Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Agrupación Cultural Gallega Alborada

  • AE-ES-AGAlbo
  • Entidade colectiva
  • 1992-05-02 ata a actualidade

Esta entidade cultural galega en Cataluña foi fundada por un grupo de emigrantes galegos residentes na localidade barcelonesa de La Llagosta o 2 de maio de 1992. Entre as súas finalidades (recollidas no seus Estatutos sociais de 1994) destacan: conservar e protexer a cultura galega dende os seus orixes e facilitar a comunicación e o contacto cultural entre os galegos residentes en Catalunya; ensinar, facilitar e fomentar o coñecemento do folclore galega a través de cursos monográficos; fomentar as actividades deportivas, recreativas e benéficas que teñan por obxecto a convivencia e a unión entre todos os galegos.
Organizan diversas actividades culturais e recreativas como a "Festa Galega" na honra de Santiago Apóstol que levan a cabo dende 1998 e da que editan un folleto no que aparece o programa festivo, con conferencias, representacións teatrais, actuacións de grupos folclóricos galegos, etc.

Agrupación Cultural O Galo

  • ACG
  • Entidade colectiva
  • 1961.Santiago de Compostela/2019.Santiago de Compostela

A Agrupación Cultural O Galo xorde no ano 1961 en Santiago de Compostela por iniciativa de Mario Orjales Pita, Xulio Maside Medina, Ventura Cores Trasmonte, Salvador García Bodaño, Aurichu Pereira Carballo e Mercedes García Fernández. Non será ata 1962 cando se conformen os estatutos da asociación, cuxa legalización impulsaron Óscar Fernández Refojo, Justo García Díez, Mario Orjales Pita, Salvador García Bodaño e Mercedes García Fernández. A primeira directiva constituirase ao ano seguinte, estando integrada por Xosé María Castroviejo Blanco-Cicerón (presidente), Carlos Herrero Álvarez (tesoureiro), Xusto García (secretario), Antón Santamarina Fernández (vogal) e Xosé Luís Fontenla Rodríguez (vogal). Os cambios na directiva serán sucesivos nos anos seguintes, a excepción da presidencia, que estará ostentada por Xosé Mosquera Stolle durante varios anos. O primeiro acto público desta asociación foi a exposición 20 pintores para a paz, ubicada no Hostal dos Reis Católicos en xuño de 1961. Para a inauguración de dito evento, contouse coa presenza de Vicente Risco, quen pronunciou un discurso titulado “Galicia y la revolución estética”. As actividades que seguirían a esta mostra serían fundamentalmente teatrais (poñendo en escea obras como “As cadeiras” de Ionesco ou “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao). Tamén abundaron os recitais poéticos e os concertos (especialmente en colaboración co coro Cantigas e Agarimos e con Voces ceibes). As clases de galego na década dos 60 caracterizaron o quefacer desta organización, impartíndose as mesmas no Instituto Padre Sarmiento e no Colexio Peleteiro. Destacaron ademais as conferencias públicas, moitas delas impartidas por Fernando Mon, o Padre Gándara ou Ricardo Carballo Calero, entre outros. Cabe aludir tamén ao Premio de Teatro Castelao, impulsado polos membros de O Galo animados por Ramón Piñeiro. Celebraríase entre os anos 1963 e 1967, resultando premiados Ángel de la Peña (coa obra “Cando morren os faroles”), Jenaro Mariñas (con “A revolta”) e Xohana Torres (con “Un hotel de primeira sobre o río”). No ano 1966, o premio quedaría deserto, argumentándose a pouca calidade do presentado. Para a dotación económica do galardón (10.000 pesetas), realizábase a coñecida como “Campaña do Peso”, centrada en acadar que 2.000 santiagueses doasen diñeiro. A entrega do premio realizábase nunha cea celebrada no Hostal dos Reis Católicos. Detrás de todas estas aparentemente inofensivas accións de O Galo, atopábanse reivindicacións galeguistas e de liberdade, enmarcadas dentro dun contexto opresivo como era o da ditadura franquista. É por este motivo polo que moitas das actividades organizadas debían ser autorizadas polo Ministerio de Información e Turismo, así como polo Goberno Civil. Non só afectaba este requisito aos actos públicos, senón tamén ás reunións que a xunta directiva celebrase. A traxectoria de O Galo continúa até os nosos días, xa nun contexto diferente, pero mantendo unha dinámica actividade baseada na organización de conferencias, visitas culturais e presentacións de libros.

Agrupación cultural y recreativa residentes de Galicia en Lanús

  • AE-AR-ResLan
  • Entidade colectiva
  • 1944-04-01. Non existe na actualidade

Na década dos 40 do pasado século, dentro da "Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina" primou a idea de agrupar ás sociedades de naturais dunha mesma comarca ou da mesma provincia, ou tamén de reunir baixo unha única entidade a todos os galegos residentes nun mesmo territorio fóra da gran Buenos Aires. Pretendían así superar o localismo de moitas das microsociedades existentes, para así lograr máis forza e apoios na defensa dos seus idearios. Así no número 4 do xornal "Acción Gallega", voceiro da FSGA, se lanza un chamamento " (...) respondiendo a los principios de nuestra Federación, para que agrupen en forma organizada a un extrarodinario número de coterráneos que viven en los pueblos suburbanos de esta capital y que todavía no están federados ... Esta sociedad representa a los gallegos residentes en Lanús".
Nace así esta entidade cuxa comisión fundacional estaba integrada por membros destacados da colectividade asentada en Lanús como Lisardo Castro, quen foi o seu primeiro presidente, Eugenio Rodríguez, Antonio Pousa, Santiago Suárez, José Valladares, Melchor Vigueira, Hermenegildo Cambados, Odulio Gallego, Lisardo Martínez e Manuel Lodeira.
Foi unha sociedade con fins culturais e recreativos.

Agrupación de Valdeorras y Viana

  • AE-CU-AGVald
  • Entidade colectiva
  • 1928-01-23 ata a actualidade

Sociedade vencellada aos concellos de Viana e Valdeorras na provincia de Ourense, fundouse na Habana o 23 de xaneiro de 1928 como "Agrupación Valdeorresa". Aínda que no seu nome orixinal non aparecía Viana nas reunións trataban asuntos do Distrito xudicial de Valdeorras e Viana do Bolo; no mes de xullo de 1929 aproban o cambio de nome e pasan a denominarse "Agrupación de Valdeorras e Viana".
A súa directiva fundacional estaba composta: presidente, Mario Prada; secretario, José Rodríguez; tesoureiro, Augusto Fernández; vocais: César López, José Núñez, Paz López, Elvira Sánchez, Carlos Salgado, José Gómez, Francisco Maseda.
Tivo como fin prioritario a instrución pública, exemplificada na construción de escolas no seu lugar de orixe. Nos seus primeiros meses colaborou coa Sociedade Unión Orensana para facer unha biblioteca e crearon unha comisión "Pro-carretera Barco-Viana". Esta sociedade centrouse na beneficencia aos seus asociados máis necesitados.
Dende o 2003 é presidente desta sociedade, José Ramón Marín Castro.

Agrupación Galaica

  • AE-VEN-AgGal
  • Entidade colectiva
  • 1977

A Agrupación Galaica promove o achegamento dos galegos en Venezuela e as iniciativas de acción asistencial comunitaria. Fomenta e desenvolve actividades de carácter deportivo, recreacional, de previsión e axuda. Órgano de opinión dentro de la Hermandad Gallega de Venezuela, concurrindo aos procesos electorales efectuados por dita entidade, e en xeral ten un carácter benéfico e de socorro mutuo.
Foi creada para "cumplir con el principio de defensa de los derechos de los socios de la Hermandad Gallega y de los gallegos en general"

Agrupación Gallega de Valparaíso

  • AE-CH-AGVal
  • Entidade colectiva
  • Anos 20 do pasado século [1929]. Non existe na actualidade

Esta sociedade cultural e recreativa foi fundada polos emigrantes galegos residentes na cidade chilena de Valparaíso, nos anos vinte do século pasado.
En 1930 a súa directiva estaba integrada así: presidente, Antonio Collazo; vicepresidente: José de la Fuente; secretario, Emilio López; tesoureiro, Alejandro Álvarez; prosecretario, Tomás Veiga; protesoureiro, Antonio López Pérez; directores, Eloy Estévez, Bienvenido Rodríguez, José Pérez Busto, Antonio Fernández, Manuel Uzal e Feliciano Farmigo.
No ano 1929 comeza a editar como voceiro social a revista “Galicia en Chile”, dirixida por Emilio López Pérez
Organiza diversas actividades recreativas e festivas para manter a unión e solidariedade entre os galegos da cidade, como a celebración anual dunha romaría campestre celebrando a festividade de Santiago Apóstol.

Agrupación Hijos de Galicia

  • AE-ES-AGHGa
  • Entidade colectiva
  • 1952-05-04 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes galegos foi fundada o 4 de maio de 1952 polos galegos residentes en Sestao baixo a denominación "Sociedad Cultural Recreativa Agrupación de Hijos de Galicia", coa finalidade de "Crear na rexión vasca unha continuación espiritual de Galicia, irmanando aos galegos no culto a España e no recordo vivo de Galicia, dando a coñecer a ésta no seu dobre aspecto espiritual e material, velando polo benestar dos seus fillos e estudiando á vez os costumes, a historia e a cultura peculiar do pobo no que vivimos".

Na súa sede social, que teñen en propiedade dende 1969, imparten clases de baile e música galegos. Alí desenvolven todo tipo de actuacións culturais e actividades recreativas.

Celebran a "Semana Cultural de Galicia", con diversas actividades para difundir a nosa cultura, con actuacións do seu grupo folclórico "Hijos de Galicia". Celebran o Día de Santiago Apóstolo e o Día das Letras Galegas e participan activamente nos actos que organiza a Irmandade de Centros Galegos no País Vasco co gallo do Dia de Galicia nesta comunidade.

Foille recoñecida a condición de galeguidade en novembro do ano 1987.

Resultados 21 a 40 de 1750