Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Centro Villalbés

  • AE-AR-CVill
  • Entidade colectiva
  • 1914-06-06 ata 1938, ano no que se fusiona con "Sociedad residentes del ayuntamiento de Cospeito" pasando a denominarse "Centro Villalbés - Cospeito"

Esta entidade foi creada en 1914 polos emigrantes naturais do partido xudicial de Vilalba, residentes en Bos Aires. En 1918, os socios aproban en asemblea xeral o cambio de nome, pasando a chamarse "Centro Villalbés, de protección, cultura y recreo".
Un dos promotores da fundación desta entidade, foi Tomás Barro, quen ocupou o cargo de presidente durante moitos anos.
En 1915, apróbase os primeiros estatutos sociais, onde aprecen claramente reflectidos so fin de protección, cultura e recreo aos que aspiraban: "Art. 1. Servir de vínculo entre los hijos del Partido de Villalba y sus asociados; art. 2. Proporcionar a sus asociados en casod e enfermedad y de acuerdo con estos estatutos: asistencia médica a domicilio, en sanatorio propio o no, medicamentos, subsidios y repatriación; art. 3. Amparar a sus asociados en la vindicación de sus derechos civiles o de otro orden cuando les fueran mermados injustificadamente; art. 4. Crear un fondo de beneficencia para socorrer a sus asociados en los casos no previstos por estos estatutos; art. 5. Proteger y vigilar la emigración a este país que venga dirigida a sus asociados".
Durante os anos 20 ten o proxecto de construír un hospital-asilo no concello de Vilalba, para o que recaudan fondos con distintas actividades recreativas e abre unha subscrición permanente para este fin. Con esta finalidade crean un "comité pro-asilo" en Vilalba ao que en 1925 envían 5.000 pesetas. Parellamente realiza varios xiros de cartos para paliar casos de necesidade puntuais na súa localidade natal, como por exemplo a doazón de 2.500 pesetas para axuda dos máis necesitados.
En 1926, o Sr. Rábade, ex-presidente da entidade, ofrécelles unha casa da súa propiedade de dous pisos con dúas fanegas de terra e un prado, para que instalasen alí un escola e os terreos fosen empregados como complemento do soldo polo mestre, con carácter de usufruto; a sociedade debía encargarse de arranxar o edificio. En novembro organiza unha función artística e baile familiar a beneficio da escola que van crear en Tamboga (Cospeito). Nembargantes non temos constancia de que finalmente esta escola fose construída.
En 1932 a directiva mantén conversacións coa sociedade de Cospeito. Esta sociedade foi creada por un grupo de e socios que se separaron do "Centro Villalbés" en 1926. Finalmente en agosto de 1938 fusiónanse ambas as dúas e a nova entidade pasa a denominarse Centro Villalbés - Cospeito.

Centro Unión Orensana de La Habana

  • AE-CU-UOre
  • Entidade colectiva
  • 1909-03-07 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada o 7 de marzo de 1909 na cidade da Habana por iniciativa dos naturais da provincia de Ourense. Tiveron dúas delegacións nas cidades de Rodas (Cienfuegos) e Batabanó.
Nos seus estatutos, aprobados o 15 de agosto de 1909, recollen os seus fins: a cooperación mutua para o benestar do socio, proporcionarlle a máis ventaxosa situación para a súa vida en Cuba e brindarlle oportunidades para o seu regreso, repatriándoo a Galicia se o seu estado físico o requería; facer por medio da xunta de goberno as xestións para proporcionar traballo ao socio evitando que chegase a un estado precario e de fomento da cultura e riqueza na provincia ourensana, contribuíndo ó seu progreso en todos as ordes e creando premios de honra para os naturais e oriundos de ambos mundos. No ano 1910 esta sociedade ampliará os fins en pro do "fomento de la instrucción en los pueblos de la provincia de Orense, creando para ello planteles de enseñanza en aquellos pueblos en que sea de más perentoria necesidad".
Costean a construción da "Casa del Pueblo" de Ourense e adquiren terreos para facer unha escola laica na cidade. En Celanova mercan a casa de Curros Enríquez coa intención de convertila nunha escola pública e museo das súas obras e pertenzas e para iso constitúen a "Fundación Curros Enríquez".
En 1934 reforman os estatutos potenciando a mutualidade e abandonan os fins instructivos. Unha das súa actividades foi o sostemento da "gota de leite", alimentando a numerosas familias sen recursos. Tiveron a iniciativa de fundar dous xornais: "El Heraldo de Galicia" e "El Eco de Galicia".
En xaneiro de 1966 fusiónanse coa sociedade "Ribadavia y su comarca" e en febreiro dese mesmo ano coa sociedade "Carballiño y su Partido".
En 1985 fusiónanse coa sociedade "Calo y Viduido" pasando a denominarse "Unión Orensana, Calo y Viduido".
A sociedade pasa por unha etapa de estancamento ata que en 1994, co apoio da Deputación, encárgase a unha comisión xestora a súa revitalización. Esta comisión a inscribirá en 1995 no Rexistro de Sociedades de Cuba baixo o nome de "Centro Unión Orensana de La Habana".
A partir de 1996 os seus fins son de carácter recreativo e cultural. Contan neste ano cun total de 500 socios dos que 300 eran galegos.
Na actualidade distínguese pola celebración de actividades culturais como a creación do grupo de danzas e gaitas "Curros Enríquez" que é unha escola de gaitas e de baile exclusivamente galegos con 34 membros e que fan diversas actuacións por Cuba. Celebran o Día de Galicia, o Día das Letras Galegas, un Magosto, o aniversario do pasamento de Curros, veladas culturais con conferencias e clases de lingua e cultura galegas. Teñen a Sección "Curros Enríquez" que é a encargada de todos os asuntos relacionados coa obra de divulgación literaria e cultural do poeta.
Ocuparon a presidencia ao longo da súa historia: Benigno Varela (1912), Claudio Conde (1914), Jesús Rodríguez Bautista (1915), Manuel F. Taboada (1917), Arturo Rodríguez (1919), Ramón del Campo (1920), Manuel F. Taboada (1928), Secundino Sánchez (1929), Arturo Pérez (1936), Ovidio Moure (1937), Florindo Blanco Barroso (1938), e dende 1994 o presidente é José M. Docampo López.

Centro Unión hijos del partido judicial de Negreira

  • AE-AR-CHPNeg
  • Entidade colectiva
  • 1925-08-10. Non existe na actualidade.

No ano 1920 un grupo de emigrantes naturais de Negreira fundan a sociedade "Agraria, Instructiva y Mutual del Partido Judicial de Negreira", pero tras un período moi conflictivo entre a directiva, liderada por Máximo Musi, e un grupo de socios, éstes deciden abandonar a entidade e crear unha nova "... viendo que ésta se desviaba de su ruta desconociendo a los hombres conocedores de las necesidades de aquel partido, optaron por agruparse en defensa del honor de nuestro terruño. Y para mostrar que sabemos guardar cariño al pueblo de nuestra infancia nos constituimos en "Centro Unión Hijos del Partido de Negreira" pues al hacerlo enaltecemos a nuestro pueblo".
Fundan este Centro pois para "concentrar en él a todos sus hijos dispersos en esta República, donde una vez unidos alentaremos a los otros haciendo olvidar armónicamente las fatigas cotidianas al recuerdo de nuestra Galicia meiga...", estabelecendo fins de axuda mutua e instrución, tanto dos asociados como para os nenos daquel partido.
Entre os fundadores da sociedade destaca os membros da súa comisión organizadora, integrada por: secretario, Jesús Barros; tesoureiro, Eduardo Oroña; vocais: José Antelo, Manuel Agra, Avelino Sayans e Manuel Casais.
Nembargantes os problemas da entidade continúan e hai unha nova refundación en 1934. Nos seus primeiros estatutos (1934), recóllese entre as súas prioridades mutuais, a concesión de axuda económica en caso de necesidade ou enfermidade dos socios; ademais da organización de actos recreativos para reunirse e relacionarse cos seus paisanos.
En 1941 comezan a editar o xornal "Negreira", voceiro oficial da entidade.

Centro social y cultural Bergantiños de Montevideo

  • AE-UR-CBerg
  • Entidade colectiva
  • 1969-01-21 ata a actualidade

Este centro foi fundado por un grupo de galegos orixinarios da comarca de Bergantiños. Entre os seus fundadores pódese mencionar a Manuel Mancebo. Nos seus inicios os socios reuníanse na casa particular dun deles; posteriormente celebraban as súas reunión nun club galego afín, ata que en 1973 mercaron a súa sede social, situada na Avda. Millán da capital uruguaia, que conta con salón de actos, sala de reunións, salón de xuegos, oficina, bar-restaurante, biblioteca, e espazos deportivos: cancha de frontón e ximnasio.
Segundo os estatutos de 1973 as súas finalidades son: "a) Contribuír ao coñecemento da historia, costumes e cultura de Galicia e da República Oriental do Uruguai, e difundir os principios da súa constitución democrática, mantendo o respecto pola institución que rixe; b) organizar actos culturais, artísticos, deportivos e recreativos para o mellor logro dos propósitos enunciados".
O centor organiza diversas actividades sociais como excursións, bailes, comidas de fraternidade, etc., e celebra as festividade de San Xoán e Santa María, así como o aniversario social, o Día de Galicia, etc.
Edita a publicación "Revista oficial del Centro Bergantiños", con carácter anual e gratuíto e o boletín "Bergantiños", publicación oficial do centro, creado en 1986.
Este centro ten recoñecida a Galeguidade pola Xunta de Galicia e forma parte da “Unión de Asociaciones Gallegas del Uruguay”.

Centro Santiago de Compostela, mutual y cultural

  • AE-AR-CStgo
  • Entidade colectiva
  • 1926-08-01 ata 1974, ano no que se fusiona coas entidades coruñesas na Agrupación Gallega de Buenos Aires

Sociedade fundada polos emigrantes galegos da comarca de Santiago residentes en Arxentina.

Centro republicano español

  • AE-AR-CREs
  • Entidade colectiva
  • 1904

Sociedade que defendía dende Bos Aires os intereses dos exiliados republicanos españois, primeiro da Iª República, e tras o estalido da guerra civil española (1936), dos exiliados que chegaban á Arxentina.
Estaba integrada polas asociacións de emigrantes que defendían á república e os seus ideais e loitaban contra o franquismo. Non só apoiaban aos que chegaban fuxindo da guerra senón que tamén enviaban cartos e medicamentos as zonas que estaban no bando republicano.
Como voceiro social publicaban o xornal "España Republicana".

Centro renovación del partido judicial de Puenteareas

  • AE-AR-CPPue
  • Entidade colectiva
  • 1935-06-30. Non existe na actualidade.

Esta sociedade creouse pola fusión das sociedades do distrito de Ponteareas existentes en Bos Aires, "La Antorcha del Porvenir", "Hijos de Fornelos y anexos", "Hijos de Nogueira y anexos" e "Brisas del Plata".
As sociedades decidiron unirse debido a "la situación lamentable de desmoralización y abandono por la que atraviesan en su mayoría las sociedades gallegas. Por esa razón quieren constituir una grande y fuerte organización de clase que influya y pese poderosamente en los destinos políticos, sociales y económicos de su comarca. (...) En lo tocante a Galicia la nueva sociedad se propone elevar el nivel de cultura de sus congéneres y constituir en el distrito una fuerte y sólida organización que responda a la "Unión General de Trabajadores (...)".
Foron fundadores da entidade, José Castro Castro, Saturnino González, José Martínez, Marcial Fernández, Benigno Fernández, Robustiano Groba, Máximo Groba, Joaquín Castro e Senén R. Piñeiro, entre outros.
En 1946 esta entidade fusiónase co "Comité Auxiliar de las Sociedades de Agricultores del Distrito de Puenteareas en Buenos Aires" (1909), mantendo a nova entidade o seu nome.

Centro recreativo y social español de Azuero

  • AE-PAN-CEsAz
  • Entidade colectiva
  • 1966-11-25 ata a actualidade

Este centro foi fundado polos españois, maioritariamente galegos, residentes na cidade panameña de Chitré (provincia de Herrera, antigua Azuero) a mediados dos anos 60, xusto cando aumenta tanxencialmente o número de estranxeiros de orixe española na zona (sobre todo orixinarios da área de Boborás). Teñen como símbolo representativo no seu escudo societario unha cruz de Santiago e unha vieira, claramente imaxes galaicas.
Segundo os seus estatutos que datan de 1975 os fins do centro recreativo son:

  • Promover entre todos os españois e descendentes de españois a unidade e sano esparcimento
  • Estreitar os vínculos de amizade entre os españois e panameños
  • Impulsar a cultura, enaltecendo os valores cívicos e humanos
    Teñen unha sede social en propiedade, con amplios xardíns e terreos onde os socios practican deportes e participan nas festas que serven de unión e fraternidade. Contan cunha cafetería e un amplio salón, que tamén se aluga para diversos eventos.

Centro recreativo Uniâo do Río Tea

  • AE-BR-CUTea
  • Entidade colectiva
  • 1974-12-08 ata a actualidade

Un grupo de galegos orixinario do concello de Ponteareas (Pontevedra) acordou crear unha entidade de carácter comarcal na cidade de Salvador de Bahia. A primeira reunión tivo lugar o 12 de agosto de 1974, pero oficialmente será o 23 de abril de 1975 cando quede constituída, segundo consta na primeira acta. Na mesma asemblea realizada na sede do "Centro Español" foron aprobados os estatutos ante a presenza de catorce asociados. Durante esta reunión comunícase a compra dos terreos en Lauro de Freitas e nomeáse a Orsí Pousada para dirixir as obras de construción das instalacións.
As novas autoridades nomean aos 43 socios fundadores, entre eles aparecen os nomes de Julio Ucha, María Esther Domínguez Pino e Inocencio Pastor Ribera, destacados persoeiros da colectividade.
A primeira comisión estivo integrada por Julio Ucha como presidente, Manuel Grova González e Inocencio Pastor Ribera como secretarios.
As instalacións da sociedade, ademais da sede social, ocupan 8.000 metros cadrados e constan de: un campo deportivo con bar, churrasquería, grellas, salón de festa, campo de futbol, parque infantil etc.
A sociedade creou un grupo folclórico chamado "Coral Airiños do Tea" e un grupo de baile galego. Tamén edita a revista "Lonxe da Terra" como voceiro social e conta cunha pequena biblioteca.

Centro recreativo del partido de Becerreá

  • AE-AR-CPBe
  • Entidade colectiva
  • 1927. Non existe na actualidade.

Sociedade de emigrantes naturais do concello lucense de Becerreá residentes na capital arxentina. Dende a súa fundación o ano 1927, teñen como fin primordial manter a unión entre os seus conveciños, organizando diversas actividades recreativas para reunirse e axudarse mutuamente.

Centro Protección Agrícola del Distrito de Salceda

  • Entidade colectiva
  • 1913-10-26 - 1976 Actualmente denomínase "Tuy-Salceda. Asociación mutua, cultural y recreativa"

A fundación deste Centro xurdiu por iniciativa de Joaquín Fernández Sestelo, farmacéutico de Salceda e loitador anticaciquil que funda o decenario "El Despertar", desde cuxas páxinas aboga pola formación de sociedades agrarias no seu distrito; foi desterrado pola súa actividade política e marchou cara Arxentina. Esta entidade foi creada por un grupo de emigrantes naturais desta comarca, entre os que destaca Constantino Gil, primeiro presidente, co obxecto de cooperar coa labor iniciada por este home, e dende marzo de 1917 editan "La Voz del Centro", para continuar coa campaña agrarista por éste emprendida; esta revista continúa co título de "El Agario" ata o 15 de marzo de 1926. Segundo recollen os seus Estatutos: "Os residentes das parroquias de Entienza, Salceda, San Jorge, Picoña, Parderrubias, Soutelo e Budiño, que compoñen o concello de Salceda de Caselas, reunidos en Asamblea Xeneral constituínte o día 26 de outubro de 1913, declaran que queda constituída unha asociación denominada "Centro Protección Agrícola del Distrito de Salceda" con asiento en Buenos Aires, capital da República Argentina. Os seus fins son: axuda mutua aos seus asociados; fomentar o espíritu de unión entre os seus asociados por medio de actos recreativos, que serán organizados por medio da comisión directiva ou outras obras benéficas que a mesma decida. Nos anos 20 e 30 envían numerosas doazóns económicas ao seu concello natal destinados á propaganda agraria e galeguista. En 1976 aproban a súa fusión coas sociedades de emigrantes "Casa de Tuy", e coas asociacións de Chantada, Caldelas e Becerreá, formando a "Asociación Tuy-Salceda".

Centro pontevedrés, social y deportivo de Montevideo

  • AE-UR-CPont
  • Entidade colectiva
  • 1958-09-26 ata a actualidade

Un equipo de fútbol, integrado por emigrantes pontevedreses en Montevideo, foi o o xerme do que hoxe é o actual “Centro Pontevedrés de Montevideo”.
A iniciativa da creación dunha nova entidade foi liderada por Nemesio Carballo e Modesto Rial. Ambos os dous expandiron entre a colectividade a necesidade de crear un centro con finalidades deportivas e sociais.
A súa primeira directiva estaba formada por: Nemesio Carballo, como presidente; vicepresidente, Manuel Moldes; secretario, Modesto Rial; prosecretario, Eduardo Alonso; secretario de actas, Luis Villanueva; tesoureiro, Manuel Fiuza; protesoureiro, Celestino Pichel; bibliotecario, Olímpico Coruñago e como vogais titulares: Justo Penedo, José Parada, Albino Novas, José Méndez, Andrés Kapham-mel, Justo Piñeiro, Angel Tomé e Manuel Touriño.
Segundo o estatutos sociais, aprobados ese mesmo ano o Centro ten os seguintes obxectivos: “ a) Contribuír con todos os medios ao seu alcance ao estudo e coñecemento da historia, os costumes e cultura de Galicia e da República Oriental do Uruguai, difundindo os principios da súa constitución democrática, mantendo o respecto polas institucións que a rixen (…)
c) Organizar actos culturais, artísticos e recreativos para o mellor logro dos propósitos enunciados, colaborar naqueles outros propiciados por entidades similares, sempre que non representen o menor menoscabo para a institución, nin renuncia aos seus principios de fe democrática
d) Auspiciar o ingreso a este centro das sociedades pontevedresas que se rixan polos mesmos principios e teñan os mesmos fins que o Centro Pontevedrés de Montevideo".
Grazas á colaboración económica dos socios, en pouco tempo mercan un edificio para ser a súa sede social: o edificio conta con despachos, unha oficina, sala de reunióne, salón de xogos, bar e unha Biblioteca á que chamaron "Manuel Magariños", con importantes fondos literarios galegos.
Ademais das actividades deportivas, nas que sempre están a un gran nivel, (en 2015 deu a coñecer un novo equipo de balonmano, da entidade, en catro categorías e con 50 xogadores, que compiten na liga uruguaia), o centro ten un grupo de teatro e un grupo de baile e música galegos, que o representa nas festividades da colectividade galega no país. Organiza tamén numerosas actividades recreativas, festas e banquetes, para manter unidos aos socios (celebración da Festa da Peregrina, do aniversario social, do Día do Apóstolo, fin de ano e elección das raíñas da entidade).

Centro Pontevedrés de Buenos Aires

  • AE-AR-CPont
  • Entidade colectiva
  • 1942-03-14 ata 1974-02-24, ano que se fusiona co Centro Coruñés, creando a Asociación Gallega de Buenos Aires. En 1979 hai unha nova fusión entre todos os centros provinciais galegos en Buenos Aires e créase o Centro Galicia de Buenos Aire

En marzo de 1938 as sociedades de emigrantes pontevedreses "Residentes del Ayuntamiento de Geve", a "Sociedad Hijos de Lérez", "Alba, Campano y Cerponzones", "Hijos de Meaño" e "Sociedad de Rivadumia" deciden formar unha "confraternidade" para lograr maior eficacia na consecución das aspiracións dos seus socios. Esta confraternidade foi o xerme desta asociación.
Este Centro Pontevedrés foi creado tras a fusión de varias sociedades, con poucos socios e escasa actividade societaria, que deciden xuntarse por iniciativa de Manuel Esperón, primeiro presidente da nova entidade e de Cándido Rey.
Segundo a súa declaración de principios, recollida na súa acta fundacional "(...) el centro surje a la vida societaria para continuar la nobilísima obra de sus entidades fundadoras (...) con una finalidad benéfica y altruista; seguirá prestando toda clase de ayuda moral y material a sus asociados, otorgándoles subsidios y repatriaciones en caso de enfermedad y otros muchos beneficios de todo orden, claro está, en una escala superior a la que era posible conceder antes de esta nuestra UNIÓN (...)".
En 1949, conta cun pazo da súa propiedade en Olivos; e en 1955 consegue ter unha sede social da súa propiedade na rúa Sarandí, nº 847, onde se instalan as súas oficiñas. Esta sede contaba cun amplio salón para actos culturais e celebración de festas, unha sala-biblioteca, salas de presidencia, secretaría e un bar-comedor para os socios. Ten un amplio espacio libre dedicado a xogos ao aire libre, verbenas, etc. Son propietarios tamén dun campo na avenida Libertador en Olivos, ao que os socios chaman Pazo Galego.
En xaneiro de 1963 intégrase nesta sociedade a Agrupación cultural y artística "Rosalía de Castro".
No ano 1974 fusiónase co "Centro Coruñés de Buenos Aires" e pasan a denominarse "Asociación Gallega de Buenos Aires" pero ambas as dúas entidades teñen unha vida social propia, só se unen para a organización de grandes eventos e para defender unha política común dentro da colectividade.
Finalmente en 1979 participan cos outros centros provinciais na fundación dunha nova entidade que segue a existir na actualidade, o "Centro Galicia de Buenos Aires".

Centro Perojano

  • AE-AR-CPero
  • Entidade colectiva
  • 1935 ata o ano 1940 que tras varias fusións pasa a denominarse Centro Villamarín - Perojano.

Esta sociedade foi creada o ano 1935 tras a fusión das sociedades de residentes de A Peroxa en Bos Aires.
En abril de 1939 comenzan as conversas entre as sociedades "Cultural Nogueira de Ramuín, unificada con Carballeira", "Sociedad de Pereiro de Aguiar", "Centro Nogueira de Ramuín", "Centro Perojano", "Hijos del Ayuntamiento de Esgos" para fusionarse. Finalmente o 8 de decembro de 1940 esta entidade se fusiona co "Centro Villamarín" pasando a ser o "Centro Villamarín-Perojano".
Funciona como tal ata 1990, data en que se produce unha nova fusión coa sociedade "Hijos de Arantey". Esta nova entidade mutualista, cultural e recreativa segue a traballar a prol dos sus asociados na actualidade.

Centro partido de Carballino

  • AE-AR-CPCar
  • Entidade colectiva
  • 1918-09-23 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada en Olivos (partido de Vicente López, Bos Aires) por un grupo de emigrantes naturais do partido xudicial de Carballiño residentes na Arxentina. Foi dende a súa fundación unha sociedade cultural e recreativa.
Os seus obxectivos están recollidos nos seus estatutos (1957): estreitar os lazos de unión entre arxentinos e nativos do partido de Carballiño; fomentar o amor á terra dos seus maiores entre os descendentes de nativos do partido de Carballiño como entre todos os españois ou arxentinos; soster relacións de amizade e camaradería coas asociacións afins; propender á unión entre os seus asociados e que se presten axuda recíproca e colaboración; fomentar os hábitos de estudio e o san recreo en bibliotecas, festas e conferencias; contribuír co maior entusiasmo ao progreso e avance da familia carballinesa, axudando e secundando toda iniciativa para a súa mellor realización; orientar ao emigrante nativo do Carballiño á súa chegada a esta República.
Para organizar as súas festas e reunións conta cun recreo social da súa propiedade en Bartolomé Cruz, con capacidade para máis de 700 persoas. En 1988 inaugura na súa sede social a biblioteca "Francisco Luis Bernárdez". Nesta sede conta cun cruceiro e un cabaceiro, como promoción e símbolo da cultura galega.
Organiza varias festas anuais como unha moi recoñecida a beneficio do Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar. Celebra ademais diversos actos sociais e culturais como o Día das Letras Galegas, o Día de Santiago Apóstol, o aniversario da entidade, a festa do polvo e unha reunión mensual de todos os socios.
Publica como voceiro social O Aranteiro.

Centro Orensano de Montevideo

  • AE-UR-COr
  • Entidade colectiva
  • 1946-02-16 ata a actualidade

Este centro foi fundado por un grupo de emigrantes galegos, naturais da provincia de Ourense, liderados por Emilio Sampil, ourensán de nacemento e figura destacada da colectividade emigrada en Uruguai. A sociedade foi creada para “unir a todos los hijos de la provincia de Ourense, los oriundos que lo desen y las personas que quieran adherirse”, tal e como se recolle nos estatutos fundacionais.
Según estes, os obxectivos da mesma son: “Unir a todos os fillos e orixinarios de Ourense provincia e capital, nunha amplia solidariedade moral e material; defender a cultura galega sempre e cando non ofreza trabas á fraternidade humana; manter unha sección de información sobre os principais asuntos de Ourense e Galicia na produción artística e científica; realizar festas típicas, para recreo dos socios e as súas familias”.
Conta cunha sede social da súa propiedade, mercada nos anos 60: trátase dun local situado a 250 m. da Avenida 18 de julio, que conta con secretaría, sala de usos múltiples onde se desenvolve a vida social dos socios (realizan xogos de salón, proxección de videos e diapositivas, pequenas exposicións, conferencias, etc.), un pequeno escenario para espectáculos con capacidade para 300 persoas, un salón de reunións que comunica co bar, biblioteca e unha ampla terraza.
Trátase dunha entidade recreativa e cultural. En colaboración co Patronato da cultura gallega de Uruguay, realizaron a gravación da primeira misa en galego de todo o mundo “Bajo la Cruz de Santiago“.
No centro funciona dende hai anos unha “Oficina de información de turismo” que difunde material publicitario sobre Galicia.
A Xunta de Galicia concedeulles a Galeguidade.
Na actualidade conta con 286 socios dos que 194 son galegos.
Unha parte das súas actividades fainas en colaboración coas outras institucións españolas do Uruguai: ciclos de conferencias e exposicións, competicións deportivas, celebración anual de festas internas, nas que participan tanto o coro como o grupo de danzas de folklore galego da sociedade, ademais do ballet de folklore crioulo do Centro.

Centro Orensano de Buenos Aires

  • AE-AR-COr
  • Entidade colectiva
  • 1941-01-25 ata 1979-07-25, ano que se fusionaron todos os centros provinciais e crearon o Centro Galicia de Buenos Aires

Este centro foi creado pola fusión das sociedades ourensás "Centro Nogueira de Ramuín", "Sociedad Cultural Nogueira de Ramuín", "Sociedad Hijos del Ayuntamiento de Pereiro de Aguiar" e "Sociedad Cultural y Recreativa del Ayuntamiento de Esgos".
En marzo dese mesmo ano intégrase tamén a "Unión Provincial Orensana".
Son fundadores desta nova entidade Antonio R. Rodríguez, Alfonso Fernández Pol, Severino Gallego, Enrique A. González, Claudio Fernández, primeiro presidente social, Jesús Alonso, Luis Guede, Jesús Sinde, entre outros.
Esta sociedade defende o ideario da "Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina" á que está adherida. No seu programa de actuación detallan os seus obxetivos: crear bibliotecas populares en toda a provincia de Ourense; fundar unha gran biblioteca en Bos Aires, estabelecendo unha sección especial dedicada aos libros de ensinanza para nenos e adultos; protexer e axudar mutualmente aos socios para defender os seus dereitos; fomentar a cultura galega, o recreo como expresión de familiaridade, e especialmente o deporte, como medio de perfección física.
O 14 de novembro de 1944 edítase o primeiro número do xornal "El Orensano", voceiro social desta entidade; máis tarde pasou a publicarse baixo a cabeceira de "Opinión Gallega" conxuntamente co "Centro Pontevedrés".
A súa editorial "As Burgas" editou por vez primeira a obra de Castelao "Sempre en Galiza".
No ano 1945 inaugura na súa sede social un conservatorio musical dirixido por Herminia Cano e no ano 1946 crea un coro de gran prestixio na colectividade galega, chamado "Terra Nosa".
Dende 1950 suprimiu a concesión dos beneficios mutuais para limitarse ás actividades culturais e recreativas. Entre éstas cabe destacar a creación do "Día dos mártires galegos". Organiza numerosas exposicións de arte galega (escultura, pintura, debuxo, fotografías, etc.) realizadas nos seus salóns.
En 1952 edita un álbum de cinco discos dobres, nos que foron gravadas trece cancións galegas coa colaboración do coro da entidade, baixo a dirección do mestre, Isidro B. Maiztegui.
En 1979 os socios aproban en asemblea xeral a fusión do centro cos outros tres provinciais existentes na Arxentina, para formar o "Centro Galicia de Buenos Aires".

Centro Noya - Rianxo, asociación civil

  • AE-AR-CNoia
  • Entidade colectiva
  • 1986-05-25 ata a actualidade

Este Centro foi creado tras a fusión "Asociación del Partido Judicial de Noya" e o "Centro del Ayuntamiento de Rianjo" para que os seus socios, e tamén os arxentinos e os seus descendentes, contribúan ao maior realce do nome "gallego" en América.
A directiva fundacional da nova entidade estaba presidida por David Otero; outros dos seus membros foron Alfonso Cascallar, Francisco Rodríguez Gey, Miguel Allario, Isabel Liñayo e Manuel Moares Tubío.
Nos seus primeiros Estatutos (1988) están os seus obxectivos principais: fomentar e estreitar lazos de unión e fraternidade entre os naturais do Partido xudicial de Noia e do concello de Rianxo; fomentar a cultura e o recreo; soster unha biblioteca e salón de lectura e publicar un boletín social.
En 1991 sae o primeiro número da revista "Rías Baixas", voceiro oficial da sociedade. En 1992 editaron tamén o boletín social "Centro Noia - Rianxo".
Entre as súas actividades recreativas e culturais están a celebración do Día das Letras Galegas con homenaxes as figuras senlleiras da cultura galega, organización de conferencias, exposicións, e actuacións do seu coro "Rías Baixas" e do grupo teatral da entidade.
Tamén celebran a festividade de San Marcos, patrón de Noia, da Virxe de Guadalupe, patrona de Rianxo, festa fin de ano e numerosas ceas de confraternidade.

Centro Lucense de Buenos Aires

  • AE-AR-CLuc
  • Entidade colectiva
  • 1943-01-09 ata 1979-07-25, data da fusión dos centros provinciais nunha nova entidade chamada Centro Galicia de Buenos Aires

O Centro Lucense foi fundado pola fusión de varias sociedades de emigrantes galegos naturais da provincia de Lugo e que formaban parte da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, nunha política de unión das diversas sociedades afins, para así dispoñer de maiores posibilidades para lograr os seus obxectivos.
Para a súa creación fusionáronse as seguintes sociedades: "Fonsagrada y Baleira", "Alianza de Céltigos, Incio y Corbelle", "Brisas del Eume", "Sociedad vecinal de Cervantes", "Fonsagrada y sus distritos", "Unión Cultural de Lugo", "Monterroso y Antas de Ulla", "Sociedad del Ayuntamiento de Meira", "Unión Quiroguesa y sus distritos", "Centro del Ayuntamiento de Samos", "Pro-Escuelas unidos de Sarria", "Sociedad del Ayuntamiento de Trasparga", "Sociedad de Vicedo", e "Centro Vivariense". Máis tarde se lle uniron: "Parroquias Unidas del Corgo", "Centro Unión Villalbesa" e "Centro Friolense".
Dende a súa creación ten como tarefa principal a difusión da cultura galega e arxentina e a realización de reunións sociais e recreativas, así como a práctica de deportes. Segundo o seu presidente F. Insua en 1952 o seu fin prioritario era a unificación da colectividade galega nunha soa entidade cultural (cultura física e intelectual) e recreativa.
Na súa tarefa cultural, da que durante uns anos foi asesor, Eduardo Blanco Amor, fundan a Banda Lucense, coa que impartiu concertos e grabaron discos; en 1957 inaugura unha galería de arte, onde se expoñía a obra de grandes pintores galegos e arxentinos; estas exposicións foron doadas ao Museo de Lugo, que creou para acollelas a Sala América.
Ademais organizou na súa sede numerosas conferencias, seminarios etc., editou libros en galego e en 1943 edita un xornal que convertiron no seu voceiro oficial, "Lugo". En 1959 organiza unha escola de teatro que dirixe Roberto Villanueva e no ano 1962 crea unha cátedra de cultura.
No ano 1979 desaparece como tal, tras a fusión co "Centro Coruñés", "Centro Orensano" e "Centro Pontevedrés" créase unha nova entidade baixo o nome de "Centro Galicia de Buenos Aires".

Centro Lalín de Buenos Aires

  • AE-AR-CLal
  • Entidade colectiva
  • 1982-07-25 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada pola fusión das entidades dos emigrantes residentes na Arxentina, orixinarios da comarca do Deza: "Hijos del Partido de Lalín" (1908), "Hijos de Silleda" (1922), "Unión del Partido de Lalín" (1921) e "Sociedad de beneficencia y recreativa hijos de Golada y afines" (1930).
A súa fundación tivo como finalidade principal agrupar nun so Centro ás distintas sociedades do partido xudicial de Lalín debido ao descenso de socios que xa nos 70 e 80 viñan rexistrando; desexan manter os mesmos fins de axuda mutua, cultura e recreación das entidades fusionadas, tal como recollen os seus estatutos (1982): "Art. 2º - Son sus propósitos: a) fomentar los vínculos de amistad y camaradería entre sus asociados; b) cultivar y difundir el espíritu de asociación; c) establecer relaciones con las entidades que practiquen la ayuda al pueblo gallego o se interesen por las distintas manifestaciones de su cultura; d) propender a la cultura general y preferentemente a la divulgación del conocimiento de la historia, el arte, la literatura, el comercio, la industria y la economía de Galicia, en relación con esos mesmos temas de España en general; e) inculcar entre sus asociados el amor a las instituciones de la nación argentina, así como también el respeto a sus leyes, usos y costumbres.
Para cumplir los fines expuestos en el artículo anterior la asociación "Centro Lalín de Buenos Aires, social, cultural y recreativo" pondrá en práctica a medida que las circunstancias lo permitan:
1º ) salones de reunión y recreo para sus asociados; 2º ) campo de deportes, educación física y recreo al aire libre; 3º ) fiestas sociales, bibliotecas, cursos de cultura gallega y argentina; 4º ) fondos para el desarrollo, intercambio y fomento artístico argentino-galaico, así como para la creación y sostenimiento de un salón de exposiciones".
A directiva fundacional estaba constituída por: presidente, Luis López Garra; vicepresidente, Marcelino Villaverde; secretario, Casiano Vidueiras; tesoureiro, Marcial Sánchez; prosecretario, Jesús Manuel; vogais: Isaac Lalín, José Couto Villamayor, José L. Fernández, Florentino López Abelendo, Manuel Sánchez, Salvador Villa de Rancos, Arturo Framinán, José Elías Taboada, Alfonso Castro, Daniel Camba, José Furiños, Manuel Montero e José Lois
Dende a súa creación organizan numerosas actividades culturais e recreativas para os socios, mantendo o seu lema social de unir a todas as familias lalinenses en Buenos Aires e procurar o seu benestar e recreación.
Ten un conxunto de danzas gallegas "Lembranzas del Centro Lalín" e un conxunto de gaitas, integrados polos socios e que actúan nas numerosas festas organizadas pola entidade e pola colectividade galega en Bos Aires.
Dende 1984 publican unha revista, co nome da entidade, que serve como voceiro oficial da mesma.

Resultados 1301 a 1320 de 1750