Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

EIG

El Valle de Lemos, Sociedad de instrucción, protección y recreo

  • AE-CU-ValLem
  • Entidade colectiva
  • 1912-09-01 ata a actualidade

Esta entidade comarcal foi fundada o 1 de setembro de 1912 polos naturais do val lucense de Lemus residentes na Habana co obxectivo prioritario de socorrer as necesidades dos socios e fomentar a fraternidade entre eles; tamén desexaban procurar para a súa terra natal a creación de escolas, estradas, ferrocarrís, camiños veciñais e outras melloras.
Os socios fundadores, ademais de membos da primeira Xunta Directiva foron: Manuel Díaz y Díaz, José Vázquez, Manuel Losada Pérez, Camilo Somoza López, José González Fernández, José M. Rueda Rodríguez, Alfredo Rodríguez Rodríguez, José González Fernández, Reinaldo González Fernández, David Alvarado García, Salvador Novoa Rodríguez, Benigno Quiroga Dapena, Cándido Gómez Moure, e Antonio Boirán Martínez.
No ano 1918 forman parte do "Comité Pro-Valle de Lemus" que o día 5 de novembro convocou unha xuntanza para organizar unha gran festa-baile coa intención de recadar fondos para os damnificados no incendio que asolara esta comarca galega. Xa en 1922 acordan crear unha casa-escola en Monforte e 1923 aproban o envío de axuda económica que lles solicitaron os seus paisanos de Valverde, no concello de Monforte, para o sostemento dos gastos da escola que xa está a funcionar nesta aldea.
No ano 1935 construíron o seu propio Panteón Social no cemiterio Colón da cidade da Habana.
Dende o ano 1994 é presidente da entidade Eladio Manuel Vázquez Nieto, fillo e sobriño dos fundadores.

El Valle de Oro. Sociedad de instrucción, protección y recreo

  • AE-CU-ValOro
  • Entidade colectiva
  • 1907-10-15 ata a actualidade

Esta sociedade instrutiva foi creada o 15 de outubro de 1907 polos naturais dos concellos lucenses de Valadouro e Alfoz, residentes na Habana. O seu obxectivo era fomentar a unión entre os seus connaturais e propender moral e materialmente ao maior auxe e prosperidade do seu concello natal. Esta entidade daralle preferencia á instrucción antes que a protección e o recreo, todos lema da entidade.
O consello de fundadores estaba constituído por: Valentín Nécega Rivas (presidente fundacional), Juan R. Álvarez, Angel Mandiá Reigosa, José F. Vidal, Antonio Vila Ares, Constantino Romero Cortiñas, Manuel Díaz Lestegás, José Mandiá Reigosa, Generoso Díaz Villar, Francisco Moscoso Febrero. A súa primeira directiva estivo formada por Francisco Janeiro, como presidente; vicepresidente, José M. Otero; secretario, José Mª Candia Nécega; vicesecretario, Juan Alvárez; tesoureiro, Juan López; vicetesoureiro, Manuel Hermida e 8 vocais. Presidentes de Honor: José Mª Candia Nécega e Andrés Canoura Palmeiro.
Para a millor inversión e canalización dos fondos que se remitían dende A Habana, creouse un Consello de Administración composto por sete veciños de Ferreira do Valadouro, o cal baixo a dirección da Xunta Directiva invertía os fondos recadados na capital cubana. Estes fondos eran adicados sobre todo á instrución das parroquias máis desfavorecidas. Xa en 1908 recadan numerosas doazóns para estabelecer unha escola para a xuventude de ambos sexos na vila de Ferreira e publican un manifesto solicitando a solidariedade dos seus connaturais na Arxentina e Madrid, co obxecto de fundar este colexio de primeira e segunda ensinanza, no que se impartirían leccións teóricas e prácticas de agricultura. En 1912 aproban a construción dun edificio para escola na parroquia de Santa María de Vilacampa e a contribución de 50.000 pesetas para montar un campo de experimentación no Valadouro. Ademáis tamén constrúen escolas en Cadramón e Bacoi; envían cartos ás escolas de Moucide, Santo Tomé e Santa Cruz para mercar mobles e libros.
Actualmente esta entidade traballa en pro dos seus asociados intentando axudar aos máis necesitados na medida das súas posibilidades, e organizan diversas actividades recreativas. Está presidida por Esperanza Uz Medín, unha das socias máis antigas, inscrita en 1946, ano no que se permitiu a entrada de mulleres na sociedade con plenos dereitos.

Emigrados de Riotorto

  • AE-CU-ERio
  • Entidade colectiva
  • 1915-04 ata a actualidade

Sociedade fundada en abril de 1915 polos naturais dos concellos de Riotorto e A Pastoriza (Lugo) que residían na cidade da Habana. Creouse co nome de "Riotorto-Pastoriza" pero finalmente coñeceuse como "Sociedad de Recreo y Protección Emigrados de Riotorto" coa finalidade de estreitar as relacións entre as autoridades de Cuba e a representación en España e manter vivas as relacións coas sociedades afins; o seu obxectivo máis práctico era celebrar actividades recreativas e culturais para os seus socios. Tamén realizaron varias doazóns na súa terra como a dotación mobiliaria da escola da parroquia de Meilán, construída baixo os auspicios desta sociedade.
Foron presidentes da entidade Andrés Bargueiras no ano 1929 e Antonio Bouso en 1934.

Enxebre Orde da Vieira

  • AE-ES-EOV
  • Entidade colectiva
  • 1967 ata a actualidade

Esta entidade foi fundada por un grupo de galegos residentes en Madrid que no ano 1967 reuníronse por primeira vez na praia viguesa de Panxón. O seu principal obxectivo é aunar e interrelacionar aos galegos afincados en Madrid, coa apertura de un foro de encontro. Dende os seus comezos renunciaron a rexirse por un marco estatutario e unha estructura formal. A Orde aglutínase baixo o lema "Lembranza e amistade" e organiza exposicións e presentacións literarias en Madrid e capítulos en Galicia. Así, cada ano en Carnaval celebran un Capítulo Xeral Ordinario en Galicia, onde se reúnen galegos residentes en toda España e en varios países de Europa e América. A Orde ten realizado Capítulos Extraordinarios noutros países e, cada ano, con motivo do Ano Santo, a Orde celebra un Capítulo Extraordinario en Santiago de Compostela.
Os Capítulos da Orde son actos de exaltación da galeguidade e de reencontro dos galegos da diáspora e, neles, entréganse os trofeos "Galeguidade", máxima distinción que a Orde entrega anualmente a unha persoa física, a unha persoa xurídica e a un medio de comunicación social.

Escola de gaitas e danzas galegas Toxos e Xestas

  • AE-ES-Toxos
  • Entidade colectiva
  • 1977 ata a actualidade

Esta asociación cultural e artística foi creada por iniciativa de Xosé Lois Foxo no ano 1977 como unha escola coa filosofía de ensinar, difundir e prestixiar a música, a danza e a lingua galegas. Un grupo de estudiantes galegos na capital catalana reuníronse no restaurante "Sporting" propiedade dos irmáns Pedro e Xosé Luís López Fraga, que cederon gratuitamente o seu salón para crear esta entidade a favor da gaita e baile galegos. Foi tal o seu éxito que tiveron que deixar de reunirse no restaurante do barrio de Grácia e buscar un local máis espacioso. O 26 de marzo de 1983 constituíuse como Asociación Cultural Amigos da Gaita ‘Toxos e Xestas’ nun local en Fonrt-Trobada, cos seguintes obxectivos: "la promoción y difusión de la música y danzas gallegas, así como la organización de actividades artístico-culturales. Organizará cursillos de enseñanza de música y danza gallega, conferencias, sesiones de trabajo, proyecciones, concursos y actos de carácter análogo ..." (Estatutos, 1983).
Anos despois pasou a compartir dependencias co Ballet Contemporani de Barcelona no barrio de Sants.
Ao longo dos seus anos de existencia foron moitas as obras desenvolvidas por esta institución a prol da nosa cultura, patentes especialmente no ensino da música e bailes galegos, destacando a formación de gaiteiros. Constitúe un modelo a imitar a outras moitas agrupacións que xurdiron en Catalunya, Galicia e outras partes do mundo ...
Organizan concursos de composicións musicais para gaita galega: certame que marca un fito na historia da gaita galega, especialmente como base de protección social do instumento nacional de Galicia como instrumento de masas. Pola súa escola pasaron máis de 15.000 alumnos.
Contan cunha banda de gaitas da Escola de Gaitas e danzas galegas Toxos e Xestas, formada por 48 músicos, con actuacións en Cataluña e Galicia e numerosos premios no seu haber. O grupo de baile está composto de 5 subgrupos cun total de 67 compoñentes. O grupo de "Pandereteiras" está formado por 15 alumnos.

Resultados 641 a 660 de 1750