Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Centro hispano-brasileiro de cultura

  • AE-BR-CHBC
  • Entidade colectiva
  • 1972 ata a actualidade

Esta entidade foi creada cunha finalidade instrutiva, para formar aos descendentes de emigrantes pero tamén a todos os brasileiros na cultura española. Conta con varios centros de formación nos que se imparten clases de primaria e secundaria. Teñén recoñecido a convalidación cos estudos españois polo Ministerio de Educación de España.

Centro Gallego Nós

  • AE-ES-CGNos
  • Entidade colectiva
  • 1978 ata a actualidade

O Centro Galego Nós foi fundado no ano 1978 e adoptou esta denominación da “Revista de Cultura Galega Nós”, que tiña membros tan insignes como Vicente Risco, Otero Pedraio ou Florentino Cuevillas. Dende o ano 1978 a nosa institución mantén o firme e decidido compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os nosos socios, novas xeracións e público en xeral.

Según os seus estatutos os fins do centro son:

- Favorecer a relación entre todos os emigrantes galegos.
- Manter e fomentar o sentido da identidade nacional galega.
- Facilitar a comunicación entre os galegos e os restantes habitantes de Catalunya e as súas respectivas culturas.
- Manter unha constante conexión coa realidade de Galicia, informando e aportando alternativas.
- Contribuir ó desenvolvemento e promoción da cultura galega en todos os seus aspectos.
- Traballar pola normalización do idioma galego.
- Servir de encontro aos seus socios, establecendo e fomentando entre eles relacións de amizade e cordialidade; estimulando a cooperación.

Conta cun local social de tres plantas en propiedade con salón cultural, biblioteca, sala de audiovisuais, restaurante-bar, terraza, local para ensaios, etc. Nel realizan cursos de danza, gaita, confección de traxe tradicional ou campionatos de Tute e Brisca. Levan a cabo as Xornadas Culturais Galegas, con conferencias, recitais de poesía, exposicións, presentacións de libros, etc. Celebran a “Festa Major de Sabadell” e a “Cea do Nadal”, ademais das principais festas tradicionais galegas como: “Día de Galicia”, “Magosto”, “Antroido”, “A Sardiñada”, etc, con representacións do foclore e a gastronomía galegos. Tamén celebran cada ano a “Festa Galega” no Parc de Catalunya, que supón unha mostra da cultura e gastronomía galega aberta a todos os cidadáns de Sabadell. Teñen un Grupo de Gaitas e Danzas que participa nas actividades da entidade e en intercambios culturais con grupos doutras casas rexionais, como os ”Encontros de Gaiteiros e Pandereteiras”.

Publican anualmente a revista "Nós”, na que recollen artigos de importantes personalidades do mundo político, artístico, literario, etc., reportaxes e pinceladas históricas de temática galega, actividades realizadas durante o ano pola entidade, etc.

Ó Centro foille recoñecida a condición de galeguidade pola Xunta de Galicia o 28 de xaneiro de 1988, por Decreto 24/88 publicado no DOG nº 28 do 11 de febreiro de 1988. No verán de 2003 o concello de Trabada, en Lugo, lugar de nacemento do seu presidente, Rogelio Martínez, adicou unha das súas rúas a este centro.

Centro Gallego en Burgos

  • AE-ES-CGBur
  • Entidade colectiva
  • 1995-12-13 ata a actualidade

Centro fundado o 9 de novembro de 1995, data na que un grupo de galegos unidos por un mesmo ideal constituíron esta entidade e redactaron os seus estatutos. Nesta etapa fundacional destacan as figuras de María Carmen Rodríguez Suena e Emilio Rodríguez Castro, como primeiros impulsores e defensores do proxecto. Nunha segunda etapa, xa de consolidación, tivo lugar a inauguración do centro o día 21 de maio de 1999 polo ex secretario xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas. O local, en réxime de arrendamento, ten unha superficie de 204 m2, dos que 80 m2 están subarrendados como bar-restaurante. O resto do espazo está equipado para dar servizo de comedor, xogos, sala de conferencias e biblioteca.

Foille recoñecida a condición de galeguidade o 5 de xuño de 1997. Logo de moito esforzo e traballo por parte de todos os socios e simpatizantes, o centro conseguiu un prestixio moi merecido que continúa ata agora, pois alí onde se celebra un acto multitudinario ou simbólico realza a Galicia e a Burgos coa súa presenza. Pola súa sede pasaron figuras destacadas do mundo da política, da arte, da música e da danza, e moitos peregrinos que se encamiñan cara a Santiago de Compostela seguindo a rota do Camiño Francés.

Segundo os seus estatutos os fins da agrupación son:

- O recreo, para o que contan co grupo de baile “Aturuxo” e a súa banda de gaitas.
- A beneficencia e protección mutua entre os seus asociados, prestando axuda aos galegos que estivesen enfermos e sexan pobres de solemnidade.

Unido ao anterior, este centro a mediados do século pasado convertiuse nun referente, non só para a colectividade galega senón para toda a comunidade xa que alí se impartían clases de coro, gaitas e danzas galegas, ademais de contar cunha prestixiosa academia de secretariado.

As actividades que periódicamente se celebran neste centro son:

- Cursos de gaita e baile tradicional galego.
- Cursos de lingua, literatura e cultura galegas.
- Conferencias e charlas informativas.
- Campionatos sociais de mesa.
- Exposicións de escultura, pintura e debuxo.
- Xornadas gastronómicas.
- Taller de costura.
- Excursións de tipo cultural ou de ocio.

O centro implícase moi activamente nos actos e celebracións que se desenvolven en Burgos e así participa na Festa de Reis, Festa S. Lesmes (patrón de Burgos), Festa de Carnavais, etc. Organizan o Día das Letras Galegas, a Festividade de Santiago Apóstolo, Magosto, San Xoán, Día de Galicia en Castilla-León, etc., e manteñen relacións coas Peñas e Casas Rexionais asentadas na cidade.

No ano 2001 crearon a coral “Sinxelos” e editaron por primeira vez a revista “O Camiño”, ademais de manter vivo e activo un equipo de fútbol sala.

Centro Gallego en Álava

  • AE-ES-CGAla
  • Entidade colectiva
  • 1955-09-23 ata a actualidade

Este Centro Galego constituise o 23 de setembro de 1955 por un grupo de galegos residentes en Áraba coa finalidade de "crear na capital alavesa unha continuación espiritual e irmanamento dos galegos no culto a España e ao recordo vivo a Galicia; dar a coñecer Galicia na súa dobre versión espiritual e material, velar polo benestar dos seus fillos e estudiar, á vez os costumes e a cultura peculiar do pobo no que vivimos, ao que debemos hospitalidade, para a mellor harmonía co mesmo".

Dende 1985 o centro forma parte da "Irmandade de Centros Galegos en Euskadi".

Esta asociación celebra festividades galegas como o Día do Apóstolo ou o Día das Letras Galegas e festas relacionadas coa presencia galega no País Vasco como o "Día de Galicia en Euskadi" e o "Día de las Casas Regionales en Álava".

Contan cun grupo folclórico galego creado en 1946, e formado por 31 músicos. Organiza bailes, reunións de irmandade de centros, conferencias, comidas e diversos actos culturais nos que interveñen os seus grupos de teatro e folclóricos.

Centro Gallego del Perú

  • AE-PE-CG
  • Entidade colectiva
  • [2003] ata a actualidade

En 1993 créase a "Asociación Gallega del Perú" que a partir do ano 2000 parece quedar disolta. Pero o xerme da unión entre a pequena colectividade galega residente en Lima permanece e de novo en 2003 volve impoñerse a idea de darlle pulo a unha nova entidade que os reunifique.
Como a anterior a súa creación segue vinculada co Centro Español de Perú, e manteñen alugado un local na súa sede na Avda. Salaverry.
A súa primeira directiva estaba integrada por: presidente, Víctor Manuel Ramírez Pardo; vicepresidente, Eugenio Francisco Prieto Bernárdez; secretario de actas, Alicia Flores García; secretario de economía e finanzas, Miriam Luz Ginés Novas; secretario de cultura, recreación e deportes, José Guillermo Babío Ramírez; secretario de benestar social, Violeta Cárdenas de Rey; secratrio de relacións exteriores, Manuel Cobas Corrales, e como vogais: Consuelo Novas Loira e Julio Martínez Villavicencio.
Como a súa antecesora trátase dunha sociedade recreativa, defensora da cultura e tradicións galegas no país andino.
En 2004 comeza a editar o boletín societario co nome da entidade.
Entre as súas actividades están a organización de conferencias, visionado de películas, recitais de poesía, organización de cursos de galego e baile tradicional etc. Colabora tamén coa difusión do país en Galicia, intentando establecerse como ponte para o asentamento de empresas e particulares galegos nos sectores económicos peruanos.

Centro Gallego del partido de General Sarmiento

  • AE-AR-CGSar
  • Entidade colectiva
  • 1993-01-15 ata a actualidade

Este centro foi creado polos galegos residentes en José C. Paz, localidade arxentina pertencente á provincia de Bos Aires, baixo o patrocinio de Francisco Pazos González e Ramón Luis Rúa, emigrantes galegos asentados alí.
A súa finalide está recollida na acta constitutiva da entidade: "agrupar a todos os galegos e simpatizantes residentes na Arxentina; fomentar as bellas artes e organizar reunións e festas sociais, deportes e xogos lícitos; propender á maior vinculación posible dos galegos entre sí e establecer vínculos de confraternidade cos arxentinos; crear unha biblioteca pública; organizar excursións por Arxentina e o extranxeiro".
É unha asociación eminentemente recreativa que celebra todos os anos o Día de Galicia e as festas patronais galegas e arxentinas, con ceas e bailes para os socios.
Edita dende 1994 como órgano social a "Revista Galicia".

Centro Gallego de Winterthur

  • AE-SU-CGWin
  • Entidade colectiva
  • 1973-04-01 ata a actualidade

No ano 1973 fundouse o Centro Galego coa idea de reunir a tódolos galegos residentes en Winterthur. Estaban abertos a todas aquelas persoas que simpatizaran coa cultura galega e que estiveran dispostas a colaborar cos seus obxectivos:

  • Honrar a Galicia
  • Desenvolver actividades culturais, sociais e recreativas

No seu local en propiedade, inaugurado o día 9 de outubro de 1992, dispoñen de oficinas, despacho, sala de reunións, biblioteca, sala de xogos, bar e almacén.

Organizan cursos de lingua galega e alemán, clases de danza e gaita, conferencias, proxección de vídeos, mesas redondas... Dende 1990 contan co grupo de danzas e gaitas "A Xesta" e dende 1992 publican o boletín "Xuntanza". Contan tamén con varios equipos de fútbol cos que participan en diversos campionatos.

Os seus Estatutos, redactados en castelán, indican que os cargos de presidente e vicepresidente están reservados a galegos (artigo 17b).

Centro Gallego de Vizcaya en Baracaldo

  • AE-ES-CGBiz
  • Entidade colectiva
  • 1901-06-24 ata a actualidade

Esta sociedade creada o 24 de xuño de 1901 por un grupo de galegos residentes en Barakaldo naceu como unha entidade de protección aos socios, creando unha caixa de socorros que servían para paliar as necesidades dos enfermos e parados. Entre os seus fundadores destacan Ricardo Alvárez, como primeiro presidente social; José Quiroga, Tomás Villamil, Silverio Escobar, Ramiro Vieira Durán, Antonio López López, Manuel Fernández Rodríguez.
Pouco a pouco e nos anos 40 empezaron a primar as actividades culturais e recreativas ata a actualidade que seguen unha política de priorizar a participación dos socios máis novos da entidade.
En xullo de 1962 crean o grupo de danza e músuca galega "Doces Lembranzas".
Entre as diversas actividades celebran o Día da Patria Galega e a Semana das Letras Galegas, o Antroido e o Magosto. Organizan a "Mostra do Libro, Disco e Cerámica Galega". Convocan o premio literario "Breogán" e organizan cursos de lingua galega e euskera. Na súa sede social imparten conferencias e exposicións.
Manteñen algunhas actividades de tipo benéfico, como axudas económicas a galegos, sexan socios ou non, que estén necesitados, e para iso teñen unha comisión investigadora para avaliar cada caso concreto.
Dende 1981 editan a revista social "Vagalume"; como boletín da xente máis nova da entidade publican en 1989 "A Catrapola" e en 1987 comezan a editar "O Xistral".

Centro Gallego de Tres Cantos

  • AE-ES-CGTCan
  • Entidade colectiva
  • 2000 ata a actualidade

Este grupo de galegos residentes en Tres Cantos reuníuse a comezos do ano 2000 para falar da posibilidade de formar un Centro Galego. A partir de ahí comezou a andadura do centro que ten por fins agrupar a cantas persoas estean vinculadas a Galicia por nacemento, natureza, ascendencia familiar, arraigo ou simpatía, así como promover e cultivar os valores, o patrimonio cultural -histórico, artístico, folclórico e gastronónimo- de Galicia dentro do ámbito tricantino. Eduardo García Díaz foi un dos seus socios fundadores e antigo Presidente.
Actualmente o centro está asociado á Xunta de Galicia e pertence á "Federación de Asociaciones Gallegas de Madrid". Organiza cursos e actividades de toda índole -culturais, deportivos e gastronómicos- de maneira regular.

Centro Gallego de Tarragona

  • AE-ES-CGTar
  • Entidade colectiva
  • 1976 ata a actualidade

O Centro Gallego de Tarragona fúndase no ano 1976. A súa primeira sede estaba situada na rúa Apodaca e, tras varios cambios de sede, actualmente está situada no Paseig Torroja. Dende os seus inicios mantén o compromiso coa divulgación de Galicia e o galego, desenvolvendo diversas actividades relacionadas coa música, o folclore, a cultura e a gastronomía galega.

Dispón de grupos de baile e de gaita e de coro polifónico, organizan conferencias no Día das Letras Galegas e sobre temas históricos e actuais. Ademáis imparten actividades formativas, organizan excursións a Galicia e promocionan a gastronomía e os productos galegos no propio Centro e nas festas populares, sendo unha tradición a súa “queimada da Rambla”.

Centro Gallego de St. Gallen

  • AE-SU-CGSa
  • Entidade colectiva
  • 1971-10 ata a actualidade

O centro fundouse a primeiros de outubro de 1971. O seu fundador foi Antón Couceiro Beade, mestre chegado no mes de setembro para impartir clases de Lingua e Literatura Españolas aos fillos dos emigrantes. Couceiro decátase axiña de que a maioría dos emigrantes procedentes do Estado español en St. Gallen e bisbarra son galegos, polo que poñéndose á cabeza dun grupo deles, deciden fundar unha sociedade galega.

Os comezos da sociedade foron díficiles. Couceiro, de ideas nacionalistas, foi acusado de comunista por outros socios, porque a circular que enviou para a convocatoria dunha Asemblea estaba escrita en galego, polo que viuse obrigado a pedi-lo seu traslado a España. A sociedade estivo a piques de desaparecer cando no ano 1975, debido a que algúns dos seus membros fundadores decidiron o pasamento do Centro. Pero nese intre fixose cargo da sociedade Nicolau Torea, que con grande esforzo conseguiu sacala da súa maior crise.

No ano 1996, na conmemoración do XXV aniversario da sociedade, dos máis de douscentos socios fundacionais só quedaban tres: Felicindo Barbazán, Domingo García e Nicolau Torea.

O Centro Galego naceu coa idea de ser o aglutinador dos galegos de St. Gallen e a súa bisbarra, e o mesmo tempo desenvolver todo tipo actividades a prol da cultura e da lingua galega. Os seus Estatutos, redactados en galego, sinalan ademais:

  • Desenrolar actividades culturais, artísticas e conferencias sobre temas preferentemente galegos.
  • Facilitar medios educativos e de recreo os socios
  • Prestar asistencia moral e material aos galegos que o necesiten (sexan ou non socios).

A súa sede social conta cun local destinado a bar e tamén para “xoga-la partida”, sala de xuntas (que fai tamén a función de comedor para banquetes nalgunha efeméride da sociedade), cociña con despensa, secretaría, biblioteca e outras dúas dependencias menores para almacén e trasteiro. Ademais, a sociedade aluga para as grandes actividades
pavillóns de deportes e salas de grande capacidade en hoteis.

Conta co grupo folclórico "Lembranzas", organizan recitais de poesía galega, conferencias, celebran o Día das Letras Galegas e unha romería polo Día de Galicia e organizan torneos de fútbol.

Centro Gallego de socorros mutuos de Comodoro Rivadavia

  • AE-AR-CGSMCom
  • Entidade colectiva
  • 1923-07-22 ata a actualidade.

Esta entidade foi fundada por un grupo de galegos residentes na cidade de Comodoro Rivadavia, liderados por Francisco Arturo Lastres, que se converteu no seu primeiro presidente.
Trátase dunha entidade recreativa e cultural onde se reunían os emigrantes galegos para confraternizar e axudarse en casos de necesidade.
Na actualidade realizan numerosas actividades recreativas, celebrando festas e banquetes para afianzar a unión dos galegos e dos seus descendentes; contan cun coro galego, unha rondalla e un grupo de música e baile tradicional galegos.

Centro Gallego de Sion

  • AE-SU-CGSion
  • Entidade colectiva
  • 1971 ata a actualidade

O Centro foi fundado no ano 1971 co desexo de desenvolver actividades culturais, sociais e deportivas e os Estatutos, redactados en castelán, foron aprobados nunha Asemblea Xeral Extraordinaria que tivo lugar o día 26 de novembro do mesmo ano, no Café Arlequín de Sion.

O Centro organiza diversas actividades, como proxección de películas ou ciclos de conferencias, celebran o Entroido e participan na Liga Corporativa de fútbol.

Dende a reforma dos seus Estatutos levada a cabo o 17 de decembro de 1976, os socios non galegos pasaron a ter voz e voto na sociedade, en iguais condicións que os socios galegos.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Centro Gallego de Santander

  • AE-ES-CGSan
  • Entidade colectiva
  • 1934-02-18 ata a actualidade

En 1918 existían na cidade dúas sociedades galegas; Casa de Galicia e Colonia Gallega. O 18 de febreiro de 1934 decidiuse realizar a fusión de ambas entidades, nacendo así o CENTRO GALLEGO DE SANTANDER. Durante os primeiros anos de vida a sociedade tivo a súa sede nun piso do Paseo de Pereda. Dende o principio contou con moita presencia e participación na vida da cidade, convertíndose no referente e modelo das casas rexionais de Santader e provincia. Baixo a presidencia de Emilio Otero Val en agosto de 1972 adquírese o entresuelo do nº 47 da rúa Hernán Cortés para convertirlo en Sede do Centro e, en decembro de 1980, cómpranse os baixos do edificio. Tras levar a cabo obras de acondicionamento e reforma pasará a ter salón de actos, biblioteca, bar-restaurante e sala de Bingo.

A sociedade ten recoñecida a súa galeguidade por Decreto 79/1988, de 3 de marzo.

Centro Gallego de Santa Fé

  • AE-AR-CGFe
  • Entidade colectiva
  • 1919-10-05 ata a actualidade

Este centro foi creado por un grupo de galegos residentes en Santa Fé (Arxentina), na casa de Gerardo e José Pérez, co fin de reunirse e axudarse mutuamente. Primeiramente tiveron a súa sede no barrio de Candioti Sur, pero grazas aos esforzos dos socios conseguiron construír unha sede social da súa propiedade na Avenida Galicia nº 1357.
Centra as súas actividades na celebración do Día da Galicia e do seu aniversario social, a organziación de reunións mensuais de camaradería, con bailes e banquetes, etc.; tamén realiza actividades deportivas. En 1987 crearon un grupo de gaitas e máis tarde un conxunto de baile tradicional chamado "Andoriñas".
Esta entidade tivo unha crise institucional, pola elevada idade dos seus socios e a falta de novas incorporacións, que fixo que en 2010 parase a súa actividade societaria e o edificio quedase abandonado.
En 2012 un grupo de descendientes e naturais de Galicia, reuníronse para iniciar o proceso de normalización da entidade e proxectar a recuperación do edificio. Para iso contaron co apoio da municipalidade de Santa Fé e tamén da Xunta de Galicia.
Hoxe en día volven a reunirse na súa sede social para realizar actividades recreativas e culturais.

Centro Gallego de Salamanca

  • AE-ES-CGSal
  • Entidade colectiva
  • 1957-05-27 ata a actualidade

O Centro Gallego de Salamanca foi fundado o 27 de maio de 1957. A institución xurdiu pola inquietude dun numeroso grupo de estudantes galegos que recibiron o apoio e o respaldo de distintas autoridades locais, de orixe galega, que neses momentos desempeñaban os seus cargos en Salamanca, como era o caso de José Luís Taboada García, quen exercía de gobernador civil da provincia por aquela época. As primeiras reunións para concretar a formación da entidade fixéronse nos baixos dunha cafetería e a elas acudían unha trentena de galegos. O concello facilitoulles o enderezo dos galegos residentes na cidade (que non chegaban ao millar), a partir dunha petición dos membros destas primeiras asambleas.

A primeira Asamblea Xeral, á que acudiron prensa e radio locais, fíxose nos locais da Sociedad Musical Filarmónica, con cuxa directiva acordaron o traspaso do local, que a partir dese momento pasou a ser a nova sede social do Centro Gallego. Desde o primeiro momento existiu unha gran sintonía entre os membros da institución e a cidadanía, xa que gran parte dos socios estaban moi implicados na vida social da cidade. Por outra parte, ó crearse unha sección de socios simpatizantes, eran moitos os salmantinos que formaban parte desta sociedade. En consecuencia, ao Centro Gallego, sempre se lle considerou en Salamanca como unha institución galega enormemente ligada ás actividades sociais da mesma.

Nos primeiros anos organizaban moitos bailes con orquestra (bisemanais), cobrando aos non socios unha pequena cantidade; tamén facían distintas rifas nas que participaban os socios, pero coa instalación dun bingo, fonte principal de financiamento do centro, a súa situación económica melloraría considerablemente permitíndolle mercar unhas instalacións máis completas. No ano 1982, coincidindo co seu 25º aniversario, adquiriron unha parcela chamada Finca “El Juncal” situada a 4 kilómetos de Salamanca, no lugar de Villamayor de la Armuña co obxectivo de destinala a zona deportiva e así atraer á xuventude ao centro. A extensión aproximada é duns 18.000 m2, na que se conta cun edificio e unha zona de arborado. Dende 1990 teñen local social en propiedade no que dispoñen de restaurante, salóns de usos múltiples para exposicións e conferencias, bar de socios, sala de xogos (para cartas, axedrez, dominó, etc), gran salón, sala de prensa e unha importante biblioteca con máis de 4.000 volumes.

A este centro foille recoñecida a condición de galeguidade o 3 de marzo de 1988. A entidade é membro da Federación de Centros Gallegos de Castilla y León.

Centro Gallego de Rosario, asociación mutual

  • AE-AR-CGRos
  • Entidade colectiva
  • 1956-11-05 ata a actualidade

O actual Centro Gallego de Rosario foi fundado pola fusión en 1956 do antigo "Centro Gallego" e a "Asociación de Saviñao y sus contornos", a outra entidade galega da cidade, para formar así unha entidade máis grande e con máis posibilidades para facer actividades recreativas e de axuda mutua para os socios.
Durante uns anos chámase "Centro Gallego y Saviñao", pero finalmente é coñecido como "Centro Gallego de Rosario".
Os promotores da fusión foron entre outros José Seoane Nogueira (primeiro presidente social), Monseñor Atilano Vidal Núñez, Darío Cano, Hilario Manso, Luis Salgado, José M. Fontela e Luis Rúa.
Entre os seus fins (aprobados nos seus estatutos sociais de 1987) destacan: "fomentar a axuda mutua entre os asociados; prestar servicios funerarios; otorgar subsidios e empréstimos aos asociados; proporcionar servicios de asistencia médica integral e farmacéutica; realizar actividades recreativas e culturais; contratar seguros; establecer un fondo compensatorio para a xubilación, etc.".
Dende 1994 editan a revista "Galicia en Rosario" como voceiro da entidade.

Centro Gallego de Río Gallegos

  • AE-AR-CGRío
  • Entidade colectiva
  • 1927-08-21 ata a actualidade

Dende a década de 1910, os galegos residentes nesta zona reuníanse cada 25 de xullo para conmemorar a festividade do apóstolo Santiago cunha cea de fraternidade. Será en 1927 cando se deciden a crear unha asociación galega que os agrupase. Nomean unha comisión provisoria formada por destacados membros da colectividade, entre os que destacaban Benigno Lago Estévez (primeiro presidente social), Salvador Lago, Manuel Lires, Juan A. Méndez, José Lorenzo Sierra, Benigno Carro García, Pedro Villar, Fernando Tanarro, Hermenegildo Cea, entre outros
Segundo os seus estatutos a entidade ten por obxecto principal crear un fondo común destiñado a socorrer aos socios necesitados, con asistencia médica e farmacia. Tamén organiza diversas actividades sociais como bailes, comidas, reunións familiares, conferencias, etc.

Centro Gallego de Rio de Janeiro

  • AE-BR-CGRio
  • Entidade colectiva
  • 1900-01-01. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi fundada pola colectividade galega residente en Rio de Janeiro co obxecto de servir de vínculo entre os galegos, proporcionando aos seus asociados asistencia médica, medicinas e subsidios para a repatriación, esparcimento, instrución e amparo legal contra as arbitrariedades e inxusticias que no seu perxuicio se poidesen cometer.
A súa primeira directiva estaba integrada polos seguintes persoeiros: como presidente honorario, Matías Fernández Murias; presidente, José Blanco Ameijeiras; vicepresidente, Fernando Bondad; secretario, Manuel Suárez y Jorge; vicesecretario, Domingo Campos; tesoureiro, Avelino Núñez Gregorio; vicetesoureiro, Laureano Acuña; e como vogais: Manuel Franco Piñón, Manuel Núñez Martínez, José Fernández, Manuel Suárez Vila, Maximino Alvárez, José Luis Diz, Graciano Pousa, Angel Pérez, José F. Rodríguez e Andrés Mouriño.
Nos seus primeiros estatutos, aprobados en 1901, recóllense os fins da entidade:
"Art. 2º: si bien independiente, desde su fundación se considera confederada con las sociedades hermanas existentes y con las que se instalen en lo sucesivo, así como también con las Ligas Gallegas, establecidas en Galicia, cuyos fines este Centro abraza y hace suyos (...).
Art. 3º: a más de lo expuesto en el artículo anterior, procurará el Centro: 1º - proporcionar a los asociados la instrucción que sea posible, pero en particular la primaria que se precisa para ser miembro útil de la sociedad; 2º - celebrar las glorias de España y principalmente las de Galicia, con solemnidad y demostraciones especiales; 3º - enaltecer el nombre de la pequeña Patria, honrar a sus hijos beneméritos y demostrar a los que no la conocen la honradez, ilustración, amor patrio y elevados pensamientos que generalmente distinguen a los hijos de la región galaica; 4º - fundar una sección con reglametación especial para proteger al inmigrante gallego y a los coterráneos residentes en la República brasileña; 5º - establecer escuelas nocturnas, a las que podrán ingresar los socios, los hijos y parientes de éstos siempre que sean mayores de 12 años y cuando los fondos de la Sociedad lo permitan, una o más diurnas para los hijos y parientes de los socios y para todos aquellos que le sea posible, las cuales serán o no gratuitas. Las clases nocturnas serán gratuitas; 6º - dar conferencias que abracen todos los ramos del saber humano en general, pero muy especialmente pondrá su empeño en difundir los conocimientos necesarios en la práctica de la vida diaria, social y doméstica; no se tratará en ellas ni política ni religión; 7º - facilitar a los asociados a todo género de diversiones que se armonicen con las buenas costumbres; 8º - proteger a los asociados contra todo género de arbitrariedades e injusticias que con ellos se cometan; 9º - figurar colectivamente, como sociedad española que es, en todo acto patriótico que tienda a honrar el nombre de España".
En 1927 xa conta cun edificio da súa propiedade como sede social que está valorado en 22.000.000 de reis, e que foi construído por medio de obrigacións e empréstimos.

Centro Gallego de Puerto Rico, Inc.

  • AE-PR-CG
  • Entidade colectiva
  • 1974 ata a actualidade

O Centro Gallego de Porto Rico foi creado en 1974 polos membros da colectividade española, de orixe galega, residentes no país centroamericano. Liderados por Enrique Álvarez Granada, a súa esposa Concepción e Alejandro Beitía, deciden crear un centro que aglutinase aos emigrantes galegos, os seus descendentes e simpatizantes con Galicia. Foi fundado como unha sociedade de beneficencia e axuda mutua que pouco a pouco foi derivando nunha sociedade recreativa e cultural (eles mesmos, actualmente se denominan “casa cultural”) que se reúnen en banquetes con comida tradicional galega, romarías, etc.
Aos poucos anos conseguiron entre todos os socios mercar unha finca na zona de Cupey, onde se construíu a súa sede social e se instalou un campo recreativo e deportivo. Conta tamén cunha capela onde os socios celebran misas, vodas, bautizos e festividades relixiosas. Nas súas festas actúan grupos de baile e música galegos, integrados polos fillos e netos dos socios. É famosa unha festa gastronómica onde coiñan unha gran paella para todos os socios e os seus convidados.
Actualmente é unha das entidades de emigrantes máis recoñecidas do país. Entre os seus presidentes máis destacados podemos mencionar a: Enrique A. Granada (fundador e primeiro presidente), Joaquín Quiñoy, Herminio Castro, José Quiñoy, Jesús Alcalde, José Gómez Vilacoba, Manuel Santiago ou José Gómez.
En 2010 inauguraron, con presenza do anterior secretario xeral de emigración da Xunta, o Santiago Camba, unha nova sede social en Ocean Park, no centro da capital, preto dunhas grandes instalacións deportivas (canchas de tenis e baloncesto, campos de futbol, etc.), propiedade do goberno portorriqueño pero que os socios poderán utilizar como sociedade sen ánimo de lucro.

Resultados 1321 a 1340 de 1750