Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Monterroso y Antas de Ulla

  • AE-AR-Mont
  • Entidade colectiva
  • 1918-08-15 ata 1943, en que se fusiona con outras entidades lucenses para crear o Centro Lucense de Buenos Aires

Esta sociedade de emigrantes galegos, residentes en Bos Aires e naturais dos concellos veciños de Monterroso e Antas de Ulla, foi fundada con fins culturais, agrarios e recreativos. En 1920 aparece como unha das entidades fundadoras da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales de la República Argentina. E xa no ano 1925 publícase na prensa da colectividade galega na Arxentina os intentos de fusión entre as diversas sociedades dos naturais do partido xudicial de Chantada.
Entre os seus socios máis coñecidos pódese citar a Jesús Iglesias, Manuel Garza, José Fente, Benigno Frade, Manuel Carballo, Fernando Derecho, Lisardo Vázquez, ou Dionisio Vázquez entre outros.
En 1920 editan “El Eco del Ulla”, voceiro social da entidade e defensor dos concellos do partido de Chantada, tal como aparece na súa cabeceira.
En 1943 desparece tras a súa fusión con outras sociedades de emigrantes da provincia de Lugo en Bos Aires, para forman o Centro Lucense.

Monterroso y Antas de Ulla

  • AE-CU-Mont
  • Entidade colectiva
  • 1911-11-06 ata a actualidade

Sociedade fundada na Habana por naturais dos concellos veciños de Monterroso, Antas de Ulla e Palas de Rei baixo o nome de Sociedad de Instrucción de Monterroso, Antas y Palas de Rey, coa finalidade de construír escolas nos citados municipios.
Tras numerosos desacordos, os socios procedentes de Palas de Rei deciden deixar a sociedade e crear unha independente. Esta escisión aparece recollida na acta da xunta xeral de socios do 3 de marzo de 1922 e provocou un preito que se resolvería o 27 de xaneiro de 1925.
Todo isto provoca unha diminución do número de socios e a adopción dun novo nome social, aínda que manteñen os seus fins prioritarios de instrución, tal e como recolle o novo regulamento social do ano 1922: «propagar y fomentar la enseñanza gratuíta contribuyendo a la unión de los socios».
Xa no regulamento de 1932 engaden uns artigos sobre o panteón social (teñen dous no Cementerio Colón) e pasan a ser unha sociedade de protección e recreo.
En 1955 mercan unha propiedade na rúa 10 de Octubre, núm. 807, Ciudad Lawton, na Habana, onde instalan a súa sede social. É unha das poucas entidades galegas que teñen sede propia en Cuba na actualidade.
Esta sociedade financiou a construción de cinco escolas na súa terra: escola de San Miguel de Penas e escola de Pol (no concello de Monterroso) e escolas de Santa Cristina de Areas, San Lourenzo de Peibás e Gradoi (no concello de Antas de Ulla). Estas escolas foron cedidas en documento notarial aos concellos respectivos o 10 de outubro de 1955, coa condición de que seguisen funcionando como centros docentes.
O 26 de setembro de 1968 aproban a incorporación dos poucos socios de Unión de Villameá y Villaodriz, que desaparece como entidade.
Actualmente é unha sociedade de beneficencia e cultura, que destaca polo número dos seus asociados (1500 aproximadamente) e pola súa escola de danza, con máis de 120 alumnos, que ofrece veladas artísticas. Conta tamén cun grupo folclórico chamado Pontepedriña.

MMV

Resultados 581 a 600 de 1750