Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Instituto Argentino de Cultura Gallega

  • AE-AR-IACG
  • Entidade colectiva
  • 1969 ata a actualidade

O Instituto Argentino de Cultura Gallega do Centro Gallego de Buenos Aires foi creado no ano 1969 como continuador da antiga Comisión de Cultura que existía para todo o relacionado coa difusión da cultura galega, funcionando como custodia e contralor dos elementos culturais da Institución.
Dende os seus comezos tivo ao seu cargo ese tipo de actividade, referente á organización, programación e posta en práctica de todo o relacionado coa cultura de Galicia e da República Arxentina.

Instituto español de Montreal

  • AE-CA-IEMon
  • Entidade colectiva
  • 1972 ata a actualidade

O Instituto Español de Montreal foi fundado en 1972 co nome de “Centro de Estudios Españoles de Montreal”. Iniciouse como unha escola de ensino complementario para fillos de hispanofalantes, que estando escolarizados en niveis non universitarios no sistema educativo de Québec, manifestan interese por manter e cultivar os seus vínculos culturais e lingüísticos coa súa lingua materna que é o español. Dende hai uns anos, debido á grande demanda de aprender español, o IEM ofrece tamén cursos a nenos que desexan aprendelo, aínda que non vivan nun entorno onde se fala español.
O I.E.M. é unha escola privada, que conta con subvencións da Embaixada de España, pero o 80% está financiada grazas o labor da dirección da escola, a asociación de pais e as familias da escola. Acolle uns 150 alumnos, con idades entre os 3 e os 17 anos; tamén imparte cursos para adultos. Os seus estudos son recoñecidos polo Ministerio de Educación de Quebec.
Ademais das clases realiza outras actividades como concursos para os alumnos, festas de nadal e espectáculo de primaveira e campañas de financiamento da AMPA: venta de chocolates, cestas de nadal e pascua, lotería de nadal, fundscript, etc. que serven para reunir e incentivar relacións de amizade entre os membros da colectividade española na cidade.

Irmandade A Nosa Galiza

  • AE-ES-IrNGal
  • Entidade colectiva
  • 1978-08-30 ata a actualidade

Foi nos primeiros meses do ano 1978 cando un pequeno grupo de galegos residentes na vila de Mollet e na comarca do Vallès sentiron a necesidade de crear unha asociación que puidese dar saída ás moitas inquietudes e necesidades no ámbito sociocultural que os galegos emigrados a Cataluña tiñan naqueles anos. Entre os meses de xuño e agosto dese mesmo ano queda formalizada a que desde entón é a irmandade galega de Mollet do Vallès de Barcelona, unha entidade con clara vocación de servizo a nosa terra, a nosa cultura e a nosa xente que, desde aquelas xuntas no bar Marfá de Mollet, onde naceu a primeira comisión xestora, non deixou de crecer ano tras ano, comprometidos con Galicia e coa vila de Mollet. A Irmandade A Nosa Galiza agrupa ás persoas de orixe galega ou interesadas pola cultura de Galicia e organiza cada ano, como actividades principais, a "Fiesta de las Nacionalidades y comunidades autónomas" e o Día de Galicia.

Dende o ano 2005 celebra unha ofrenda ao busto de Rosalía de Castro sita na praza de Padrón da cidade, momento en que, conxuntamente co concello da vila, inauguraron a praza do barrio de Can Pantillet e colocaron un busto adicado a Rosalía de Castro co título ‘Mirando a Galicia’.

Irmandade de Centros Gallegos en Euskadi

  • AE-ES-IrCGEus
  • Entidade colectiva
  • 1985-12-08 ata a actualidade

Este centro foi creado o 8 de decembro de 1985 por varias entidades de emigrantes galegos residentes en Euskadi: "Centro Gallego de Vizcaya" de Baracaldo; "Centro Gallego de Eibar"; "Centro Gallego de Ermua"; "Centro Gallego de Llodio"; "Centro Gallego de Victoria"; "Casa Cultural de Galiza" de Elgoibar; "Casa de Galicia" de Ondárroa; "Casa de Galicia" de San Sebastián; "Casa de Galicia" de Santurce; "Agrupación Hijos de Galicia" de Sestao; "Sociedad Cultural Carballeira de Zarauz"; "Casa de Galicia" de Bilbao.
Nos seus estatutos declaran como obxectivo prioritario a promoción e establecemento de nexos de unión e cooperación entre estas sociedades; salvagardar os intereses de todos e cada un dos compoñentes, colaborando colectivamente na resolución dos problemas; promover o coñecemento de Galicia (lingua, cultura, historia, xeografía, folclore, gastronomía, costumes e demáis pecualiaridades).
Conxuntamente celebran cada ano o Día de Galicia en Euskadi, organizando diversos actos culturais e festivos que serven de unión entre a colectividade galega.

Irmandade galega de Buenos Aires

  • AE-AR-IrGal
  • Entidade colectiva
  • Anos 40 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta sociedade de emigrantes galegos foi creada por un grupo de emigrantes, republicanos que defendían a idea de Galicia como nación. Estivo integrada por destacados persoeiros nacionalistas como Antón Fiz Fernández, Rodolfo Prada, Manoel Pedreira, Indalecio T. Covelo, Antón Gómez, Bieito Cupeiro, Moisés Da Presa, Xosé Lema Novo, Antón Suárez Dopazo, Valeriano Saco, Federico Zamora, Manoel Ucha, Lois Ares, Bernaldo Souto ou Fernando Iglesias "Tacholas".
Como medio de defensa dos seus ideais políticos publicaron varios xornais como "A Nosa Terra" ou "Adiante".
No ano 1946 temos constancia da existencia de tres filiais desta sociedade en La Plata, Rosario e Mendoza.

Irmandade Galega de Rubí

  • AE-ES-IrGaRub
  • Entidade colectiva
  • 1981-05-24 ata a actualidade

A Irmandade Galega de Rubí foi fundada un 24 de maio de 1981 por un grupo de galegos residentes na poboación catalana de Rubí. Dende un primeiro momento tiveron como lema "Manter e difundi-la nosa cultura, costumes, folclore, lingoa e gastronomía".
Nos primeiros estatutos sociais decláranse abertos aos emigrantes galegos en Cataluña ou a calquera persoa interesada na problemática de Galicia. E manifestan como fins da entidade: favorecer a relación entre os emigrantes galegos, mantendo e fomentando o sentido da identidade nacional galega; facilitar a comunicación entre os galegos e os restantes habitantes de Cataluña e as súas respectivas culturas; manter unha conexión constante coa realidade de Galicia, informando e aportando alternativas; contribuir ó desenrolo e promoción da cultura galega en todos os aspectos; traballar para a normalización do idioma galego.
Pouco despois da súa creación organizan unha agrupación folclórica de gaitas e baile "Irmandade Galega de Rubí" formada polos socios e os seus fillos e que participan nas diversas actividades culturais e recreativas que organiza a entidade. No ano 1988 editan o primeiro número do Boletín informativo "O Pardao", voceiro da entidade, que ten periodicidade mensual e que se segue a publicar na actualidade.

Irmandade Galega de Sallent

  • AE-ES-IrGaSall
  • Entidade colectiva
  • 1987-06-20 ata a actualidade

Un grupo de galegos que acudían ao Bar Galicia de Sallent acordan a creación dunha entidade cultural para apoiar aos socios e difundir a cultura galega na comarca do Bages.

O 20 de xuño de 1987 fúndase a entidade, que seguirá reuníndose no Bar Galicia ata que o 19 de marzo de 1989 consiguen inaugurar o seu local social. A partir de ahí organizarán máis actividades e crearase o grupo de danza. Xa en 1991 puxeron en marcha un programa de radio na emisora municipal.

A entidade colabora coas demáis entidades galegas existentes en Cataluña e mantén contactos con outras casas rexionais de fora da comunidade autónoma.

Irmandade Galega na Suiza

  • AE-SU-IrGaSu
  • Entidade colectiva
  • 1973-10-10 ata a actualidade

O día 10 de outubro do 1973, un pequeno grupo de galegos emigrados na Xenebra, decidiron a formación dunha sociedade galega cultural, social, deportiva e recreativa.
A partires dese momento realizaron numerosos actos culturais e recreativos, fundaron unha sección de fútbol, un grupo de teatro, un grupo folclórico... e adheríronse a outros organismos de espallamento e defensa dos dereitos dos emigrantes, non soamente da Suíza, senón tamén en Galicia, no Estado español e noutros países.

En 1974 adheríronse a Federación Mundial de Sociedades Galegas (FMSG) e posteriormente a Xunta de Organizacións Galegas en Europa (XOGE). Tamén formaron parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Segundo os seus Estatutos, aprobados en decembro de 1973 e redactados en galego, os seus obxectivos son:

  • Desenvolvemento por tódolos medios posibles, no senso da afirmación da língua, do arte e da cultura do pobo galego e dos seus valores nacionais.
  • Axuda e apoio moral e social ós galegos da Xenebra na resolución dos problemas derivados da súa situación de emigrantes.
  • Desenvolvemento de actividades culturais, deportivas e de recreo, para os galegos emigrados na Xenebra.
  • Promoción de toda clase de actos culturais galegos no seno da emigración galega en Suiza.
  • Desenvolvemento da colaboración e de traballos comúns coas entidades galegas da terra e da emigración galega.

No local social dispoñen de sala de actos, bar, biblioteca, cociña e servizos.

Publican o voceiro "Irmandade", imparten cursos de galego, contan cun grupo de teatro e outro de danzas e gaitas, celebran as Festas do Entroido, Magosto e San Xoán.

Prestan os socios axuda e xestión en problemas laborais, administrativos e sociais, realizan visitas a doentes e familiares nos casos de enfermidade, accidente ou defuncións e participan en festas benéficas.

Irmandade Galega O Noso Lar

  • AE-ES-IrGaLar
  • Entidade colectiva
  • 1982-10-23 ata a actualidade

Antonio Rodríguez e Euloxio Fernández Díaz empezan a dar os primeiros pasos para poñer en marcha unha asociación na cidade de Terrassa. O 28 de agosto do ano 1982 consiguen reunir a máis de vinte persoas no bar Hórreo. O 4 de setembro deciden o nome da asociación e o 23 de outubro convocan a tódolos galegos e galegas residentes na cidade a asistir á conferencia sobre emigración galega impartida por Iolanda Díaz Gallego. Como resultado constitúese a primeira xunta directiva.

Pouco despóis comezaron os traballos de adecentamento da pranta baixa dunha antiga fábrica para utilizala como local social, cuxa presentación oficial tivo lugar o 23 de abril de 1983.

Ao pouco tempo de conformarse a asociación crearon un grupo de gaitas, percusión e danza e empezaron a celebrar o Día de Galiza en Terrassa e o Día das Letras Galegas, entre outras festividades.

Os seus fins son dar a coñecer a cultura galega, colaborar coa cidade e manterse unidos a tódolos centros e irmandades galegas de Cataluña.

Resultados 961 a 980 de 1750