Unha das finalidades do AEG consiste na recuperación, salvagarda e difusión do patrimonio documental precedente das asociacións ou centros galegos espallados polo mundo. Esta labor desenvólvese de maneira sistemática desde o ano 2003 e resulta primordial para evitar o deterioro ou extravío da documentación societaria xerada polas entidades de emigrantes galegos e galegas, tanto no Exterior como no resto de comunidades autónomas. Mediante a difusión do patrimonio documental e gráfico cúmprese o fiel compromiso de poñer dito patrimonio á disposición dos usuarios para a súa consulta e reprodución, pois constitúe unha valiosa fonte de información.
Este fondo documental comprende documentación de distinta índole, como por exemplo: estatutos, libros de actas das xuntas directivas, libros de socios, correspondencia, memorias sociais, folletos con información sobre as distintas actividades societarias etc. Os soportes documentais obedecen tanto a versións orixinais, como a dixitalizacións ou copia xerográfica.
A colaboración dos distintos responsables políticos en materia de emigración da Xunta de Galicia fixo posible a realización deste proxecto do AEG.