proxectos e leis que afectase á colectividade.
A directiva fundacional estaba integrada por Juan Quintana Ros, primeiro presidente; Miguel Vázquez Valiño, secreatrio; José Esteve Vila, tesoureiro e como vogais: Victor Braña Rivas, Alejandro Buxeda Gutiérrez, Julio Comesaña Alonso, Pedro Díaz Marco, Celestino Rey Garrido, Laureano Pratas García e Feliciano Veiga Vieites.
Creouse como unha entidade recreativa, co fin prioritario de difusión cultural e estreitamento dos lazos de unión e amistade entre os españois alí asentados.
En 1959 aproban unha reforma nos estatutos nos que tamén se contempla o labor asistencial para os socios e a necesidade de conseguir unha sede social propia.
Tras unha longa traxectoria en 1994, os socios aproban en asemblea xeral a súa fusión coa "Sociedade Espanhola de socorros mutuos de Porto Alegre" e pasan a denominarse como "Centro Espanhol de Porto Alegre", que actualmente continúa a traballar na difusión da cultura española no Brasil e a asistencia mutual entre os seus socios.

Casa de Espanha de Rio de Janeiro

  • AE-BR-CaERio
  • Entidade colectiva
  • 1983-03-27 ata a actualidade

Esta sociedade é o resultado da fusión do “Club Espanhol de Rio de Janeiro” (fundado en 1951, baixo o nome de “Centro Espanhol de Rio de Janeiro”) coa “Casa de Galicia” (fundada en 1947).
Trátase dunha entidade sociocultural e deportiva que conta con sede social propia e amplias instalacións (restaurante, salóns de actos, zona deportiva, … ) para realizar as súas numerosas actividades recreativas, a disposición dos seus socios, dos cales a gran maioría son galegos, que de feito están unidos na chamada “Peña Gallega”, integrada nesta sociedade.
Entre os seus obxectivos pódese destacar: “Servir de vínculo entre os membros da coletividade española, co fin de manter os costumes, cultura, idioma, arte, folclore e tradiçións españolas; promover reunións sociais, culturais e recreativo-deportivas entre seus asociados e aproximar as relacións entre españois e brasileiros; promover actividades de caráter asistencial, educacional e filantrópico; promover e incentivar actividades culturais, como: institutos de cultura, cine, videoclube, cursos de idiomas, de música, de danza e outros que axuden ao desenvolvemento cultural”.

Casa de Galicia

  • AE-CU-CaG
  • Entidade colectiva
  • 1993-05-08

Esta entidade foi fundada o 8 de maio de 1993 na cidade de Santiago de Cuba (provincia de Santiago de Cuba) baixo a denominación de "Asociación Gallega de Santiago de Cuba" por un pequeño grupo de descendentes de galegos, liderados por Carlos Fernández Rodríguez quen constituíu un comité xestor manténdose el no cargo de tesoureiro.
A súa sede social está situada na Rúa Bravo Correoso, 205 Bajos, esqu. 7 e 8 e contaba no ano 2000 con 50 familias asociadas.
Actualmente coñécese como Asociación Amistad Cubano-Gallega. Casa de Galicia". Os seus obxectivos son benéficos e culturais, dedicándose á atención dos galegos dos municipios de toda a provincia de Santiago de Cuba, non só da cidade.

Casa de Galicia de Badajoz

  • AE-ES-CaGaBad
  • Entidade colectiva
  • 1998-04-26 ata a actualidade

Esta sociedade recreativa foi fundada o 26 de abril de 1998 por un grupo de galegos residentes na cidade de Badaxoz.
Nos seus Estatutos sociais especifican a súa finalidade: prolongación de Galicia en Badaxoz, irmanando aos galegos e simpatizantes residentes na cidade no recordo vivo de Galicia; promover actividades culturais, basicamente en función de dar a coñecer o patrimonio cultural galego; benéfico-sociais: todas aquelas que procedan de acordo ás posibilidades da asociación; recreativas: promocionar entre os asociados toda clase de actividades deste tipo, dentro dos cauces legais establecidos.

A sociedade obtivo o recoñecemento de Galeguidade en abril de 2000.

Casa de Galicia de Bilbao

  • AE-ES-CaGaBil
  • Entidade colectiva
  • 1926-05-06 ata a actualidade

A "Casa de Galicia de Bilbao" foi fundada o 6 de xuño do ano 1926 por un pequeno grupo de galegos que se reunían na Cafetería La Terraza. Tiveron varias sedes sociais, a maioría alugadas ata que no ano 1990 inauguran a actual en propiedade, sita na rúa Picasso, cunha superficie de 600 m2 donde ademais de comedor, cafetería, sala de xogos, contan cunha sala de exposicións e unha biblioteca con máis de 1000 volumes en galego; posúen varios locais que alugan.

Nos seus Estatutos recollen os fins artísticos, culturais, recreativos e benéficos da entidade, encamiñados todos eles a facilitar e cultivar a confraternidade galaico-vasca e a difusión do que representa Galicia en todas e cada unhas das súas manifestacións.

En setembro de 1962 crearon o grupo folclórico "Danzas Terra Nai", integrado por quince músicos e sesenta compoñentes de baile e a banda de gaitas "Lumieira". En 1982 formaron un grupo de corda, con sesenta músicos e no ano 87, doce socios crean "Xolda", grupo de música tradicional galega. Ademais teñen un grupo de teatro chamado "O Palleiro". Todos os seus grupos participan activamente nas festas organizadas pola entidade: celebracións do Antroido, Semana das Letras Galegas, Día de Galicia en Euskadi, etc.

Organizan cursos literarios de narración curta que convocan anualmente. Dende 1986 publican o informativo mensual "O Currunchiño" e dende o 88 editan "O Curruncho", boletín mensual da sociedade, e "Follas Novas", o voceiro infantil e xuvenil.

Casa de Galicia de Bruselas

  • AE-BE-CaGa
  • Entidade colectiva
  • 1981-02-21 ata a actualidade

A Casa de Galicia de Bruselas ten a súa orixe na escisión dun grupo de membros do Centro Galego de Bruselas. A diferencia de criterios coa directiva e algúns membros do Centro orixinou a separación de ámbos grupos. A Casa de Galicia iniciou as súas actividades nun bar propiedade dun galego. Neste primeiro momento a asociación estaba case que exclusivamente composta pola directiva e as súas familias. Pouco a pouco a sociedade experimentou un crecemento continuado, as “rencillas” olvidaronse e hoxe semella que hai un bo entendemento entre as dúas asociacións galegas en Bruxelas.

A Casa de Galicia é unha asociación de tipo cultural, sen fins de lucro, cuxos obxectivos principais son, como consta no artigo nº 2 dos seus Estatutos, “el cultivo y la expansión de la cultura gallega”. Neste sentido tratan de dar a coñecer a lingua, a cultura e as costumes galegas en Bélxica (e incluso en países como en Holanda, Francia e Alemania por medio do seu grupo folclórico, onde é bastante coñecido e actúa con regularidade.

Os seus primeiros estatutos foron reformados en Asemblea Xeral o 5 de decembro de 1982. A partires desa data a sociedade pasou de ter unha “directiva coordinadora” a unha “directiva presidencial”.

Contan cun grupo folclórico homónimo co que participan en festivais, publican semestralmente o "Voceiro da Casa de Galicia", imparten cursos de informática, música, costura e francés, organizan exposicións e conferencias e celebran o Día das Letras Galegas, a festa de Santiago Apóstolo, o Magosto e o Entroido, así como a Festa da Hermandade e
a Festa da Emigración. Contan cunha escola de danzas e gaitas para nenos e con varios equipos deportivos: de fútbol e de ximnasia rítmica, entre outros.

Casa de Galicia de El Puerto de Santa María

  • AE-ES-CaGaCad
  • Entidade colectiva
  • 2001 ata a actualidade

Foi fundada en marzo de 2001, cunha invitación ao Presidente da Xunta no seu acto inaugural, tendo como obxectivos de natureza filantrópica, social, cultural e de formación con Galicia. Dende a súa fundación mantén o firme e decidido compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os socios, novas xeracións e público en xeral.

O 26 de outubro dese ano inaguran o local alugado para a súa sede local. Obtuvo o recoñecemento de Centro colaborador da Secretaria Xeral de Emigración da Xunta de Galicia o 23 de maio de 2003 e conta na actualidade con 101 socios a maioría deles galegos.

Casa de Galicia de Las Palmas

  • AE-ES-CaGaPal
  • Entidade colectiva
  • 1951-05-24 ata a actualidade

Na década dos 30 do século XX houbo na cidade das Palmas un "Centro Gallego" que por diversas causas tivo unha curta existencia. En 1951 un grupo de galegos residentes nesta illa fundan unha "Casa de Galicia" que segue existindo hoxe. Foi creada co "anhelo compartido de dispoñer dun acolledor "lar" no que reunirse, "falar galego", escoitar a música das gaitas, compartindo a morriña (...) rememorando dunha ou outra forma á ausente terra nativa".
Entre os seus fundadores están: Manuel Vila Fernández, Manuel Blanco Castro, Gonzalo Alonso Lamberti, Francisco José Díaz Casanova-Marrero, Urbano Fernández Fontaiña, Elena Rodríguez Brehcist, Isidro Guimarae Tettaneney, Carlos Sampedro Travadela, M.ª del Carmen Montenegro Bastos, Avelino Oliveira Rodal, Faustino Cebral Collado, Tomás García García, Manuel Miranda Cabral e Jesús Piñeiro Rodríguez.
Nos seus primeiros Estatutos do ano 51 definen a súa finalidade recreativa e de axuda mutua. Levan a cabo numerosas actividades de beneficencia e sanitarias con numerosas axudas aos seus paisanos máis desfavorecidos.
Organizan dende a súa fundación diversos actos culturais, participando na vida pública da cidade, como no antroido. Dende 1979 fundaron un grupo de teatro que actúa en numerosas ocasións festivas da cidade. Crearon un grupo folclórico integrado por nenos e xóvenes que actúan nos bailes e comidas organizadas pola entidade. Colaboran ademais con programas de radio: a cadena Ser "Galicia en Canarias" desde 1982 e outras emisoras.
Editan desde 1971 a Revista "Aturuxo" con carácter anual, como voceiro da sociedade.

Casa de Galicia de Montevideo

  • AE-UR-CaGa
  • Entidade colectiva
  • 1917-10-01 ata a actualidade

Respondendo á iniciativa de José Mª Barreiro, e cunha intensa campaña previa na súa revista "Tierra Gallega", un grupo de galegos residentes na capital uruguaia reuníronse nunha asemblea o día 4 de agosto de 1917. Todos eles desexaban "buscar o rexurdemento da colectividade e a unión de todos os galegos". Este foi o acto precursor da "Casa de Galicia".
Esta entidade naceu como unha sociedade de instrución, recreo, beneficencia, sanidade e protección ao traballo dos galegos que residían no país, seguindo un pouco o exemplo da creación do Centro Gallego da Habana.
A súa primeira xunta directiva estaba integrada por: presidente, Marcial Yáñez; vicepresidentes, Severino Barcala e Pablo García; tesoureiro, Casiano Estévez San Román; vicetesoureiro, Antonio Caamaño; secretario, José María Barreiro e vicesecretario, Jesús Alonso.
Segundo os sesus estatutos o obxectivo da nova entidade foi: "Art. 1º.- (...) una sociedad eminentemente gallega y tiene por objeto: a) fomentar la unión entre gallegos y sus descendientes; b) porporcionar a sus asociados beneficencia, instrucción, fiestas, trabajo y asistencia médica, a domicilio dentro del Departamento de Montevideo o en sus dependencias sociales, y en el interior del país de acuerdo con lo dispuesto en el Artículo 148, dentro de los límites y alcances que fijen las Leyes y disposiciones reglamentarias vigentes.
Art. 2º .- Además de los fines que quedan expresados, "Casa de Galicia", por la razón de su nombre y de los elementos que la forman propenderá, dentro de los recursos y los ingresos especiales o extraordinarios que la Junta Directiva allegue con tal propósito, a lo siguiente: a) honrar a Galicia y fomentar su conocimiento en este país, por los medios que crea más convenientes; b) subvencionar la cultura gallega, promoviéndola entre propios y extraños; c) enaltecer a todas las personas, gallegas o no, que de una forma eminente hayan prestado algún servicio a Galicia; d) procurar el mayor bienestar de la colectividad y defenderla cuando fuere necesario; e) apoyar eficazmente toda acción de progreso que se emprenda a favor de Galicia; f) la sociedad sostendrá relaciones con las entidades regionales establecidas en Galicia o fuera de ella".
Xa no ano da súa fundación inauguran a súa sede social que conta con amplios salóns e fundan o grupo folclórico da entidade, que actuará en todas as reunións festivas da colectividade. O edificio está situado na Avenida 18 de Julio, e conta con amplios salóns, onde se reúnen os socios para as súas actividades sociais e recreativas, secretaría, biblioteca, aulas onde se impartían e imparten cursos de diversa índole a todos os socios. Dispón de catro plantas onde teñen instalados un bar, un restaurante, varios salóns e unha biblioteca "Alfonso R. Castelao", con máis de 7.500 volúmenes de carácter xeral, pero ademáis posúe unha biblioteca técnico-médica "Manuel Albo", con máis de 30.000 volúmenes. Tamén colecciona casetes con voces de personalidades da historia, a arte e a política de España, cos seus correspondentes estudos de grabación e reprodución.
A sección de instrucción destacou sempre pola importancia do seu cometido, representado no pasado pola escola nocturna á que podían concurrir os socios e os seus fillos. Cos anos chegou a ter un instituto de ensinanza na cuarta planta do edificio social, chamado "Manuel Curros Enríquez", con sete profesores en nómina e 300 alumnos, que podían recibir clases de contabilidade, mecanografía, taquigrafía, inglés ou corte e confección.
A beneficencia foi practicada intensamente por esta entidade: moitos paisanos desvalidos, enfermos e sen recursos atoparon na institución o socorro e axudas necesarias e tamén o pago das pasaxes de retorno se o precisaban.
Os servizos sanitarios sempre foron unha prioridade para as directivas do centro: ademais de centros sanitarios e consultorios de saúde, tamén atendían a domicilio aos socios que o precisaban. En 1918 José Mª Barreiro, presidente da entidade, ofreceu ao Dr. M. Albo a direción da Quinta de saúde ou sanatorio de "Casa de Galicia". Este centro sanitario-hospitalario foi medrando e incorporando progresivamente servizos; en 1929, inaugúrase unha policlínica e un pavillón de repouso para mulleres e no ano 1935 constrúen un Sanatorio con todas as modalidades. Hoxe en día toda a atención sanitaria e hospitalaria está integrada no sistema de saúde uruguaio, tratándose dun dos hospitais máis modernos do país, tal como se pode ver na súa páxina web (http://www.casadegalicia.org.uy/) onde aparecen todas os servizos e especialidades ás que poden optar os seus socios.
A sección mutualista da entidade ofrece numerosos beneficios para os socios.

Casa de Galicia de Ondárroa

  • AE-ES-CaGaOnd
  • Entidade colectiva
  • 1969-06-02 ata a actualidade

En abril do ano 1969, un grupo de galegos residentes en Ondárroa, Bizkaia, plantexa ao Concello o desexo e a ilusión que teñen por crear un centro recreativo-cultural para a numerosa colonia de galegos, maioritariamente traballadores do mar, no sector do arrastre. O paso seguinte foi nomear unha Comisión Xestora coa aprobación provisional do regulamento e o envío para a aprobación definitiva dos Estatutos ante os Organismos pertinentes. Nestes inicios destaca o apoio, a colaboración e a axuda do Concello de Ondárroa.

A Sociedade Casa de Galicia de Ondárroa xurde definitivamente en xuño de 1969, nun local alugado, coa idea de reunir, orientar e axudar a atopar traballo á xente que viña de Galicia. Moitos destes galegos atopaban nesta sociedade a xente que lle prestaba axuda, por exemplo na procura e pago dunha pensión mentres non atopaban traballo.

En 1984 tiveron que deixar o local que tiñan alugado polo que se viron na necesidade de mercar outro. Dende os anos 90 a poboación galega en Ondárrea decreceu considerablemente, debido en parte á disminución da flota pesqueira.

Segundo reza o artigo nº 2 dos seus Estatutos, "Los fines de esta Asociación son:

  • Desarrollo y divulgación de la cultura gallega (lengua y folclore) en hermanamiento con otras culturas y lenguas existentes en Ondárroa.
  • Prestaciòn en lo posible, de asistencia moral y material a los gallegos necesitados, sean socios o no.
  • Procurar la elevación del nivel cultural de todos los socios y familias, facilitándoles medios educativos.
  • Celebrar bailes y otros recreos para los socios y sus familias”.

Durante os anos 1983 a 1999 contaron cun grupo de baile, "Airiños Mariñeiros", e cun grupo de gaitas, "Os Mariñeiros". Todos os anos celebran a festividade de Santiago Apóstolo. Contan cun equipo de fútbol de rapaces entre 13 e 15 anos co que participan en torneos.

Casa de Galicia de París

  • AE-FR-CaGaPar
  • Entidade colectiva
  • 1959 Non existe na actualidade

Esta entidade foi creada o ano 1959 por un grupo de emigrantes galegos en Francia, momento no que comezaba a ser importante a presencia da emigración galega en Europa.

Entre os seus fins destaca o seu desexo de exaltar os valores galegos, realizando estudios económicos e lingüísticos; promover a difusión da cultura galega e favorecer as manifestacións artísticas, literarias, etc. de Galicia en Francia.

As súas actividades céntranse nos aspectos recreativos creando o seguinte ano o grupo "Alborada", composto por dezanove músicos, vinteún membros no corpo de baile e vinteoito no coro. Ademais promocionan o Grupo Folclórico da Casa de Galicia ACG en París.

O ano 1974 comezan a publicar a revista "Voceiro" que se constitúe no órgano oficial da entidade. O 3 de febreiro de 1985 aproban a súa fusión coa asociación cultural "A Lareira" e a partir de aí editan o voceiro "A Voz da Lareira".

Poucos anos máis tarde esta asociación desaparece pola mala xestión da súa directiva. O 22 de maio de 1997 un grupo de galegos, antigos socios desta entidade, fundarán unha nova asociación chamada "A Nosa Casa de Galicia", asociación cultural e deportiva que dende a súa creación quere deixar moi clara a súa denuncia contra os causantes da desaparición da entidade.

Casa de Galicia de Río de Janeiro

  • AE-BR-CaGaRio
  • Entidade colectiva
  • 1947-05-24 ata 1983-03-27

A Casa de Galicia de Río de Janeiro fúndase o 24 de maio de 1947 na cidade de Río. Os seus obxectivos fundacionais, segundo a reforma dos seus Estatutos acometida en 1958, son:

  • Servir de vínculo entre os membros da colectividade galega, procurando manter nela as características de galeguidade.
  • Honrar o nome de Galicia, dos seus valores morais e propugnar polo desenvolvemento da cultura galega.
  • Enaltecer a todas as persoas, galegas ou non, que presten algún servizo en Galicia.
  • Apoiar toda acción de progreso que se emprenda en favor de Galicia.
  • Proporcionar aos seus socios festas artístico-recreativas, instrucción, beneficencia e asistencia médica, na proporción que a situación económica da sociedade permita.
  • Proporcionar ao inmigrante recén chegado asistencia social, traballo, legalización da súa documentación e asistencia médica.

A Casa de Galicia fusionouse o 27 de marzo de 1983 co Club Español de Rio de Janeiro, dando lugar a actual Casa de Espanha de Rio de Janeiro.

Casa de Galicia de Valladolid

  • AE-ES-CaGaVall
  • Entidade colectiva
  • 1954-10-19 ata a actualidade

A Casa de Galicia de Valladolid fundouse o 23 de novembro de 1954. Entre as súas finalidades destacan promover e dar a coñecer o patrimonio cultural galego, promover e colaborar en actividades benéficas e sociais e desenvolver actividades lúdicas.

A Casa conta cun local de tres plantas no centro da capital castellana, no nº 4 da Plaza Santa Cruz, que conta con sala de reunións, salón noble, salón de xogos, salón xuvenil, cafetaría, cociña e comedor. A súa biblioteca alberga máis de 2.500 exemplares.

Casa de Galicia en Córdoba

  • AE-ES-CaGaCor
  • Entidade colectiva
  • 1986-02 ata a actualidade

En 1986, os galegos emigrados en Córdoba, fundan a Casa de Galicia de Córdoba. O día 7 de febreiro reúnense no Hotel Oasis un grupo de galegos residentes en Córdoba e provincia para a celebración da Asemblea xeral constitutiva da Asociación CASA DE GALICIA EN CÓRDOBA. Nesta reunión actúan como Presidente en funcións Antonio Fariñas Mangana e como Secretaria Purificación Fernández Vázquez.

Nesa data nombran a primeira Xunta Directiva, composta por:
Presidente: Carlos Domínguez Conde
Vicepresidentes: Rosa María Outeiriño Otero y don Antonio Fariñas Mangana
Secretario: Ramón Castroagudín Torres
Vicesecretaria: Purificación Fernández Vázquez
Tesorero: Manuel Acasuso Martínez
Vocais: Francisco Bellido García, José Manuel de Bernardo Ares, Segundo Diéguez Failde, Isabel Fernández Carballo, José Ramón García Fernández, Antonio Jiménez Castro, Guillermo Linares Lostau e José Luis Miño Fugarolas.

A primeira sede estivo situada no Bar Airiños. Anos despois grazas ao apoio da Xunta de Galicia e á participación dos socios adquiriron a actual sede situada na Plaza de San Pedro, 1.

A Casa de Galicia en Córdoba é un referente cultural e social na cidade de Córdoba. Celebran diferentes actividades como eo Premio de Poesía Rosalía de Castro, a celebración do Día das Letras Galegas, ciclos de conferencias, ciclo de cine, etc. Na actualidade a sociedade é membro da "Federación de Centros Gallegos en Andalucía". Mantén unha estreita relación con entidades locais e rexionais como o Ayuntamiento de Córdoba e a Junta de Andalucía e está en permanente colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Emigración e con diversas Consellerías como a de Cultura.

Casa de Galicia en León

  • AE-ES-CaGaLe
  • Entidade colectiva
  • 1967-10 ata a actualidade

A Casa de Galicia en León foi fundada o 18 de novembro de 1967 como resultado da inquietude que existía entre varios dos galegos residentes en León por crear un "Hogar Gallego" que servise de lugar de encontro. O amor por Galicia e a añoranza pola súa terra fan que estos entusiastas, xunto cun grupo de estudantes galegos, comecen a buscar un local como sede social para así poder aglutinar a todos os galegos dispersos pola zona.

A primeira reunión celebrárase o 14 de abril de 1967 e xa dende o primeiro momento comezan a organizar actividades de todo tipo: culturais, recreativas e deportivas. A pesar de non contar neses primeiros momentos con instalacións adecuadas, crearán un concurso de relatos en lingua galega e en español, así como equipo de baloncesto e de tenis de mesa.

Na década dos 80 do século XX conseguiron a concesión de explotación dunha sala de bingo e desfrutaron de axudas da Xunta de Galicia en forma de subvencións económicas e aportacións de libros e material diverso.

Esta independencia económica permitiulles adquirir en 1988 dúas fincas comunais, cunha superficie total de 30.000 m2, situadas na localidade de Trobajo del Cerecedo (a 4 Km. del centro de la ciudad de León) e a construcción dun gran complexo social, cunhas completas instalacións recreativas e deportivas, inaugurado en xuño de 1992.

Nas instalacións ao aire libre, dispoñen de pista polideportiva, circuito, petanca, baloncesto, balonmano, bolos leoneses, canchas de tenis, campo de fútbol, voley-praia, parque infantil, piscinas (unha climatizada), zoas verdes, saunas (secas e de vapor), bañeras de hidromasaxe, ximnasio, etc.

As instalaciones de tipo social contan con salón social, bar, restaurante, discoteca, sala de lectura, biblioteca, guardería infantil e salón xuvenil. Destacar que a biblioteca dispón duns 1.450 volumes, dos que 1.000 son obras galegas.

Durante moitos anos tivo unha sede social na rúa Villafranca de León, moi pola súa gastronomía galega.

Ten recoñecida a condición de Galeguidade dende o 22 de outubro de 1987.

Casa de Galicia en Santurce

  • AE-ES-CaGaSan
  • Entidade colectiva
  • 1969-04-06 ata a actualidade

O 6 de abril de 1969 constituíase a Casa de Galicia en Santurce. Uns meses despois, o 4 de outubro, inscribíase no Rexistro de Asociacións. A súa fundación correu a cargo de unha docena de entusiastas emigrantes galegos con morriña da súa terra que sentían a necesidade de asociarse como o fixeran os seus paisanos en Barakaldo ou Sestao.

A súa primeira sede foi o bar Claudi, no número 30 da rúa Doctor Fleming, no barrio de Las Viñas. Pouco despois pasaron o bar Sil, na confluencia entre as rúas Cervantes e Barandiaran. Máis adiante a súa sede ubicouse no bar Montefuerte, na rúa Cartero Germán. Baixo a presidencia de Jesús Martínez adquiriron o local que acolle dende 1974 a súa sede, que máis tarde foi ampliada coa compra dun local contiguo, o antigo restaurante Viriato, sendo reformada en 2013.

A Casa de Galicia en Santurce comezou sendo un centro de reunión e punto de encontro dos emigrantes galegos e os seus descendentes. Co tempo ampliou horizontes para crear unha prolongación de Galicia en Santurce, como rezan os seus Estatutos.

Os seus fins, recollidos nos Estatutos, son:

  • "Crear una prolongación de Galicia en Euskadi y de forma particular en Santurce,, hermanando a los gallegos y no gallegos residentes en la Comunidad Autónoma Vasca".
  • "Desarrollar la compenetración y conocimiento de todas las Nacionalidades y Regiones del Estado Español con Galicia y de ésta con aquéllas, prestando atención preferente a Euskadi al ser esta Comunidad Autónoma su ámbito territorial".
  • "Mantener lazos culturales y sociales con Galicia, sus gentes, su historia, su cultura y su idioma el galego, que será empleado preferentemente, en cualquier tipo de comunicación, tanto sea oral como escrita, en la Sociedad y en las relaciones con personas, instituciones y organismos".
  • "Facilitar en la medida de lo posible medios educativos para la elevación cultural, así como los medios de recreo y asistencia a los socios".

Dende 1979 e ata a súa disolución nos anos noventa pola marcha de parte dos seus compoñentes, destacou o grupo "Airiños Galegos", que se encargou de mostrar outra faceta da cultura galega: a danza e a música. Tocaban diversos instrumentos, entre os cales sobresaía a gaita. Dende 1989 a sociedade edita unha publicación local en galego, "Nova Andaina", co fin de difundir as actividades que a asociación desenvolve.

Nos últimos anos a asociación organiza diversas actividades, como a Feira das Letras Galegas, recitais, conferencias, danzas, etc., e celebra o día do patrón, Santiago Apóstol, e o magosto.

Casa de Galicia. Unidad Gallega de Nueva York

  • AE-USA-CaUG
  • Entidade colectiva
  • 1940-09-27 ata a actualidade

Nos anos 20 existiu un Centro Gallego de Nova York que chegou a ter un edificio en propiedade, situado en Union Square que, naquel tempo, era o orgullo da comunidade galega, e no que se instalaron outras sociedades españolas. Pero a gran depresión económica que azotaba o país acabou coa institución. Moitos dos socios pasaron a formar parte doutras sociedades hispanas como a “Sociedad Benéfica Española”, “La Nacional” e durante a Guerra Civil, polo “Frente Popular Antifascista Gallego”.
Acabada á guerra, durante a visita de Castelao a Nova York, o Frente Popular Antifascista Gallego transformouse en “Unity Gallega of the United States”, mellor coñecida como “Casa Galicia”. Nas primeiras reunións dos fundadores falouse da necesidade de ter un lugar propio onde os galegos se poideran reunir e satisfacer o anhelo de conservar a lingua, folklore, música e valores culturais.
No regulamento societario recóllese unha Declaración de Principios na que se manifesta o seu propósito de agrupar a todos os galegos de Estados Unidos, para así ter unha única representación ante as demáis colectividades do país e velar polo bo nome de Galicia. As finalidades da entidade aparecen recollidas nos Estatutos: “protección e axuda mutua aos asociados; instrución, cultura e recreo nos seus conceptos; cultivo das relacións fraternais coas demáis sociedades de fala española, institucións e pobos do país no que vivimos, inculcando nos seus membros o respeto e a obediencia as súas leis; cooperación coas demáis sociedades rexionais, donde queira que se atopen, na xestión do progreso social e económico da nosa rexión, no que sexa compatible coa declaración de principios”.
Uns anos máis tarde, en 1946, acabada de rematar a guerra mundial, Alfonso R. Castelao volveu a Nova York e foi nomeado o “primer socio honorario”. Dende 1951, a Casa Galicia honra a súa memoria anualmente.
Ao longo dos anos esta sociedade tivo un impacto positivo na colectividade hispana de Estados Unidos, sendo unha asociación de referencia na defensa da cultura e dos valores hispanos. En setembro de 1940, conseguiuse mercar unha sede social, que un ano despois foi destruída polo lume. Co seguro de incendios e a aportación financieira dos socios, fíxose con outra sede nun piso do nº. 105 Oeste da Calle 63, pero co crecemento da sociedade foi necesario mercar un edificio propio, no 113 Oeste da Calle 59. O edificio era vello e precisaba de moitos arranxos, e os socios prestaron toda a súa colaboración, tanto traballando como achegando cartos propios.
Foi nesta Casa Galicia da Calle 59 onde se crearon os primeiros grupos artísticos (baile,gaitas, rondalla, ect.) e se inició toda clase de actividade cultural, e a organización de festivais para recadar fondos co fin de sufragar os gastos da entidade. Entre as actividades da asociación son as actuacións dos grupos folclóricos as máis destacadas, que lle dan ademais unha identidade propia. Actúan ante os socios pero tamén participan anualmente no desfile do Día da Raza pola Quinta Avenida, noutros desfiles, na televisión, en universidades e noutras actuacións en Estados Unidos, España e Porto Rico.
Ademais das actividades culturais e sociais, en beneficio da comunidade galega, española e hispana de Nova York, tamén se interesou en fortalecer as relacións con Galicia: patrocinou moitas festas para a recadación de fondos co obxecto de beneficiar á Real Academia Gallega, á Cociña Económica, ao Sanatorio Marítimo de Oza, á Fundación Penzol de Vigo, ao Asilo de Ancianos de Lugo e outras institucións, nos anos máis difíciles que atravesou Galicia; enviou axudas económicas para as vítimas de naufraxios nos mares galegos, as inundacións de Valencia en 1959, o furacán de Porto Rico ou os terremotos de Chile (1960) e Perú (1970). Tamén enviou doazóns para as escolas de Castro Caldelas, Cecebre, Bañobre, etc. Unha das actividades máis destacadas da colonia española en Nova York foi iniciada por Casa Galicia, unha homenaxe a Severo Ochoa, gañador do premio Nobel en 1959, en medicina e fisioloxía.
Debido á construción do Coliseum, o concello de Nova York expropiou a sede da entidade e o edificio foi destruído. Mudouse entonces para o número 153 da Calle 64. Nembargantes, este edificio tamén foi expropiado en 1958, para darlle paso ao Lincoln Center. Esta vez mercou un novo edificio na Calle 41 e Novena Avenida. Pero de novo o concello expropiouno para a expansión do Port Authority Bus Terminal. En 1969, mercou o Wedster Hall, no 119 da Calle 11, entre as avenidas Tercera e Cuarta, esta vez pagando ao contado por un edificio, cun salón principal con capacidade para unhas 3.000 persoas. As numerosas expropiacións sempre resultaron favorabéis dende un punto de vista económico para a Casa Galicia.
O crecemento das capacidades físicas nesta nova sede, levou á expansión das actividades culturais e recreativas. En 1993, tendo en conta que un gran número dos socios residían en Queens, mercouse unha segunda sede, no 39-22 da Calle 30, en Long Island City, pero en diciembre del 1994 se inauguró finalmente el local actual situado en 37-09 31st Avenue, Astoria, Queens. A propiedad de Manhattan está alugada.
Entre as súas actividades recreativo-culturais destaca o seu grupo de baile con músicos (creado nos anos 40), un coro e un grupo de gaitas; en 1972 funda un grupo de gaitas chamado "Terra a Nosa" e o ballet galego "Lembranzas galegas". Tamén contan co Coro "Airiños" e unha rondalla.
Un dos directivos máis senlleiros da institución foi Emilio Flórez (presidente nos anos 1944-47, 1951-52, 1959-60, 1965-72 e 1974-76).
Na actualidade están nun momento de "impasse" tanto por problemas económicos de mala xestión como pola avanzada idade dos seus socios.

Casa de Santa Marta de Ortigueira en Miami, sociedad de cultura, recreo y beneficencia

  • AE-USA-CaOrti
  • Entidade colectiva
  • 1972-01-30 ata a actualidade

Esta asociación foi fundada por Antonio Couzo García, emigrante galego en Cuba, cando en 1971 tivo que exiliarse a Miami. Este home fora xa un dos fundadores en 1928, da “Sociedad de Naturales de Ortigueira en la Habana". Creou esta entidade como unha filial da sociedade habaneira, pero cunha xestión totalmente independente. A numerosa colectividade de exiliados cubanos en Miami, moitos deles descendentes de emigrantes españois na illa de Cuba, fixo que pronto se asociasen un número importante deles, converténdose no centro galego e español máis importante sur do estado de Florida.
Xa dende os seus inicios defínese como unha sociedade de cultura, recreo e beneficencia para toda a colectividade.
Nos seus primeiros estatutos (1972) aparecen como finalidade principal da entidade: “unir en una hermandad a todos los que fueron socios de la sociedad "Naturales de Ortigueira en la Habana", residentes en esta ciudade o en otro lugar de Estados Unidos, a los que nacieron en la comarca de Santa Marta de Ortigueira y asímismo podrán ser socios todos los que simpatizando con los prinicipios de la institución así lo soliciten”.
Serán obxectivos prioritarios: “1. propiciar la expansión, recreo y superación cultural de todos los miembros, contribuyendo al empeño de consolidar cada día más lazos de unión y confraternidad de la colonia española e iberoamericana de Florida con el noble y generoso pueblo norteamericano. Lógicamente la sociedad pondrá énfasis en la divulgación de la cultura hispánica.

  1. La sociedad tratará por todos los medios a su alcance, de mantener relaciones con sociedades españolas afines y pondrá todo el empeño en mantener las mejores relaciones con las autoridades representativas de España, así como las de este país a todos los niveles.
  2. Construir, adquirir o arrendar locales para el establecimiento de una sede social
  3. Propiciar actos de cualquier naturaleza que redunden en beneficio de nuestra cultura o de la comunidad en general
  4. Fomentar la creación de una biblioteca con el fin de que los asociados puedan, en lo posible, disfrutar de sus lecturas predilectas y conocer nuestra cultura e idiosincrasia”.
    As actividades sociais céntranse na organización de actos recreativos nos seus salóns e restaurante de comida española/cubana (bailes e banquetes para os socios, festas infantís e excursións, romarías de sabor galaico, comidas típicas, etc.) e participan nos desfiles que a cidade organiza anualmente. Conmemora festas nacionais e hispanoamericanas, con diversos actos culturais. Ten unha biblioteca social.
    Os socios organizaron unha escola de bailes españois para os xóvenes denominada "Ballet español da Casa de Santa Marta de Ortigueira" e un coro típico galego "Aires da Terra", formado por 22 voces e que divulgan as cancións galegas en diversos actos e conmemoracións.
    Non esquece aos socios necesitados ou enfermos, a quen lles concede unha axuda económica en función da súa antigüidade como tales.
    En 1982 edita "El Heraldo Hispano Americano", cunha tirada de 1000 exemplares distribuidos de forma gratuíta entre os socios. E como voceiro social o "Boletín informativo Santa Marta de Ortigueira", que informa das actividades da sociedade e divulga temas galegos.
Resultados 301 a 320 de 1750