Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Sociedad agrícola, cultural y recreativa del municipio de Vedra en Buenos Aires

  • AE-AR-SocVed
  • Entidade colectiva
  • 1910-10-01 ata a actualidade.

En 1910 un grupo de conveciños de Vedra, residentes en Buenos Aires, teñen a iniciativa de formar unha entidade que agrupara no seu seo aos conveciños das doce parroquias que compoñen o seu concello natal, coa finalidade de "apoiar moral e materialmente os esforzos dos homes que no lonxano terruño loitaban por emanciparse do prepotente caciquismo reinante".
A reunión tivo lugar na casa dun dos seus máis entusiastas propulsores, Manuel Fernández Castelao, apoiado por José Collazo (primeiro presidente da sociedade), José Cepeda, Manuel Pereiras, Manuel Fernández, José Estévez, Andrés Mosquera, Clemente Fandiño e Andrés López.
O lema desta sociedade agraria, instrutiva e cultural foi "Unión, Protección e Apoio ao Progreso".
Por iniciativa dos socios, a Comisión Directiva resolveu nunha reunión do 13 de outubro de 1911, mercar un terreo na parroquia de Vedra para levantar unha Casa Social, remitindo aos veciños a suma de 600 pesetas para adquirir o solar. Xa estabelecida a sociedade matriz en Vedra, colaboran activamente co sindicato agrario de Vedra, enviando cartos para a compra de abonos, semillas, prantas, sulfatos, azufres e doazóns destinadas a premios para os escolares das parroquias para lograr "o estímulo e elevación cultural del labriego unas veces y para contribuir a mitigar necesidades materiales y humanitarias otras".
En novembro de 1919 comezan unha subscrición para a edificación das pontes de Bazar e Pedreta na parroquia de San Andrés de Trobe e en agosto de 1926, celebran un festival a total beneficio da construción dunha casa-escola en Trobe. Ademais colaboran na construción de varios edificios escolares nas parroquias de San Pedro de Sarandón, Ponte Ulla e San Miguel.
Leva a cabo tamén un importante labor asistencial, dando axudas económicas aos socios, facilitando pasaxes para emigrar sin pago de intereses e tamén para a repatriación en caso de enfermidade.
Polo seu devir como entidade houbo disensións que provocaron o desmembramento da sociedade por parte de grupos de socios naturais dunha determinada parroquia ou tamén de grupos de socios descontentos como os que crearon o "Comité Auxiliar de Agricultores de Vedra" ou posteriormente a "Mutua y Auxiliar de Agricultores de Vedra".

Sociedad artística y recreativa orfeón de Fonsagrada

  • AE-AR-OrfFon
  • Entidade colectiva
  • 1925-05-13 ata 1936-04-19, data na que se fusionou coa sociedade "Residentes del partido de Fonsagrada en Buenos Aires", dando lugar a unha nova entidade co nome de "Unidos de Fonsagrada y sus distritos"

Entidade artística e recreativa creada por un grupo de emigrantes naturais da Fonsagrada para realizar actuacións e actividades recreativas e culturais no seo da colectividade galega residente na Arxentina.
En 1936 aproba a súa fusión coa sociedade "Residentes del partido de Fonsagrada en Buenos Aires", dando lugar a unha nova entidade co nome de "Unidos de Fonsagrada y sus distritos".
En 1943 pasarán a formar parte do recén creado "Centro Lucense" de Bos Aires.

Sociedad ayuntamiento de Rianjo y Taragoña (unificadas)

  • AE-AR-SocRiaTa
  • Entidade colectiva
  • 1946 ata 1986, ano no que se fusionan coa "Asociación del partido judicial de Noya", dando lugar a unha nova entidade "Centro Noya Rianxo, asociación civil"

O 24 de setembro de 1922 un grupo de emigrantes naturais da parroquia de Taragoña (concello de Rianxo) fundan na capital arxentina unha sociedade de instrución denominada "Residentes de Taragoña", que tras un breve período de crise, será refundada como "Hijos de Taragoña en la República Argentina" o 20 de xuño de 1923.
En 1924 leva a cabo unha campaña para conseguir máis recursos económicos para construír unha casa-escola nun terreo xa mercado por esta sociedade. O edificio se inaugura en 1929 e será dedicado a escola de nenos e nenas da parroquia.
No ano 1947 desaparece tras a súa fusión coas outras sociedades de emigrantes naturais do concello de Rianxo, convertíndose nunha sociedade recreativa e mutualista.
En 1948 a nova entidade edita a revista "Rianxo", voceiro social moi interesante, con notas gráficas, referencias históricas e interesantes colaboracións.

Sociedad cultural de Cervantes

  • AE-AR-SocCer
  • Entidade colectiva
  • 1928-04-08 ata 1943, cando se fusiona con outras entidades da provincia de Lugo para crear o Centro Lucense de Bos Aires

Esta sociedade foi creada en 1928 polos emigrantes naturais do concello lucense de Cervantes, residentes na capital arxentina. Tiña unha finalidade claramente cultural e recreativa.
En 1943 fusiónase con outras entidades de emigrantes da provincia de Lugo para crear o Centro Lucense.

Sociedad cultural de El Pino

  • AE-AR-SocPin
  • Entidade colectiva
  • 1925 ata 1941, ano no que se fusiona con outras entidades del partido xudicial de Arzúa e pasan a chamarse "Asociación partido judicial de Arzúa y cultural de El Pino".

En maio de 1925 un grupo de emigrantes naturais do concello do Pino decide fundar unha nova sociedade da que formarán parte todos os veciños das parroquias do partido xudicial de Arzúa (Arca, Budiño, Castrofeito, Cebreiro, Cerceda, Ferreiros, Gonzar, Lardeiros, Meda, Pereira, Pino e Pastor), residentes na Arxentina. A súa creación foi patrocinada pola sociedade "Unión Galaico-Americana". Meses despois publica a súa intención de apoiar e organizar outra sociedade dos veciños do Pino residentes en Cuba, acordando imprimir e enviarlles notas impresas explicando a maneira máis convinte para realizar tal propósito.
Entre os socios fundadores podemos citar qa Bonifacio Botana, Manuel Gil, Luis Carreira, Manuel Fandiño, José Muiña, José Gómez Muiña, Andrés Fandiño, Manuel Suárez Seijo, Antonio Otero, José Pereiro, Ramón Cotón, José Blanco e Antonio Calvo, entre outros.
En 1925 organiza un festival artístico-literario e baile familiar a beneficio da escola civil "Cristóbal Colón", que funciona na parroquia de Gonzar (O Pino). Para a construción e mantemento da escola contaron tamén coa axuda dos seus veciños en Galicia. Está ademáis creando unha biblioteca ambulante, con máis de 200 volumes, que percorrerá todas as localidades do partido xudicial de Arzúa.
En 1926 inicia o proxecto de crear unha cooperativa de consumos e unha pequena granxa agrícola, sempre colaborando cos seus paisano sda illa de Cuba.
En 1941 sabemos da súa fusión coas sociedades do partido xudicial de Arzúa en Bos Aires, pasando a denominarse "Asociación partido judicial de Arzúa y cultural de El Pino".

Sociedad cultural hijos de las tres parroquias de Dodro

  • AE-AR-ParDod
  • Entidade colectiva
  • 1913-05-18 ata 1940.

Os naturais de Dodro, emigrantes en Bos Aires, crearon esta sociedade agraria e mutualista, no país de acollida para axudar no funcionamento da Sociedade Agraria de San Julián de Laíño (parroquia do seu concello natal).
Entre os seus fundadores podemos citar a Tomás Viturro (primeiro presidente da entidade), Ramón Torrado, Perfecto Blanco, Manuel Reboiras ou Manuel Viturro, entre outros.
Con finalidades agraristas e instrutivas, os seus estatutos sociais recollen que entre as súas prioridades están apoiar a loita do sindicato agrario da súa parroquia contra o caciquismo local e axudar no desenvolvemento da instrución da xuventude da súa terra natal.
Ao pouco tempo da súa fundación, fan un envío de 6000 pesetas á sociedade de agricultores, para a construción en Tallós dun edificio, que debía funcionar como a súa sede e no que debían habilitar unhas aulas para escola dos nenos e nenas da parroquia.
En decembro de 1916, hai noticias do remate das obras e da inauguración do edificio social. Ademais do financiamento das obras, mandan cartos periodicamente destinados ao seu mantemento e ao pagamento do soldo do mestre, ata o ano 1956.
Esta entidade formou parte da Federación Agraria del Distrito de Padrón en Buenos Aires, entidade que tiña como voceiro a revista El Eco de Teo.
O nome fundacional desta sociedade fai referencia á orixe parroquial dos socios fundadores. En 1940, debido ao cambio de finalidades, prodúcense disensións que provocan a súa disolución.

Sociedad cultural Nogueira de Ramuín (unificada con Carballeira)

  • AE-AR-SocNog
  • Entidade colectiva
  • 1932 ata 1941, ano no que se fusiona con outras entidades da provincia de Ourense e crean o Centro Orensano de Buenos Aires

Esta sociedade foi creada a comezos de 1932, tras a fusión da "Sociedad cultural de la Carballeira", creada no ano 1917, e a "Sociedad de Nogueira de Ramuín", creada o 4 de xullo de 1931. Esta última fora fundada pola separación dun grupo de socios do Centro Nogueira de Ramuín, que xa existía en Bos Aires dende 1918; estes socios, comandados por Antonio Alonso, Enrique Soto Fernández, Claudio Fernández, Luis Guede, Angel R. Barbato, Antonio Devito, José Soto Fernández, entre outros, eran contrarios á política da entidade con respecto á Federación de Sociedades Gallegas.
Unha das condicións da fusión de ambas as entidades, creadas polos emigrantes do concello ourensán de Nogueira de Ramuín residentes en Arxentina, foi que se mantivese como unha das súas finalidades a construción da casa-escola na Carballeira. Ademais tiñan obxectivos mutualistas e culturais.
En 1934 organizan unha velada musical a total beneficio desta edificación escolar e en 1935 un dos membros da directiva, Claudio Fernández, foi enviado a Galicia para axilizar as obras.
Esta sociedade manifestouse totalmente favorable ao bando republicano. Creou o Comité de Nogueira de Ramuín de Ayuda al Frente Popular Español e enviou varias doazóns económicas para a República.
Tras o triunfo franquista, a idea imperante na Federación e na colectividade galega residente en Arxentina era a unión entre as sociedades afíns, para conseguir maiores logros sociais e superar o microasociacionismo existente. Tras numerosas reunións, o 25 de xaneiro de 1941 prodúcese a fusión das sociedades ourensás de Bos Aires, Centro Nogueira de Ramuín, Sociedad Cultural Nogueira de Ramuín (unificada con Carballeira), Hijos del Ayuntamiento de Pereiro de Aguiar e Sociedad Cultural y Recreativa del Ayuntamiento de Esgos. Constituirase unha nova entidade baixo o nome de Centro Orensano de Buenos Aires.

Sociedad cultural recreativa Carballeira

  • AE-ES-SCarb
  • Entidade colectiva
  • 1979-01-06 ata a actualidade

A iniciativa de crear un centro galego en Zarautz xorde dun grupo de galegos que quedaban os venres para cenar.

Segundo o artigo nº 2 dos seus Estatutos de 27 de novembro de 1980 o seu único obxectivo é proporcionar aos socios un lugar de reunión e contar con medios de instrucción adecuados, como lectura de prensa, obras literarias, etc. No artigo nº 3 especifican o resto de actividades que se permitirán: toda clase de xogos que sexan lícitos, así como todo xénero de distraccións que non atenten contra a urbanidade, o decoro, educación e respecto ás propias persoas.

No seu local social contan con dous comedores, cociña, bodega, oficina, etc. Contan cun grupo folclórico, celebran o Día das Letras Galegas e unha festa societaria o día do Apóstolo Santiago e colaboran con outros centros ou sociedades para recadar fondos con carácter benéfico.

Sociedad cultural y agraria del distrito de Mugía

  • AE-AR-SocMug
  • Entidade colectiva
  • 1923-01-30 ata 1940, no que se fusiona coa "ABC del partido judicial de Corcubión".

Esta sociedade foi creada por un grupo de emigrantes, naturais do concello de Muxía e residentes en Bos Aires, para crear escolas na súa terra natal e axudar ao desenvolvemento do seu distrito; tamén tiña fins mutualistas coa creación dun fondo de socorro para a repatriación dos socios enfermos ou necesitados.
Pódese destacar entre os seus proxectos:
a) axudar nas necesidades máis urxentes do concello, en tres aspectos fundamentais: a instrución elemental (neutra e racional) e a ensinanza agrícola ( en canto se refire á divulgación dos modernos coñecementos e prácticas sobre agricultura, gandería, industria leiteira e derivadas, e especialmente o desenvolvemento de granxas), e o fomento dos sindicatos agrícola-gandeiros (como factores do progreso económico da comarca e do benestar individual do labrador, dende a imposición dun seguro, implantar as cooperativas para a adquisición de semillas e abonos químicos e sobre todo á creación de caixas rurais de depósito e empréstimo que liberen ao labrador das garras da usura).
b) dotar ao partido xudicial dunha sala de primeiros auxilios médicos.
Esta entidade foi fundada por iniciativa de Leopoldo M. Balboa, Eduardo Leis, Ramón Lestón, Antonio Paz, Joaquín Campos, Manuel Oreiro e C. Balboa López.
No ano 1925 merca un solar na parroquia de Morpeguite para construír unha escola e unha granxa experimental, onde os alumnos terían clases de gandería e de agricultura científica, pagadas dende Arxentina. A finca estaba situada entre Morpeguite e Pasantes, punto estratéxico circundado de varios camiños veciñais para así facilitar o acceso á escola aos numerosos nenos das parroquias de Muxía. Envía 2.600 pesetas para efectuar a compra do solar.
En 1928, xira 250 pesetas para a subscrición organizada entre os veciños de Moraime, para conseguir fondos con que dotar á súa escola de material de lectura, e mobiliario dos que se atopa moi necesitada. Acordouse que os mestres das escolas do concello recabasen informes sobre as necesidades máis urxentes das súas respectivas escolas e llos enviaran á esta sociedade. Tamén lles envian 280 pesetas ao mestre de Merexo. Tamén envían libros e mapas de Arxentina e Bos Aires para as escolas. Institúe un premio anual para o mellor alumno das escolas.
En decembro sae na prensa a noticia de que o concello de Muxía ofrécese para construír un edificio escolar seguindo as normas aconselladas pola pedagoxía moderna, que vai funcionar como escola agrícola, na que ademáis da ensinanza primaria. Esta sociedade ofrécelle o seu apoio e fondos para realizar esta importante obra.
En 1931 fai unha doazón de 500 pesetas para a Residencia de estudiantes da USC.
Dende 1928 publica un boletín social co nome da entidade.
Xa a finais dos anos 30 comeza as conversas coa "A.B.C. del partido judicial de Corcubión" para a fusión de ambas as dúas entidades. Esta fusión levouse a cabo en 1940.

Sociedad Cultural y Artística Rosalía de Castro

  • AE-CU-Rosa
  • Entidade colectiva
  • 1945-06-19 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada o 19 de xuño de 1945 como unha entidade para realizar actividades de tipo cultural e recreativo: escola de baile, grupos folclóricos, etc.
No ano 1990 fundaron o grupo folclórico "Aires Galegos da Habana e Escola de bailes" que con motivo do aniversario da súa fundación actúan en diversos lugares e participan en festivais por América. Tamén é deste ano a creación do grupo de baile e música "Aires Galegos da Habana".
Teñen a súa propia sede social nun antigo edificio que data de 1877. Ademais do salón de baile que funciona como teatro, conta cun salón para actividades recreativas (billar, tenis de mesa, dominó e axedrez) e un restaurante con comida tradicional galega e criolla e unha cafetería.
Pertence á "Comisión Coordinadora de las Sociedades Gallegas de Cuba" (29/05/1992) e forma parte da "Federación de Sociedades Españolas en Cuba" (7/04/1992).
Na actualidade, e dende o ano 2000, o seu presidente é Sergio Manuel Toledo Bueno.

Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira

  • AE-AR-SocBal
  • Entidade colectiva
  • 1931-02-12 ata 1939/10/08, data da súa fusión con "Unidos de Fonsagrada y sus distritos", dando lugar a unha nova entidade chamada "Unidos de Fonsagrada y Baleira"

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello de Baleira residentes na capital arxentina. Dende os seus inicios ten como finalidades prioritarias a axuda mutua e apoio entre os socios e a realización de actividades recreativas para fomentar a unión entre os mesmos. Defende tamén postulados agraristas.
En 1938 aproba en asemblea a súa fusión coa sociedade "Unidos de Fonsagrada", pasando a constituírse nunha nova entidade co nome dos dous concellos lucenses. Finalmente esta entidade participará na creación do Centro Lucense de Buenos Aires en 1943.

Resultados 1501 a 1520 de 1750