Asociación Hijos del Ayuntamiento de Maside
- AE-AR-HMas
- Entidade colectiva
- 1915-05-16, na actualidade non existe pero non coñecemos a data da súa disolución
Esta sociedade foi fundada por un grupo de emigrantes galegos, naturais do concello de Maside e residentes en Bos Aires. Un dos seus promotores e primeiro presidente foi Cándido Fernández. Foi creada con fins mutualistas e de axuda ao seu concello natal na medida das súas posibilidades.
Xa en 1924 os seus socios aprobaron a adquisición dun terreo en Maside co obxeto de que comenzasen os traballos para construír unha escola graduada; pero no ano seguinte, por problemas internos, aproban nunha asambleia a súa disolución e que os fondos sociais fosen doados ao seu concello natal para realizar melloras no seu pobo.
No ano 1928 aparece a noticia en varios xornais da refundación desta entidade e comézase a construción en Maside do primeiro pavillón-escola, financiado dende Arxentina.
En febreiro de 1934 fusiónase coa sociedade "Centro Cultural y Recreativo Masidense" e en outubro de 1935 nomea un delegado ante a "Comisión Pro-unión de los residentes del Partido de Carballino" para tratar unha posible fusión de todas as sociedades de emigrantes naturais deste partido xudicial, que fructificará en 1936 coa fundación dunha nova entidade co mesmo nome, integrada ademais pola "Sociedad del Distrito de Carballino", "Residentes de Lobanes y sus contornos" e o "Círculo Daconés".
Tras o estalido da guerra civil española, é unha das sociedades galegas que envían varias remesas de roupa e produtos alimentarios para os defensores da república española.
En 1959 publican a revista "Maside" como voceiro social.
